Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria Viva

jueves, 02 de octubre de 2008
En 2004 o Instituto de Estudios Chairegos presentou na Casa da Cultura de Vilalba O Camiño Norte de Santiago na plumiña de Ramón Guntín, nun emotivo acto no que se rendía homenaxe póstuma a este ilustre vilalbés con entrega aos seus fillos do diploma que o recoñece como socio de honra da Asociación “pola súa calidade humana, artística e profesional demostrada ao longo da súa vida, así como pola súa contribución a proxectar a comarca chairega a través dos seus debuxos” e no que se descubría tamén unha placa que inmortalizará o seu nome nunha das salas nas que nos últimos anos expuxo os seus traballos.

A publicación, unha das achegas coas que o IESCHA quixo colaborar ao coñecemento e promoción do Camiño Norte, recolle 48 debuxos do patrimonio histórico-artístico do treito galego nunha obra inconclusa na que os folgos impediron a Ramón rematar o proxecto argallado. O inesperado malfado fixo necesaria a inserción de 72 fotografías complementarias doutras tantas pegadas culturais deste tramo do Camiño, algunhas das cales seguramente tiña o artista intención de levar á cartolina, e que o autor do libro, o doutor en Historia e profesor José-Luís Novo Cazón, incluíu acertadamente xunta cun documentado estudo no que a Historia e a Literatura teñen unha presenza necesaria.

Mais o libro, que na nosa humilde opinión é en conxunto merecente de gabanza, ten para quen coñecemos a Ramón un entrañábel valor engadido: ver realizada ao fin unha das súas grandes ilusións, da que sen dúbida é tamén partícipe o seu compañeiro, amigo de lei e fiel colaborador Santiago García Cillero.

Había xa algún tempo que calara o saxo e que a gubia de ebanista artesán deixara de tallar a madeira, pero a xubilación proporcionara traballo intenso a unha plumiña que agora descansa a carón do tinteiro como querendo gardar fidelidade a quen agarimosamente a guiara con sabedoría e destreza nun intento por transmitir a importancia da recuperación e conservación do noso patrimonio cultural. Pero por enriba da arte, brillou arreo o tesouro persoal máis prezado: a súa calidade humana, rebordante sempre de humildade e altruísmo, que o sitúa meritoriamente na tribo dos bos e xenerosos. Podería moi ben ser Ramón un modelo social e educativo, o espello no que sobre todo unha boa parte da xente nova se mirase nun momento histórico no que predominan e mesmo se idolatran outros intereses.

Quen escribe estas liñas tivo ocasión de visitar unha casa da vila na que parte da obra en madeira ten o selo inconfundíbel de Ramón e na que colgan das paredes algúns dos seus debuxos inéditos que xunta con outros do mesmo estilo poderían algún día ser obxecto de exposición. Quen me falaba expresaba con emoción contida a súa admiración polo artista pero aínda máis pola persoa, sentimento que moitos compartimos e que o fan aínda máis acredor de recoñecemento, admiración e loanza. Naquela casa notábase, coma en tantas outras, a presenza viva do noso amigo, quen seguro chiscaría un ollo e acollería, como ten escrito Bernardo García Cendán, “cun sorriso apenas esbozado, entre tímido e seguro, as mostras de simpatía dos que admirabamos o seu traballo”.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES