Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Divagacións acerca das artes e as modas (I)

jueves, 19 de mayo de 2022
Cada unha debe escribir acerca do que lle preocupa; non entendo outra maneira de facelo, especialmente cando non se lle vai sacar ningún proveito ou máis ben un rédito negativo. Por iso, hoxe quero escribir ao redor de qué facer ante a avalancha do que se publica e do que se fai publicidade, do que se cataloga para desaparecer en semanas, dos escaparates que cambian antes de que dea tempo a miralos, do imperio da moda e a tiranía da rapidez no consumo, tamén, cultural. Estou a falar do libro, da súa industria e divulgación, da súa presenza nos escaparates das librarías e nos medios de comunicación, da súa visibilidade no espazo cultural.

Por que? Porque estou preocupada polas críticas, pero especialmente polos premios a libros editados, por como se reparten no nome dunha presunta obxectividade que non resulta ser tal porque a arte é arte, e se nun principio foron os emperadores, os nobres e reis, os poderes da Igrexa ou os grandes empresarios quen definiu que artista o era e cal non, hoxe son -de novo- os poderes que permanecen detrás das institucións, das coleccións privadas, das grandes galerías, dos "opinadores" ou críticos, das grandes editoras, quen pon o dedo na chaga ou a man nas costas. Así se fai a arte (plástica ou literaria), partindo desa certa arbitrariedade, porque está fóra dos números, non é o resultado dunha suma senón a consecuencia de decisións que moitas veces non se ven tan nidias como quixeramos.

Quen sería Miguel Ángel sen os papas correspondentes? Quen Velázquez sen os reis? Quen Van Goh sen o empeño do seu irmán? Quen calquera escritor sen o editor que o apoiou?

Por iso nos movemos nunha fina liña na que o que cae a un lado ou ao outro non está tan distante, ou non é, totalmente, o resultado da súa calidade, por iso temos que coidar as decisións e opinións, especialmente para non deixar atrás o gran, porque a palla quéimase soa. Cantas veces non dixemos isto (unha obra, un autor ou autora) non dura nin dez anos e tal pasou, mentres tivemos que observar como pasaba desapercibido un produto que agardamos que alguén (nalgún momento máis reflexivo) recupere.

Os artistas son seres vulnerables aos que hai que coidar, aconselloume nunha ocasión un gran programador cultural. Dicía, eles fan algo orixinal, creativo, e non poden saber con seguridade se vale ou non, ou ata onde chega a súa excelencia; o seu non é un traballo de funcionario que sela papeis. Tal vez por iso, desconfío moitas veces dos artistas vendedores, porque o tempo que dedican a facerse promoción non o empregan en crear ou reflexionar, en darlle voltas ao seu traballo, porque semellan máis negociantes que creativos, pero tamén entendo que nesta competición o que cala corre o risco de desaparecer. Pero, hai outro grupo, xustamente o dos que van en clubs (ou grupos de presión ou lobies ou como queiramos chamarlle), a dos que van apoiando a cuadrilla ou o fan entre eles/as de forma que, se ves quen está detrás, sabes que é o que vai saír como resultado.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES