Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deber de Baltar

jueves, 14 de abril de 2022
'Deber de Baltar' é unha exposición comisariada por Pepe Barro e inspirada no libro, Un señor elegante, de Suso de Toro.

Suso abriu a porta. Escribiu unha novela que era a biografía dunha familia (os Baltar), co foco nun dos seus membros (Ramón Baltar). O relato navegaba entre o narrador autor e as persoas ás que pedía datos, recollendo o que lembraban (a memoria: esa sinceridade enganosa), o que investigaba e como se sentía el tamén... o que escribe a vida dos demais cando eles pisaron a súa cidade, coincidiron uns anos e foron máis ou menos admirados.
Deber de Baltar
O escritor, home do seu tempo, fai recoñecemento dunha familia ligada a Compostela, esas familias distinguidas no campo da medicina dunha cidade que foi referente sanitario para o país e máis alá. O pai, Ángel, e o fillo, Ramón, directores do Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos). Magníficos profesionais que non obtiveron todo o éxito merecido. Médicos comprometidos co sistema sanitario e coa saúde dos cidadáns, coa mirada posta tamén nos que non podían pagar e incluso nos perseguidos polo franquismo aos que había que curar ás agachadas. A moitos de nós a novela de Suso de Toro descubriunos un irmán que vivía no exilio interior, pois éramos coñecedores do outro, do que andaba por Arxentina fuxindo á morte que o fascismo tiña reservada para el.

Porque houbo un tempo no que persoas de clase alta se identificaron co país e cos perdedores, fronte aos golpistas; semella mentira, pero foi así. E, eses, os que apoiaron a resistencia e a dignidade, merecen gratitude e honra.

Pepe Barro decide levar a cabo unha exposición sobre a familia, para iso, segue o relato da novela e mostra os seus documentos e obxectos, a biblioteca Baltar sita no Museo do Pobo Galego, os mobles, os relatos, o ex libris que lle realiza Urbano Lugrís... Faino na cidade que eles viviron e onde residen moitos dos seus descendentes, coa mirada posta nos paraísos perdidos de Tanxil e A Amañecida. Unha familia ligada á cultura, á nosa (Rosalía, Castelao, Dieste...) e á europea (de onde recibe as publicacións) e comprometida cultural e socialmente. Unha familia que se sente con deberes máis alá dos dereitos, representando o mellor dunha clase social.

Temos a exposición, temos o libro, temos a familia (incluso os personaxes do libro), temos a cidade... e isto daría para un exposición que durase moito máis que dous meses, con clubs de lectura desarbolando a historia, con visitas guiadas, con roteiros polo rueiro, visitas ao legado no Museo do Pobo Galego, con encontros con autor e comisario ou coa familia, teatralización con lecturas nas que aparecen os propios personaxes... pero, entre nós, as boas ideas dan un chispazo e vanse, non quedan para ser aproveitadas. Son membros da sociedade civil os que fan o esforzo e son as institucións as que non o aproveitan sobradamente.

Un verdadeiro plan cultural e de lectura podiamos artellar ao redor desta iniciativa, pero todo se vai disipando como se estivésemos sobrados de boas ideas, de proxectos culturais centrados no noso, de iniciativas de calidade. Como Sísifo, subimos o acantilado, cargando coa rocha no lombo, para deixala caer e recomezar.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES