Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un paseo pola complexidade ideoloxía

viernes, 27 de mayo de 2022
O termo "ideoloxía", e derivados, soen ter un uso difuso polas súas numerosas connotacións, e estas, no campo da política, cobren unha interesante gama de matices na economía, na moral, no dereito e na orientación constitutiva e gobernativa nas organizacións estatais. Así que o estudo de tal cobertura, a nivel especulativo e pragmático, nestes espazos, xera as suficientes discrepancias para saír fartos da tarefa.

Pretendo ofrecerlles un paseo por estas pasaxes temáticas -que é unha labor lixeira, superficial, o pouco sistemática- para pór de releve a existencia dalgunhas cuestións nas que os especialistas evidencian o seu saber. Comecemos considerando que as ideoloxías teñen algún grao de parentesco cos ídolos, que adoitan definirse como "figuras de falsas deidades ás que se da adoración", e quen os adora reciben o nome de idólatras, termo derivado de "ídolo" e "latría" (do grego, latreía, -as; ou látreuma, -atos = servidume, adoración). Creo que se trata dunha relación aproveitable noutros contextos máis adiante. Polo tanto, na esquezamos.

Nesta mesma liña está o filósofo alemán Max Scheler, quen escribiu que todo espírito finito ou ben cre en Deus ou nun ídolo, na súa obra "Sociología del saber", traducida por José Gaos, e publicada en Bos Aires, Siglo Veinte, 1.973, páx.222., facéndose eco dos ídolos do filósofo inglés Rogelio Bacon. Así que penso que isto é moi significativo, xa que estamos en presenza dunha testemuña documentada desa percepción da vinculación da persoa humana aos ídolos, como pode ser a firme crenza en que na Natureza reina a orde, o aferrarse as ideas adoptadas, a dos enganos dos sentidos, outorgar realidade a cousas imaxinadas ou desexadas, etc., que corresponde aos ídolos da tribo en R. Bacon.

Agreguemos a isto que, como o termo IDEOLOXÍA ten diversos significados, non sempre é fácil determinar con cal deles estamos xogando. Cando menos, podemos entender aquí por "ideoloxía" unha temática filosófica que se ocupa principalmente da análises das ideas, e pode facerse referencia a Destutt de Tracy, e moitos outros, como, incluso, Pierre Leroux, a Saint-Simon, a Fourier, a Comte, etc., cuxas ideas sociais teñen matices ideolóxicos; pero tampouco se pode prescindir da importantísima labor de Hegel. E, aproveitándoa Marx, deriva nunha idea da ideoloxía como ocultadora da realidade, e tamén o mesmo Pareto sostén que a ideoloxía nin sequera describe a realidade social, limitándose as normas da acción. Max Scheler sitúa a ideoloxía dentro da socioloxía do saber no contexto social e histórico. Un pouco orixinal ven a ser Quine que a considera como a expresión das ideas dunha realidade ontolóxica, coa advertencia de que non hai correspondencia entre a ontoloxía dunha teoría e a súa ideoloxía. (Este extenso parágrafo é unha mera indicación inicial para situar ao lector na complexidade desta temática, e, limitando así a exposición a este sentido, evidentemente vai carecer dunha mínima suficiencia informativa substancial).

Parece que o termo "ideoloxía" foi introducido por Antoine Destutt de Tracy, considerándoa como medio para determinar a orixe e a formación das ideas, e Marx, como indicamos, sostén que a ideoloxía oculta e enmascara a realidade, aínda que afirma que pode servir como instrumento de loita, e neste caso o proletariado cando toma o poder establece unha ideoloxía militante que non é outra cousa que o materialismo histórico, é dicir, conceptuar a historia en perspectiva materialista e dialéctica.

Tal é, pois, a diversidade semántica do termo que incluso se frecuenta o seu uso en sentido pexorativo: serve para desprezar un sistema de pensamento, con argumentos apoiados naquelas solucións que se apuntan nunha ideoloxía para resolver un problema; formulando a atribución de matices dogmáticos, algo nada estraño nas pugnas políticas e relixiosas; o seu emprego como materia de adoutrinamento, que pode conducir ao totalitarismo; a estimulación, en política, a adición a principios aceptados sen a necesaria autocrítica, etc.

Pero toda esta complexidade, que nos acompaña na panorámica que contemplamos neste paseo, está fundamentada, principalmente, na cuestión de si a ideoloxía é algo subxectivo ou obxectivo. Expresado noutros termos, pregúntase se ten a súa orixe nun certo apriorismo, ou é algo que emana do comportamento material da persoa humana. E parece que Scheler quixo evitar a opción dunha única postura e aplicou o que o hermeneuta Ortiz-Osés talvez designaría co termo CO-IMPLICACIÓN DIALÉCTICA, ofrecéndonos unha solución ecléctica, é dicir, aceptando un certo compromiso coa subxectividade e coa obxectividade, a diferenza de Marx e Engels que parten da actuación na vida real do home de carne e oso, non do que este di e se imaxina.

As variacións semánticas da "ideoloxía" parece que existen incluso nun mesmo autor, como ocorre co diferente uso que fai do termo Marx nas obras xuvenís e no Capital, así o pon de manifesto Paul Ricoeur na súa obra "Ideología y Utopía", Gedisa, Barcelona, 2.006, afirmando que Marx ao comezo entende por ideoloxía o que se opón a natureza humana, en o Capital o que se opón a ciencia, acabando por considerar ideolóxico no campo social todo traballo pre-científico.

Tamén os estudosos desta temática nos apuntan un problema xerado na que denominan "ideoloxía de identificación", porque estrutura a realidade social en grupos dun poder que se fai (ou pretende facerse) eficiente en sectores definidos polo xénero, a clase social, a raza, etc., que compiten entre eles por dominar a narrativa social. A loita ten por obxectivo facer parcial a realidade para axustala as súas respectivas esixencias, o que adoita traer serias consecuencias cando todo isto se leva ao goberno e a lexislación, descoidando, por suposto, a necesaria atención ao contexto.

En fin, todo un galimatías que algunhas actitudes e comportamentos irresponsables de singulares personalidades conducen a presentar, e incluso a impoñer, unha realidade, sobre todo social en sentido amplo, como cren que debería ser se non fora como é, e polo que pretenden cambiala esgrimindo falaces argumentos. Así que penso que en gran medida todo isto contribúe a que se xeneralice o emprego do termo "ideoloxía" para designar certas desvalorizacións. A propósito, acabo de ler, na resposta a un comentario dun artigo de D. Adolfo Castilla, doutor en enxeñaría e catedrático de economía aplicada, o seguinte: "yo creo, de hecho, que todo lo que hemos montado alrededor de la Ciencia, y de la racionalidad, tiene mucho de Ideología". E isto pon en tea de xuízo o merecido prestixio dalgúns científicos con unha visión reducionista da realidade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES