Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A porta que se abre

lunes, 25 de abril de 2022
A porta que se abre O sábado foi o Día do Libro. Sabedes do meu rexeitamento cara ós "Días de". Pola forma en que se implantaron e polo significado dos mesmos. Que tristura que o Día da Nai sexa tan só o primeiro domingo de maio ou o Día do Pai o 19 de marzo. Os demais días, nin pai nin nai nin rabo de gaitas. Se o libro só existe a 23 de abril... malo! Certo que a celebración é coma un pequeno aliciente á lectura dos mesmos. Pero se non lemos durante o resto do ano, pobres infelices.

Grazas a Deus que estou do bando dos que len a diario. Por sorte para min e por desgraza para a muller. Porque sempre se me queixa de que non lle boto unha man para nada, de que só me preocupo da lectura. Os da biblioteca de Barbadás xa me gastan bromas con que non conseguen seguir o meu ritmo na petición de libros.

Sabedes do meu fanatismo polo cine, pero onde estea un libro... No cine é certo que podes soñar, pero con algo que xa che dan feito. No libro danche a historia, pero agora ponlle ti imaxe ós personaxes, ós lugares e ás situacións. Debuxa na túa cabeza esa historia. Na sala de cine ves unha pantalla grande (ou a televisión, é igual) pola que saen bonitas imaxes e fermosas músicas e todo o que se queira; pero no libro... no libro, mesmo ó abrilo, cheira! O cheiro dun libro é algo que non ten prezo. Abrir un libro é como mergullarse nun soño que nunca ten fin.

Ademais, desde o día 20, incluso se len con máis comodidade. Porque o día 20 deron a opción de quitar os bozos, as mascariñas que nos levaban cubrindo a boca durante dous anos. E na boca están os beizos. E nos beizos mollamos o dediño para poder pasar comodamente as páxinas dos libros (ou dos periódicos). Meu Deus, canto traballiño levaba para pasar ás veces as páxinas! Como estrañaba mollar o dedo! Non obstante, bromas á parte, hai que seguir tendo moito coidado e moito sentidiño con esta pandemia que non acaba por rematar. Mesmo semella que volve outra vez a cabalgar sobre a nosa desidia. E amolaría moito volver a facer uso continuo das mascariñas, aínda que só sexa polo impedimento ese de pasar comodamente as páxinas dos libros. Porque ler hai que seguir lendo. Porque un libro é a porta que se abre para descubrir outros mundos, outras vidas, mesmo outras guerras.

Aínda que estas é mellor ignoralas, polo menos nesta celebración.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES