Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

martes, 07 de octubre de 2008
Meu amigo Antón:

Xa sei que me chamaches onte á noite, pero eu andaba pola vila de vixiante nocturno, como adoito facer a diario, e non escoitei o sinal do meu teléfono móbil, pero non te alporices: non é que non quixera responderche, é que non oín. Preguntaranse os nosos oíntes que cousa poderías querer de min a aquela hora da noite. E a resposta é ben sinxela: nada urxente, afortunadamente, nin tampouco moi importante, só que tiñas moitas ganas de latricar, por mantéreste vivo, pois a aquela hora xa estás farto de televisión e de seres un simple espectador que adormece despois de ver o partido de fútbol. Cando chamas a esa hora, asústame algo porque temo que aconteza algo serio, aínda que xa vou tendo a confianza de que non sexa o caso. En realidade, con moita frecuencia, nin sequera sabes de que me queres falar: os temas van saíndo sen que os tiveras previstos, pero logo engánchanos e non facemos máis que encher o ar de minutos cobrados ás nosas respectivas centrais telefónicas. E eu sempre acabo por preguntarme por que non saes a pasear comigo no canto de falar polo teléfono, e por que non facemos como a Nena, a Tita, a Sofía, a Sagrario e a Milena, ese grupiño tan xeitoso de vilalbesas que non se privan de aproveitar as agradables horas da anoitecida para gozaren da ledicia da palabra e do comentario diario. Porque, se o pensamos ben, cando decidimos saír de paseo, estamos abertos ao encontro cos veciños, e, cando conversamos, estamos dalgún xeito inventando o mundo, o noso pequeno mundo de cada día. Xa che teño explicado algunha vez o que dicía un meu apreciado sociólogo: a realidade acaba sendo tal como nós a vemos, aínda que esteamos confundidos, que, para evitar as confusións graves, está xustamente o diálogo, a confrontación de visións diferentes que nos permiten axustar o noso punto de vista. Pero o caso é que somos moi pouquiños os que nos permitimos gozar da palabra na noite. As máis das veces falo comigo e, se cadra, con Deus. A xente péchase nas súas casas e deixa que morra a conversa. A min, ben o sabes, gústame moito atoparme cos paseantes da noite, co Ñico e a súa dona, co Tito da Sagrario, co Gacio ou co Luís Castro e compaña: son os meus amigos cos que vou destripando o vivir de Vilalba. Mesmo ando pensando en que valía a pena asociármonos e crear aquilo que, como che teño dito hai tempo, poderiamos chamar o SOSVI, é dicir, a Serenísima Orde dos Serenos de Vilalba. E ata acabariamos por ser útiles, pois a figura do sereno -o Cubano, lembras?- non acaba de ser substituída axeitadamente pola policía local: a xente que pasa por aquí non sabe onde se informar.

E tamén sería unha asociación máis para engadir a esas moitas que, segundo nos di o alcalde Xerardo, existen na nosa vila. Eu pregunteiche a ti cantas asociacións coidas que teñen vixencia entre nós, e ti, así a bote pronto, calculaches que poderían ser seis ou sete, ou dez.... Pois non, parece que superan as setenta. A min tamén me sorprendeu, porque, por máis que a autoridade diga o contrario, a verdade é que non se notan en participación na vida pública. Claro que se contamos as asociacións de veciños que hai nas parroquias, a conta aumenta, pero teñen realidade en si mesmas?, non serán en moitos casos unha simple extensión do Partido Popular en cada parroquia?. Trátase só dunha pregunta, pero habería que indagar. E asociacións culturais, cantas hai?, e cantas funcionan algo?. Parece ser que agora, segundo me dis, preténdese, por parte do Concello, facer un censo de asociacións. Non sei a ti, pero a min paréceme moi ben. O censo, claro, tanto das que hai como do que fan en realidade. A pregunta que ti engadiches rápido, coa túa recoñecida malicia, é saber por que o goberno do concello tamén propón facer unha federación de todas elas. Unha federación que nace desde arriba, desde os que mandan, preguntábasme a min, non será un xeito de controlar ás distintas asociacións para que funcionen dacordo cos desexos dos que teñen o poder? A pregunta túa é, como digo, maliciosa, pero non deixa de ter o seu aquel de pertinente, porque, como é ben sabido, o asociacionismo forma parte da sociedade civil que se caracteriza pola súa autonomía con relación á Administración pública, e quen ten autonomía, se a quere gardar, non pode sometela sen máis ao poder. Ti, claro, xa estás a matinar que á cabeza desa posible federación acabará por estar xente adicta. A sociedade civil, se quere ser tal, ten que nacer de abaixo, da decisión dos membros que non hipotequen a súa actividade. Outra cousa diferente é que exista algunha forma de coordinar as diferentes actividades para que no tapen unhas ás outras, e, se cadra, algún persoal do concello podería facer ese labor, pero, que queres que che diga, eu prefiro que sexan as mesmas asociacións as que se dean as súas propias formas de federación, máis ou menos ampla, ou de coordinación axeitada ás necesidades reais.

Pero disto habemos ter tempo a discutir, despois de saber o que se fale e se decida no pleno consistorial.

Ata o venres que ven, e descansa. Unha aperta. Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES