Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (3)

viernes, 15 de abril de 2022
A delimitación da Valuria ou Valura, sempre co 'V' (I)

Volvemos hoxe ao estudo e análise da palabra valuro para deixar claro que a súa escrita ten que ser co "v" e nunca co "b", aínda que ao longo dos séculos foi sempre un vocábulo no que non había unha conciencia clara da súa grafía, por descoñecemento da súa orixe e da súa etimoloxía, que viría a resolver o problema.

Filomena Dorrego (1) dinos que "O propio termo xa ofrece problemas en canto á súa grafía xa que non hai ningún dicionario máis ou menos actual que recolla esta entrada, e de aí a discrepancia entre b e v na escrita". Soamente no Diccionario Galego-Castelán de X. L. Franco Grande a voz baluro defínese como "Brujo, hechicero que a la vez oficiaba de médico, sacerdote, milagrero y profeta", mentres que na entrada valuro-a: di: "Usurero, que presta con usura. Dícese de los habitantes de la Terra Chá, que también se les llama chairegos".

A misteriosa e incógnita Valura (3)O mesmo Xosé Manuel Carballo Ferreiro, creou dous grupos, un de teatro Os Valuros, co v, e outro de música, Os Baluros, co b, para concienciarnos da dificultade da escrita deste termo que se representou co b ou co v ao longo da súa historia e dos persoeiros que fixeron referencia a este nome, como foron: Vicente Risco, Manuel Murguía, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Amor Meilán, Eduardo Lence Santar e outros, os uns tratábana co v e os outros co b, e algúns coas dúas grafías.

Nós (2), trataremos de unificar criterios e dar razóns polas que este vocábulo ten que escribirse co V e nunca co B, cuestión esta que xa tratabamos nesta mesma revista (Croa, nº27, 2017) na que falabamos dun sufixo hidrónimo paleoeuropeo en -ur e -urium, que xa estaba testemuñado por Plíneo, como palabra nativa hispana relativa ás augas e do étimo *uro e *ura, que significa "río de augas porcas e cenagosas" o que unido a valle(m), cuxo significado é "val", quedaríanos "val de augas cenagosas" ou "val de pantanos" que sería o significado da nosa Valuria ou Valura.

Tamén diciamos que "outra das formas etimolóxicas máis acertadas para a palabra valuro, sempre co "v" e nunca co "b", podería ser do latín valles, de vallis, -is, cuxo acusativo sería valle(m) que evolucionaría a val, e da outra parte da palabra urus, uri, co seu acusativo uru(m) que significa e que evoluciona a "uro" ou "touro salvaxe".

O seu significado sería Valuro, val onde viven os uros ou touros salvaxes, mais non tiñamos moita constancia da existencia dos uros en Galicia aínda que citaramos no Caurel unha cova chamada a Cova do Uro, pero hoxe, coa aparición de estudos sobre este Bos primigenius nunha investigación na que participan científicas da Universidade da Coruña(3) que tratan de investigar "O enigma do ADN dos tres touros da pastora Elba do Courel" cunha datación duns 9000 anos de antigüidade, este equipo internacional de científicos conseguiu extraer ADN mitocondrial de ruminantes de diversas épocas de Galicia; entre eles, analizaron restos deste B. Primigenius da cova do Chan de Lindeiro en Lugo que atoparon nunha sima xunto cos fósiles humanos da pastora do Caurel "Elba" cunha datación de nove mil anos de antigüidade e onde os uros analizados son os máis antigos descubertos, feito que proba a existencia destes ruminantes en Lugo e o que tamén faría posíbel a súa existencia na Terra Chá ou Valuria e a nosa evolución de Valuro como "val de uros".

As dúas posíbeis evolucións, sempre co V e nunca co B por derivar do latín valle(m), mais a presentación na Ponte de Outeiro, Castro de Rei, dun antigo e sobranceiro fillo, Don Manuel Becerra Bermúdez, nado o 20 de outubro do 1820 e con motivo do segundo centenario do seu nacemento, ao que se lle levanta un monólito moi cerca da casa que o viu nacer, ao lado do río Miño e moi cerca da Ponte, este prócer que foi ministro repetidas veces durante o século XIX, promotor do San Froilán en Madrid, do campo de tiro de San Cibrao, dunha escola preparatoria militar, da Escola de Artes e Oficios nos solares que ocupou logo o antigo Cuartel das Mercedes en Lugo. O Concello de Lugo, obsequiouno cun retrato ao óleo que no tempo custou cincocentas pesetas e que se presentou na inauguración da Escola de Artes.

(Continuará)

Texto: Xosé Otero Canto
Fotos: Anxo Grande Penela


NOTAS:
1. DORREGO MARTÍNEZ, Filomena.- Sobre os Baluros: mito e realidade. CROA, 2005
2. OTERO CANTO, Xosé.- Sobre a etimoloxía da palabra "Valuro". CROA, Nº 27, 2017
3. RODRÍGUEZ, Eva.- O enigma do ADN dos tres uros da pastora Elba do Courel. Gciencia. Agencia SINC, 24/05/21.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES