Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vida que dá vida

domingo, 08 de mayo de 2022
Dado que o evanxeo é curto, imos nós acompañalo sendo tamén algo máis breves.

Respecto do misterio e da vida de Xesús, temos que ter sempre presente que el vivía internamente fortalecido pola inesgotábel riqueza e fonte de vida que era e seguirá a ser Deus, Pai seu e noso tamén. Xesús oraba, é dicir falaba, moito co seu Pai moi querido. Como de día moitas veces non podía facelo polas multitudes que desexaban escoitar a súa palabra, facíao de noite. Deus é desde sempre, e tamén para Xesús, esa marabillosa realidade persoal, plena e absolutamente infinita, que en si mesma é vida e que enche de variadísima vida a realidade toda que temos diante e da que formamos parte, aínda que a descoñezamos nas súas íntimas fonduras e inmensidades. Xesús seríanos totalmente incomprensíbel se deixamos de lado ese Deus Pai que o converte no seu Fillo predilecto. E se Deus Pai o quere tanto é porque o encheu tamén a el da súa mesma plenitude de vida.

Debido a isto, podía el dicir sobre si mesmo: "Eu son a Vida". E se el se define a si mesmo como "Vida" ¿como vai poder el darnos a nós outra cousa máis ca vida? É case incríbel como se puido desfigurar tantas veces a súa mensaxe coma se fose unha mensaxe de febleza ou debilidade, de indixencia e de morte. El non ten nada que ver coa morte, pois é a mesma Vida.

No texto de Xoán dísenos isto ben claro hoxe ó presentárnolo como bo pastor que coñece as súas ovellas, é dicir, o pobo que o segue como rabaño feliz de se sentir ben acompañado e dirixido por el. "Eu –así soan as palabras que Xoán pon en boca de Xesús- eu doulles vida eterna". Son expresións de moita relevancia e fondura, que teñen que ver cunha necesidade básica de calquera de nós. Como xa tantas veces volo teño comentado, hai alguén que non queira vivir e vivir sempre, vivir eternamente? Se lamentabelmente nas noticias que lemos ou oímos, máis dunha vez sentimos que nos bate forte o corazón ó lermos ou oírmos que alguén se quitou a vida por algún tipo de problema que o afectaba moi duramente, podemos estar ben seguros de que estes irmáns nosos non fixeron tal cousa porque non quixesen vivir. Todo o contrario, pois o impulso de vida déunolo Deus mesmo e a iso non somos nós capaces de renunciar en circunstancias normais. O que pasa é que os graves problemas que poden ocorrer na vida poden chegar a facer crer ou convencer a un de que a propia vida non ten xa sentido nin futuro. E sen ningunha esperanza de vida nin de futuro é imposíbel querer seguir vivindo. Aínda que pareza contraditorio, abandonan a vida precisamente porque a queren con toda a alma, mais perciben erroneamente que as portas para acceder a ela se lles pechan irremediabelmente.

De todo isto temos que deducir que, se como cristiáns cremos que Deus nos deu a todos vida e en Xesús e por medio del nola deu tamén como "vida eterna", entón temos que loitar de tódalas formas posíbeis -cada un da forma que o Espírito lle inspire- para que esta vida que recibimos non sexa só a miña, senón a de todos. Porque a mensaxe de Xesús non está só dirixida a unha ou dúas ovellas, utilizando a linguaxe pastoril e rural das parábolas de Xesús, senón a todo o rabaño, é dicir, a todo o pobo de Deus, a todo o mundo. Por iso nada do que ocorre fóra da pel do meu corpo me pode ser indiferente. Todo e todos deben interesarme e afectarme. Tanto máis canto que a vida dos demais é algo que ten que ver tamén coa miña, pois a vida é un agasallo común de Deus para todos e ninguén pode considerar como algo exclusivo seu a vida que Deus concedeu para todos.

Volvendo ó que nos di Xoán. Tan grande e tan divina é a vida que Xesús recibiu do seu Pai (e lembremos que os pais son precisamente os que dan a vida) que o mesmo Xoán pon unha vez máis aquí en boca de Xesús estas outras palabras: "Meu Pai e mais eu somos un". Palabras que aluden ó misterio da persoa de Xesús, tan intima e profundamente unida ó misterio de seu Pai Deus.

Mais isto significa tamén que ó traballarmos pola dignificación e pola vida de todos -e de maneira especial a prol daqueles que se senten ameazados na súa vida e na súa dignidade- estamos ó tempo a traballar pola divinización do mundo. Esa é, en definitiva, a meta, o fin da aparición entre nós de Xesús, no que Deus, a humanidade e o mundo formamos alomenos en proxecto unha misteriosa e inconcibíbel unidade. Estamos, si, chamados todos en Xesús e por medio del, un Deus humanizado, a sermos moi humanos. Mais ese é tamén o único camiño para facérmonos moi divinos, á imaxe do Xesús que era "un" co Pai.

Por iso nos fala Xoán tamén, na 2ª Lectura, da plenitude da nova vida que se nos abrirá trala nosa morte particular. Daquela non teremos xa "máis fame nin sede", porque a nosa vida estará entón unida a aquel Deus que é fonte de vida e plenitude.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES