Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

21 poetas do século XXI

jueves, 07 de abril de 2022
Carlos Da Aira é autor dunha distinguida antoloxía de poetas mozos galegos, nacidos entre 2000 e 2006, que remata de publicar co nome deste titular de cabeceira, en Aira 21 poetas do século XXIeditorial de Allariz, editada en 2021. Na que están presentes 21 poetas nacidos no século XXI. Neste caso, o número 21 ten distinción e destaque, nun tempo de convulsións que, sen dúbida, estes poetas, ademais, encetan o terceiro milenio da nosa era, incidindo en curiosos parámetros de lealdade e fidelidade á nosa lingua, nunha emersión de destaque en cada un destes poetas que aglutinan esta nova xeración ben abastada de portentos e desde xa, moitos deles, temos que asumilos como poetas consagrados, e outros en vía de conquerir este don. Estes rangos supoñen para a poesía galega marcar un tempo necesario de innovación que manifesta o noso carácter de interiorizarnos nesa metafísica tan personalizada na nosa identidade que proclaman estes creadores da nosa poesía. Pese ás mudanzas precipitadas deste terceiro milenio mediático, tantas veces necesarias en propostas dinámicas, como ben interpretou Camões: "Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades/ muda-se o ser, muda-se a confianza;/ todo o mundo é composto de mudança,/ tomando sempre novas qualidades". Desta primeira estrofa do soneto camoniano, extraemos unha cuestión que é vital para entender a mudanza proposta por estes 21 poetas, desta selección lírica, e nunhas circunstancias de excesos, podemos cifrar novidosas e amplas correspondencias nunha óptima e obrigada descuberta que protagonizan estas voces de rigor e innovación.

Di Carlos Da Aira, mentor deste espqzo poético: "Esta antoloxía ten como obxectivo descubrir, nunha terra atravesada pola poesía, inzada por enormes poetas, 21 poetas que fan 21 anos ou menos no 2021, ou o que é o mesmo, 21 poetas que naceron a partir de 2000". Da Aira aporta o seguinte matiz: "Este libro naceu como un enredo numerolóxico, unha práctica de cábala, unha partida ritmomaquia. 21 poetas de 21anos ou menos odas nacidas xa no século XXI. Nesta distribución de tempos, datas, números e lugares de nacencia, sinalemos a distribución por provincias: A Coruña esta representada por 5 poetas, Lugo por 6, Ourense por 7 e Pontevedra por 3. 12 proceden das grandes cidades galegas e 9 das vilas rurais. Dos 21 poetas, 6 son do xénero masculino e 15 do feminino. Este é un dato vital para considerar que a participación das mulleres na literatura galega desde fai 40 anos foi un imparábel increchendo, un anticipo cara o cambio social e da participación da muller en tódolos campos das letras e das ciencias, que non deixa de ser incesante. A exclusividade acaparadora e tradicional masculina está decrecendo, felizmente, conformando un estadio novo de conquistas feministas en fórmulas de participación, liberación e igualdade.

Outro dato que aporta visibilidade a esta novidosa antoloxía dos "21 poetas do século XXI", que comeza e finaliza con 2 poetas ourensás, Zaira Ferradás e Ana Fraile Somoza, respectivamente. Estamos ante unha nova e marcante pedagoxía do reencontro de xénero, con moitos perfís literarios dunha fértil superación do drama milenario polo que pasaron as mulleres, e pola mudanza de valores que estas poetas representan na súa libertaria paixón de erguer a voz e acomodala en diversas confluencias onde a palabra emerxe para durar no verso que dobrega o efémero e advirte que as súas ás voan sobre novos horizontes, que tantas veces costa entender e escudriñar diversos conceptos que expresan as 21 poetas desta antoloxía. Con todo, podemos captar a renuncia a certos parámetros viciados que arrastraba a poesía galega, co espertar desta xeración emana un profundo sentimento de mudanza no concerto destas 21 poetas.

Neste caso, convén entrar na entretela de algunhas destas poetas, comezando pola primeira, Zaira Ferradás e no seu dicir: "Os meus poemas emanan do meu, do que son". Esta reafirmación lémbrame o ego que manifesta Walt Whitman, neste verso: "Celébrome e cántome a min mesmo". Magnífica referencia para ter presente, tanto a Whitman, como a Ferradás en seu ir polo camiño despexando as pedras da poesía das que nos advirte Drummond de Andrade. Zaida Ferradás con seus 21 anos, pasou a barreira de ser promesa, e xa é unha activa poeta consolidada, tendo claro a súa constatábel emerxencia.

A versión que emite a poeta luguesa, Rosalía Bernárdez Riopedre, de 17 anos é interesante, ao sinalar: "Coa poesía podo expresar a esencia das emocións e procurar a beleza". Beleza e emoción conxúganse en determinados poetas da antigüidade e aínda nas interpretación que aporta Baudelaire. Con Bernárdez estamos ante unha poeta necesaria, de referentes innovacións, porque os seus versos apreixan esas atractivas correntes, despregando esa emocional paixón pola beleza que se recrea en seus versos.

Nas curtas liñas de presentación de Noé González Alamino (2003), aporta un interesante aviso aos que tentan ser escritores a golpe batido e en ferro frío. Subliñando: "Dende que son cativo, os libros sempre foron refuxio e casa para min". Noé destaca o seu inicio infantil nos libros, algo fundamental para consolidar as bases emerxente na escrita. Non hai escritor se primeiro non é un bo e constante lector, isto o notamos nos versos de amatoria deste poeta de Allariz.

Nee Barros (2002), autora de 2 poemarios e dunha excelente obra teatral: "Identidade", que nos poñen en alerta o seu dominio sobre diversos xéneros literarios que son oferta de mudanza e de esperanza para a nosa escrita. Enaltecedora dun froito novo na vangarda poética que precisa Galiza, neste novo estadio de aconteceres e eventos liberadores. Estamos ante unha poeta sólida e segura para acometer excelentes descubertas literarias. Nee Barros está implicada nos atinos da igualdade, liberdade e diversidade, na que xa ten emitido claves moi interesante para as mudanzas urxentes e necesarias que precisamos nestas mudanzas procuradas. Así o admite esta autora: "A diversidade molesta porque cuestiona os piares opresivos da sociedade: o xénero, a clase ou a raza". Unha actitude belixerante de liberdade e solidariedade que florece en seus poemas e na súa dramaturxia.

"Comecei a escribir poesía pola necesidade de expresar un cúmulo de sensibilidades que este sistema convertía en dor". Confirma a poeta ourensá, Antía Balvís Moreiras (2000). Unha sensíbel voz de sons erguidos para "palabras afiadas", que constatan a súa coraxe social e contestataria, aínda revolucionaria. "A verdade é sempre revolucionaria" (Gramsci dixit), unha actitude de cortante gume para un combate liberador. Para unha defensa existencial, na que están ubicadas varias expresión destes poetas, como Ana Fraile Somoza, Clara Blanco, Lorena Fernández Iglesias, con outras e outros poetas que ergueron esta antoloxía, marcando un presente novidoso para ficar nun futuro de esplendores.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES