Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Asignáronme oficio de matar...

martes, 10 de mayo de 2022
Din que hai estalos alá na fronte e que eu aquí deberei quedar. Esperando se as lebres inimigas fuxidías ou os cabalos de ferro, sedas ó vento, a trotar por aquí nalgún aciago intre veñen. Chámanlles a estes sombríos lugares trincheiras.

E aquí estou eu, encaixado neste fogar inhóspito e hostil onde a humidade me roe os riles e a miña obrigada noiva é só un fríxido fusil que só sabe metrallar.

Non sei ofender, mais dinme que hai perversos inimigos que moi mal nos queren. Eles saberán se é verdade, mais endexamais saberei que hai de verdade en todo isto que me din. Aquí porén hei de estar. Ordes din que son ordes. E non hai máis que falar. Se non, igual me matarán os meus, aqueles que me din que me queren moito aínda que só sexa ata o intre de eles mesmos me daren morte.

Dinme con todo que moitos daqueles que loitan contra min falan tamén entre si na miña mesma lingua. Aquela lingua que mamamos uns e outros desde nenos. Como pode logo entón ser verdade iso de que non nos queren? Pois as linguas constrúen sociedade e comunidade.

Ademais, ollando de día cara arriba, ben se ve tamén que eles e mais nós un mesmo ceo, redondo e azul, temos, onde alá no alto un sol alampa que a destra e sinistra brazadas amplas lanza de luz e de calor. Que loucura, logo, nos caeu enriba pra enchérmonos de odios e barbarie e destruírmos todo aquilo que tan ben feito está?

Aquí mesmo, á dereita do meu fero e cumpridor fusil e mesmo á beira da gabia en zigzag da nosa trincheira por sorte ficou enteira e luminosa unha célibe e sorrinte flor branca dunha humilde margarida. A ela doulle sempre un bico antes de a noite obrigarnos a todos a soños imposíbeis.

De día petan no ar estrondos de canóns e os estalos desafiantes dos obuses que tentan enmudecer aquela fala melosiña da pomba namorada que só entende de facer paces. Pois só ela sabe da vergoñenta falsidade daquel “se queres paz, prepara a guerra”. Sede de ouro e a fachenda do poder son polo contrario a verdadeira e endexamais confesada raiceira de toda belicosidade humana.

Engano hai logo sempre cando se nos convida ou obriga a construírmos cada vez máis podentes carros de combate ou enxeños bélicos voadores, destrutores en calquera caso da vida, da natureza e da humanidade. Só a palabra virxe, veraz e respectuosa debería erguerse en eficaz mediadora nos conflitivos momentos das relacións entre países, nacións e culturas.

Ó noso mundo e ás culturas e países que o compoñen iralles sen dúbida moito mellor (e seralles desde logo moito máis barato e levadeiro) inverter en eficaces organismos de mediación e mutuo entendemento ca deixárense levar pola pueril e criminal querenza de dispor daqueles instrumentos máis letais que supostamente afianzarían o propio poderío.

Ata cando esperar? Cando xurdirá con forza na face de tódolos países do noso mundo ese ímpeto transformador que o conduza á abolición de toda guerra?

Nas nosas mans está.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES