Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexionando acerca da esperanza

martes, 19 de abril de 2022
Cando menos, penso que temos a impresión de vivir nun mundo de banalidades. E se queremos facernos con razóns que apuntalen a certeza disto, tomémonos a molestia de ler as obras do sociólogo polaco Zygmunt Bauman, que abordan a denominada MODERNIDADE LÍQUIDA, un tempo sen certezas, que, como explica Leandro Sequeiros, doutor en Ciencias, Paleontólogo e Filósofo, agora, obrigados a ser libres e desfacernos das tradicións, como pretenderon os ilustrados, temos que asumir os medos e as angustias existenciais, e tamén a difícil previsión do futuro, dificultada pola afección á inestabilidade.

Non sei se realmente estamos afectados dun certo pesimismo; pero creo que hai algúns signos que nos permiten considerar con seriedade as banalidades individuais, vivindo unha vida cambiante e efémera: tendemos a romper estruturas fixas e institucións; favorecemos a provisionalidade; renunciamos aos compromisos, con argumentos falaces; pouco arranxamos, porque compramos cousas para tirar, unha vez utilizadas; parece que os empregos van a ser cada vez máis cambiantes; en aras dunha liberdade para o trivial, debilitamos a familia; (...).

Nesta situación pouco sólida, LÍQUIDA, aprémannos os grandes problemas da vida e cando queremos utilizar os recursos familiares resulta que tamén nos encargamos de volatilizalos.(Aínda hai excepcións, por suposto, pero reséntense). Non queda tempo para pensar, para recuperar a capacidade de reflexión sobre o sentido da vida, da propia existencia, xa que vivimos inmersos en fútiles inquietudes. Non obstante, fagamos un pequeno esforzo, e dediquemos aquí uns minutos a reflexionar sobre a ESPERANZA, non como virtude teologal, que no é desta competencia, senón como estado de ánimo arraigado no ser humano, que o impulsa a valorar a realización das posibilidades ata agora dispoñibles, algo a modo de creación. (O home esfórzase en darlle ao posible realidade).

Indiscutiblemente, necesitamos do pasado e dunha previsión do provir para cociñar o futuro. E digo "cociñar", porque tamén é mester acertar na elección dos ingredientes e na práctica do uso con sazón dos mesmos. Non esquezamos que unha porcentaxe do imprevisible do futuro está nas nosas mans clarificalo, individual e socialmente: Ningunha persoa que non poña os medios no presente, poderá ser un brillante profesional no futuro; ningunha sociedade que non se tome en serio a estabilidade institucional, por exemplo, poderá afrontar con éxito os retos do futuro, previstos ou inesperados.

Parto de que é unha esixencia da realidade persoal humana entender o MUNDO, non só como un conxunto de cousas, senón, neste caso, como unha estrutura real do noso existir. Pero, precisamente, a esta nosa existencia aséxaa a ANGUSTIA, posto que non somos capaces de desenrolar a vida sen contar coas POSIBILIDADES que nos ofrece o contexto no que vivimos, é dicir, estamos sempre pendentes, incluso, do que "podemos-ser", xa que aquelas afectan tamén a nosa configuración persoal, que constituímos realizándoas selectiva e razoablemente ponderadas.

Así pois, elas están tan vinculadas a nosa existencia, que a súa realización abre camiño ao que "podemos-ser": Tanto podemos ser isto, como aquilo, e incluso non ser nada. A outro nivel de consideracións, expresouno Heidegger, referíndose á morte, que define como A POSIBILIDADE DA IMPOSIBILIDADE DA EXISTENCIA, xa que logo, tamén entre as posibilidades que se nos ofrecen, está a de "non existir", o que abre canle á desesperanza, da que hai que fuxir, porque xera angustia e sitúa a nosa existencia nun tempo cerrado á emerxencia das pertinentes novidades a realizar.

Velaquí a razón pola que debemos fortalecer a esperanza. Xustamente porque quen espera existe nun tempo aberto no mundo ao novo. E isto impulsa a pensar que as vítimas da salvaxe opción bélico de Putin, activando a selección da posibilidade da imposibilidade da existencia (en Heidegger, a morte) de tantos seres humanos, sementou a desesperación nos superviventes, cerrándolles un tempo as súas realizacións daquelas posibilidades alternativas e persoalmente seleccionadas polo sentido que dan ao seu sentimento de plenitude, abocándoos a ensaiar, en tan angustiosa situación, outras novas formas de vida, coa esixencia de activar a esperanza de acadalas e adecualas.

Pero nestes tempos triviais tamén é preciso temperar as actitudes, porque a mesma esperanza, como froito da vida en comunidade, ten dous inimigos, a DESCONFIANZA e o OPTIMISMO, o primeiro, por defecto, e o segundo, por exceso; ambos moi propios das sociedades líquidas estudadas por Bauman, nas que todo o que temos é cambiante con fecha de caducidade, e os mozos (e tamén xa non tan mozos) distáncianse dos patróns e estruturas para tomar decisións na vida e rexeitan os compromisos institucionais por medo ao estable e ríxido, polo que viven inquietos buscando novas experiencias coas mans baleiras de referencias fiables. E neste ambiente dispárase o cruce pasional do vector da desconfianza co do optimismo, debilitando o rigor do pensar, nunha sociedade na que parece que "todo está descuberto, salvo como vivir" (Sartre). Eu diría, "salvo como vivir contextualmente ben e en paz".

Por isto a esperanza tamén se beneficia da prudencia. Creo que hai razóns para afirmalo. O mesmo animal, acazapándose, espera a presa sen demasiadas présas; pero é unha espera instintiva, da que se aprende. A do home é "suprainstintiva", "suprasituacional" e indefinida, xa que o anímico, que conta aquí, está esixido polo somático para manter a estabilidade psicolóxica e humana, porque, como di Zubiri, o home é corporalmente psíquico e psiquicamente corporal. Así que, aínda que o cerebro humano non proxecta, pon ao home en situación de ter que facelo. Polo tanto, a persoa humana abriga a esperanza de inventar a súa propia vida (Ortega), outeando as posibilidades realizables adecuadas (Zubiri).

Non hai, pois, dúbida de que quen vive decidido a estrangular toda nacente posibilidade cuxa realización é integrable, realizándoa con fins humanos, devén un "asasino de esperanzas", empeñado en vivir cerrando o tempo no que os seus semellantes esperan biolóxica e mentalmente dar cumprimento a propia configuración persoal. A despexar este horizonte oponse a supina ignorancia de que os tempos das conquistas e expansións territoriais quedan xa lonxe, como a firma de pactos secretos de determinados gobernos, que poden perturbar a paz en calquera momento; e, sobre todo, cando o home dispón de excelentes medios de comunicación, que non demoran a necesaria información, parece máis propio da mafia napolitana que da competencia diplomática.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES