Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (6)

viernes, 06 de mayo de 2022
As Montañas Valuras

O feito de que ninguén saiba onde están as Montañas Valuras, citadas por numerosos autores -Murguía, por exemplo-, é algo que nos fai reflexionar acerca de cales serían as razóns do pasamento do vocabulo, da súa morte e despois dela, da súa desaparición entre os séculos tan escuros da nosa aberrante historia, enterrada polos vales da Chaira nun caixón de esquecemento, porque non hai ninguén que as poida delimitar. Nin hai tampouco persoa que poida dicir a ciencia certa que as montañas Valuras son estas e non aquelas. Cal é a razón de semellante esquecemento?

As cousas esquecense cando non se delimitan, cando existe o obxecto pero a palabra non é quen de precisala e demarcala, de comprimila no seu amplo abano de semas ou significados e, por iso, a palabra vai desaparecendo por non poder detallar e materializar o significado total e absoluto ao que se refire quedando entón un significado etéreo, inconcluso, invalidado por ser demasiados os significados e, incluso, incapacitado para a delimitación.
A misteriosa e incógnita Valura (6)
Para Eladio Rodríguez González (Diccionario Enciclopédico, p.314), a verba valuro equivale a "brujo, hechicero, que a la vez oficiaba de médico, sacerdote, milagrero o profeta" ou a habitante dos Montes Valuros, "el que vive al pié de la antigua estación lacustre de Santa Cristina, cerca de la Sierra Valura".

A palabra "serra", referida a "Sierra Valura", alude a unha sucesión de montañas que, pola súa forma, recorda os picos dunha serra de serrar. Como vemos, a palabra "serra" é unha metáfora coloquial que empregamos cando falamos sen darnos conta de que estamos construíndo unha figura literaria baseada na semellanza entre os dentes da serra e os picos das montañas.

Eladio Rodríguez González estanos a falar da existencia dunha Serra Valura ou da Valuria, composta por unha sucesión de montañas ou picos que por ser varios, sofren o efecto da indeterminación, e de aí a súa desaparición do acerbo lingüístico da Valura ou Valuria e de Galicia.

A Cova da Serpe e a serra Loba (700-800 m. s. n. m.), establece os límites coa Coruña, mentres que polo norte, as serras de Carba e Toxiza no Xistral, interpóñense ás Mariñas ao tempo que abranguen as maiores altitudes comarcais (1000 m. s. n. m.). Polo leste, cerran o arco, o cordal de Neda e as estribacións da serra de Meira.

Todas estas montañas son como xigantes defensores dos ventos, loitando deseguido contra eles para que os valuros ou chairegos, habitantes desta cunca chea de auga e herba, teñan unha vida máis digna. Estes montes son os que amansan os ventos, mais abeiran os tronos e os relustros nas tormentas que nos visitan arreo e fan da Valura unha cunca propicia ás enchentes dos mil ríos e regatos que a atravesan e aos lamazais que a dita auga propicia.

Como vemos, no século XIX, que é cando o testifica Eladio Rodríguez González, aínda aparece o nome de montañas Valuras ou serra Valura que acabou desaparecendo da nosa xeografía por dúas razóns; ou ben pola teima que hai en contra dos valuros, ou ben pola inconcreción de significados ao ser tantas as montañas e tan alonxadas unhas das outras que, o nome que as abranguía a todas elas, por ter un significado demasiado amplo, morre en beneficio de nomes que delimitan dunha maneira máis clara a situación da Valura ou Terra Chá, como son serra de Meira, Cova da Serpe ou Xistral, todos eles Montes Valuros.

Resumindo: Por qué non nos aparecen hoxe nomes como os de Montañas Valuras das que ninguén sabe cales son nin onde están? Penso que a razón é moi sinxela, as Montañas Valuras son todas as que deseñan a "valadura" e que actúan como unha cerrume ou muro do val da Terrachá, por iso, posibelmente non quedaron xeograficamente sinaladas no norte, no oeste ou no leste, porque son todas as que conforman a valadura ou cerrume desta chaira de inmensidades, e tan serra Valura é a serra Loba como a serra de Meira, a Cova da Serpe ou o Xistral, porque todas elas participan do nome debido a que configuran perimetralmente a nosa Valura, Valuria ou Chaira.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela


BIBLIOGRAFÍA:
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio.- Diccionario Enciclopédico Gallego Castellano. Edit. Galaxia, 1960.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES