Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rituais ancestrais do Entroido (4)

miércoles, 01 de junio de 2022
Achegas históricas á corrida do Galo en Galicia e nos Concellos Chairegos de Castro de Rei e Cospeito

1º. Algúns novos xogos desta etapa

Estes xogos van ter como centro de referencia ao galo, que vai estar acompañado dos concursantes, que participan nos mesmos.

Nas parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres, pertencentes ao concello pontevedrés de Vilaboa, o galo vivo foi sustituído nesta nova etapa por un boneco de goma, plástico ou mesmo tea. Na actualidade, segue mantendose a tradición con dúas Rituais ancestrais do Entroido (4)variantes: O galo na charca e o galo na vara. A primeira consiste en poñer un pao de madeira engraxado, atravesando o río.

Logo, os participantes teñen que pasalo de pé para coller o falso galo, que está suxeto no extremo dunha pola, situada sobre o río. A outra modalidade baséase en subir por un pao longo de madeira duns cinco metros, que tamén está cuberto de graxa. O premio é acadado por aqueles participantes, que ascenden ata o máis alto do pao onde se encontra o galo (1). Estes van recibir de agasallo galos de razas autóctonas como a de Mos (Pontevedra). Na parroquia de Fornelos, situada no concello pontevedrés de O Rosal, levouse a cabo unha nova readaptación do ritual, logo da súa prohibición.

Hoxe, os concursantes no evento festivo, van disfrazados e subidos en cabalos, burros, ponys, ou artefactos de catro rodas; o seu obxectivo é romper as olas, que están penduradas dunha corda, tendida dun lado ao outro da rúa principal, coa axuda dunha vara de madeira. O mellor premio vai ser para aquel participante, que logre romper a ola, que garda un galo, representado cunha figura de papel (2).

A comezos do ano 2020 recuperouse na localidade ourensán de A Mezquita a festa de Reis co seu "ritual do galo". No obstante, agora os galos son realizados de trapo. Deste xeito tentase recuperar unha tradición de hai moitos anos adaptandoa a realidade actual. Ademaís, os veciños fixeron dúas máscaras, pintadas coa figura do galo, que sairon polas rúas da localidade pedindo o aguinaldo (3). Trátase dos "zamarreiros".

2º. Representacións populares do entroido: Dramas, comedias, sermóns, xuizos, ligados ao galo e a outros elementos sustitutivos
As representación de índole popular, que se levaban a cabo no tempo de Entroido, segundo Vicente Risco, tiñan unha orixe medieval (4). No obstante, para outros pensadores como é o caso de González Montañés estas non poderían acreditarse denantes do século XVIII (5). Estas representacións tiveron unha gran repercusión na sociedade galega non só de carácter urbano senón tamén rural.

Con respecto ao ámbito urbano é mester mencionar "aos apropósitos" na cidade de A Coruña e con certa influencia de cara a localidade de Betanzos. Os apropósitos eran pezas teatrais de carácter satírico, que adoitan amosar os eventos máis importantes acaecidos n acidade no transcurso do ano. Eran elaborados e, tamén, interpretados as máis das veces por persoeiros profesionais no seu xénero. Estes, que comenzaron a representarse a principios do último tercio do século XIX, tiveron en Santiago Álvarez, máis coñecido por Nito, ao seu principal representante. Este, logo da súa prohibición polos efectos da guerra civil do 36, conseguiu recuperar o xénero no ano 1949 malia a censura (6).

En canto ao medio rural e, como elemento sustitutivo da "corrida do galo" - ritual cruento e violento- comenzaron a representarse pezas cómicas, que tiñan unha clara influencia dos usos teatrais, que se estaban desenvolvendo n acidade. Así, na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla, pertencente ao concello coruñes de Vedra, recuperouse a peza teatral de "a corrida do galo", que comezou a interpretarse o século pasado na década dos corenta. Trátabase dunha comedia en sete actos, que estaba articulada a xeito dun debate no que o diálogo era o protagonista. A súa urdime xiraba sobre o xuizo dun galo, que estaba interpretado por un veciño da comunidade parroquial. Ademaís, nesta peza teatral interviñan outros persoeiros: o celador, o avogado defensor, o fiscal, o padriño, a madriña. Con respecto a lingua, que se usaba na comedia, empregábase cun tono burlesco tanto o galego como o castelán en función do status social dos persoeiros (7). No desenvolvemento da comedia, interviña un relator que facía alusión aos delitos, que cometera o galo. Tamén un avogado defensor e un fiscal que pronunciaban os seus alegatos. Finalmente, o acusado (o galo) acababa sendo condenado mais quedaba orgulloso das súas fazañas e delitos, como queda reflectido nos seguintes versos: "Nacimos catorce irmaus / mirade que formigueiro. / E para a nosa desgracia/ todos de palleiro/". "Eu boteime polo mundo / correndo as aldeas todas./ Cantas polas encontraba, / picotazóns con todas..." (8).

Outras representación, tamén na provincia de A Coruña, foron "as pezas cómicas do Rituais ancestrais do Entroido (4)casamento e a matanza", que se realizaban no concello coruñés de Touro. A farsa da matanza consistía básicamente na morte dun porco, feito de palla, e que levaba un petardo no seu interior... Tamén, cómpre sinalar o entremés da parroquia de Bora, que forma parte do municipio de Pontevedra. A súa trama radica nas queixas dunha veciña, xa de idade, polo fume que bota a vivenda do alcalde, que vive ao seu carón e, tamén polo roubo dunhas sardiñas por parte dos seus criados... O final remata coa vella integrándose a troula festiva. Asi mesmo, temos en San Pedro Barizo, parroquia do concello coruñes de Malpica, "o xogo das vacas". Esta representación, executada ainda hai dez anos, ten como trama central a interpretación burlesca dunha sementeira e unha venda de vacas, que ao final non son vendidas. Ademais, había outras representación de carácter popular como os Testamento do gato de Vilancosta (A Estrada - Pontevedra) e Alongos (Toén - Ourense). Os testamentos do burro de Laza, Celanova e a Mezquita (Ourense) e de Vilaxoán (Vilagarcia de Arousa - Pontevedra). Tamén, nas parroquias de O Cádavo, e Fonteo (Baleira - Lugo) e na Meda (Castroverde-Lugo) escenificouse o "Xuizo do Entroido" con intervención dun alguacil, avogado defensor, fiscal e xuiz; en Fonteo (Baleira - Lugo) o acusado, representado polo galo símbolo da luxuria carnavalesca era custodiado por un garda civil, que o detiña cada vez que tentaba sair. Na parroquia de Morlán (Trazo - A Coruña) celebrábase o "Testamento do Antroido", que posiblemente fora un ritual sustitutivo dunha peza teatral ou dun ritual cruento como "a corrida do galo". Así mesmo, nestas escenificacións do Entroido é mester distinguir "as mascaradas da comarca do Ulla", que abrangue a municipios de A Coruña e Pontevedra. Nas mascaradas, propias de cada parroquia, participan xenerais, correos, centinelas e, tamén, un coro de mozos /as con traxes típicos. Os xenerais adoitan dar as ordes pertinentes aos demáis integrantes da mascarada, como comezar a marcha, visitar as casas da parroquia, dando "vivas" aos seus integrantes, momento no que escomenza a teatralización. No obstante, os momentos fundamentais da mesma é cando se leva a cabo "un atranque ou alto", reflectido na disputa verbal, case sempre en verso, entre un veciño da aldea e a mascarada, rematando sempre en concordia. A teatralidade segue ata "o atranque final", que se realiza ao atardecer nun lugar axeitado da parroquia. Alí a mascarada se fragmenta en dous bandos e iníciase un enfrontamento en verso, que está ensaiado de antemán. O contido do mesmo adoita referirse a sucesos, que aconteceron a nivel mundial, estatal, autonómico, e municipal; ademaís a lingua que se utiliza é o castelán. (9).

NOTAS:
1. Diario "A Voz de Galicia" do 12-02-2017.
2. www.atlantico.net
3. www.ourense.com
www.laregion.es
4. RISCO, Vicente.: Ob. cit, páx. 631.
5. GONZÁLEZ MONTAÑES, J.: "Teatro de Carnaval". En www.xente.mundo-r.com /juliomonta/carnaval.htm.
6. G. AMARELLE, Raquel.: Galicia en Entroido, Santiago de Compostela: Consellería de Innovación e Industria. Xunta de Galicia, 2006, páx. 107.
7. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: "Teatralidade e Teatro no Entroido de Galiza", en o Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos. Actas do Congreso, primavera-outono, 2009, Lugo: Lugo Patrimonio, Deputación Provincial de Lugo, páx. 115.
8. Cocho, Federico.: Ob. cit., páxs. 204-205.
9. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. : Ob.cit., páxs. 120-121.
MARIÑO FERRO, X.R.: Ob. cit., páx. 200-201.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES