Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A tarde vaise. Volverá o abrente?

lunes, 11 de abril de 2022
Hai estrondos de guerra alén dos espazos onde debulla o seu canto, diminuto, inocente e compañeiro, aquel cativo e acastañado carrizo ermitán que, insistente, me olla e saúda (til til!) agora mesmo. Xusto dende a silva que medra onda o vello muro derruído que as edras aínda son quen de soster. Alí mesmo, na estrema de arriba, case á miña beira, deste case esquecido herbal. Nel burbullan abondosas a herba e a paz, froito de felices, libres e antigos tempos, de cando as guerras eran case só palabras que se lían nos vellos libros de aprender a ler.

Distante o meu carrizo compañeiro de noticias inhumanas, do estrondo dos canóns e de puñais traizoeiros, olla el con inocente e amiga estrañeza o meu paso disfrazado. Preto de min, velaí está el. Nin ergue sequera o seu voo, curto sempre, pra celebrarmos mutuamente un encontro onde el me convoca á paz e ó sosego. Alí rebule el cal neno cativo, guiado sempre polo diminuto e forte leme dunha cola, a súa, cara o ceo revirada.

Non, non che vou de pesca coma outras veces, bísbolle breve e enfundadas as pernas nas botas de goma que no faiado da vella casa soñaran, durante longos meses outonais e invernais, visións queridas de auga limpa e troitas rebuldeiras.

Vouche vello, caro amigo! Canso che estou xa de xeiras noutrora compracentes, cando a sedela da culleriña se me enredaba nos brizos das correntes e a boa e sabia troita bulira xa ben antes (onde vai!) río arriba cara ó seu gacheiro de sempre. Vouche agora só de soños, non de troitas, carrizo amigo! Ben o sabes!

Estoulle a dar voltas con envexa ó ben ser e ben estar da vida que vós levades e tecedes no día a día, sen guerras e pelexas entre vós que puideran facer que unha leve pinga do voso sangue chegara a tinguir o chan. Levádenos a todos a esa escola, á vosa. Mestres coma vós son os que queremos. Non construtores de guerras e destrutores do noso convivir, non facedores de enxeños que só valen pra aniquilar e aniquilarmos.

Poboade, pois, carrizos leves, a terra enteira. Enchede de chíos e protestas contra as guerras en cantas linguas poidades aprender. Poboade as noites de estrelas de Nadal e baleirade os ceos de máquinas que destrúen convivencia e benestar, sorrisos inocentes e vellos sen fogar.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES