Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (27)

martes, 05 de abril de 2022
Que sorte non ser bebedor, pois está morrendo a xente por ducias, e máis que habería na lista dos metílicos se os médicos non firmasen de rutina! Eu faríalle un monumento ao metílico, como signo elocuente desta España elocuente!

Pero vou concederme un receso nestas escrituras porque estou farto, dáme noxo tanta hipocrisía e tanta especulación. Non merecen nin ser reseñadas; ¡a ver se morren nun eclipse de lúa, pois é do que viven, da lúa, da noite..., desta longa noite de pedra, que dixo Celso Emilio! Por algo vou tanto ao Miradoiro, 1029 metros por riba do mar, na ruta da Fonsagrada, na Serra do Pradairo, tamén chamada, da Ferradura, pois ata alí non chega o cheiro, a podremia, deste país dexenerado. ¿Chegaremos a ter rexeneradores, volverá a democracia? Dubídoo, pois os de antes da Guerra, aquel fermento, xa non se alza, non está en condicións de xerar unha nova xeración!
-.-

1-7-1969 Veño omitindo as datas dos meus avatares porque eu non teño que pasar á Historia; son pouca cousa para iso, e logo que nela hai dramas abondo, pero, ¿o de onte...? ¡O de onte foi grave, esperpéntico! Acaba de morrerlle á miña amiga España a súa penúltima filla, a que facía o número 51, Ifni, a señorita Ifni, esa coqueta dos señoritos do seu Casino!

¡Pobriña, que morreu ben nova, pois, do 34 ao 69, só van..., 35 anos!

Telefonoume desde Xixón, onde está destinado, o meu vello e gran amigo Xosé María, cousa que lle agradezo porque eu non vira esta necrolóxica nos periódicos.

-¿E logo, ese deceso, como foi?

-Onte, onte mesmo; ¡era previsible! Morreu dun golpe de siroco, consecuencia directa dos múltiples erros do seu Médico de cabeceira, e iso que ninguén coma el se leva xactado da súa amizade coa Parca... ¡Si, ho, coa Parca de Marrocos! Non soubo, ou non quixo, defende-la pobre criatura... ¡Xa sabes: veu tardía, serodia, e morreu de moza! Puxérona no rexistro das provincias cando xa estaba enteca...

-¿Tardía...?

-Desde logo, xa que a adoptamos por filla en Abril do ano 1934, e foi apadriñada por un tal Capaz... Naceu dun erro, dun fallo, dun escape..., digamos, conceptual!

-¡Conta, conta, que hoxe pagas ti!

-Resulta que na Conferencia de París, daquela dos Protectorados, o noso Plenipotenciario, León y Castillo..., ¡non levaba mapas! Os galos, que para daquela xa estaban de patas no poleiro, convenceron ao noso negociador de que a costa de Ifni, onde está enterrado o Santón, o Sidi Ifni, non era rectilínea, senón que formaba un Crónica dun itinerario e dunha época (27)entrante, unha mar; pequena, si, pero mar! En definitiva, ¡que nos deron unha cambadela pois a auténtica Torre de la Mar Pequeña está, ¡estaba!, estaba aló abaixo, máis abaixo!

-Algo así nos pasou en Benavente cos portugueses, daquela do reparto de América...

-¡Si, xa o sei! Seino eu, e tamén o sabía Ben-Cho-Shei, aquel da sobriña guapa..., que moito temos falado diso, el e mais eu, no Centro Galego de Madrid, alí na calle de San Quintín…! Pero vindo, ou volvendo, ao presente: Esa provincia viña agoniando desde aquel fatídico, previsible pero imprevisto, 23-N, do ano 57, no que se quedou sen carnes, digo, sen poboados, co seu interior baleiro, cousa que se divulgou agora, con algo mais liberdade de prensa. Á defunta quitáronlle as roupas interiores, as roxi-gualda, ás que xa estaba afeita, para amortallala con un sudario roxo, que ten no medio unha estrela de cinco puntas, parecida a dos xudeus...

-¿Un sudario roxo...? –Non o entendera.

-¡Roxo, si; unicolor!

-¡Pobre don Hermenexildo, co que odiaba a cor roxa, que só a permitía nos capotes das corridas de touros! ¿E ti que pensas que van facer cos seus criados, tantos que tiña, e tan ben pagados, pluses do cento cincuenta por cen, etcétera?

-¡O de sempre; igual que se fixo cos defensores de Cuba, despois de perdela: buscarlles choios axeitados, que lles fagan esquecer as glorias imperiais!

-¿E os outros, os indefensos, aqueles que, por defendela, morreron?

-Xa os levaron para Canarias, como se facía coas reliquias dos santos, que por algo lles chaman, Islas Afortunadas!
...

Como isto cerra un capítulo da Historia de España, ¡e xa non pase outro tanto co benxamín, co Sáhara, que está sendo vítima da mesma febre imperialista, unha febre que vai por tempos e por países, así que agora tócalles fardar aos nosos veciños!, tamén vou cerrar esta historia, ¿ou non merezo un descanso? ¡Por Ifni, e demais defuntos desta Casa arruinada, ¿ou liberada?, Requiéscat in pace!
-.-

Cansara de escribir, pero isto de hoxe non pode quedar no tinteiro: 1975. Precisamente nun 20-11, nestoutro, caeu o causante dos Caídos. ¡Franco ha muerto! Foi o que dixo Arias Navarro, coas bágoas do medo nos ollos. ¡Mal dito! Se fose eu o Presi diría: ¡Ese Paco, ese dos pac-pac..., tamén morreu! ¿E logo; non era Deus, a cuarta persoa da Santísima Trindade? ¿Non lle chegaba con ser Caudillo "pola graza de Deus", e entrar baixo palio nas catedrais, coma o Santísimo Sacramento? O problema vai estar na súa resurrección, porque o soterrarán debaixo dunha pedra de non sei cantas toneladas, coa visible intención de demostrarlles aos demócratas que é capaz de rexurdir para acabar con eles, por moito que pese a súa lauda!

O primeiro que se me vén á pluma, digo, aos dedos, é que a última das estradas acollidas ao Plan Redia foi precisamente a N-VI no seu tramo Betanzos-Ferrol. Xa sei, xa, que se pode aducir que iso foi un indicativo da obxectividade de don Hermenexildo, que nin lle perdoou ao pai que o fixo... ¡Vale, vale; daquela deixémolo así, pero o que nunca poderei esquecer é que, se non fose por ese matón, polo seu encabezamento daquela rebelión militar, meu pai viviría vinte anos máis, e con saúde, que a perdeu agochado, durmindo na pedreira do que é hoxe a miña carballeira! ¡Díes illa, díes irae, calamitátis et misériae, díes magna et amára valde! ¿Resucitará, ou resucitarano? ¿Quen; a quen? ¡Quen vai ser, o Cid do Ferrol! ¡Se cadra, pois os Cid, os Sidi, adoitan gañar batallas despois de mortos, que xa o ensaiaron daquela, en Valencia!

Para min, acabouse o franquismo, no que vivín corenta anos, ¡que xa son anos para a vida dun home! Pero, ¿acabaríanseme as ditaduras? Díxome o Médico, na súa última revisión de empresa, que estou como para chegar ao século XXI, e que son duro de dúas cousas: de oído e de molleira, pero que iso non é malo pois aínda me queda moito que aguantar..., ¡se quero facer méritos para o Ceo!
-.-

A xente parece estar desatando a lingua, e os escritores, esoutra clase de xente, tamén; están saíndo artigos que teñen tódalas trazas de estar escritos de vello, pero gardados no secreter. Outros din que con Franco morreu a Codorniz, que xa non ten razón de ser, que non veñen a conto os seus partes meteorolóxicos, tal que poñer, "Reina un fresco general procedente del Noroeste de España". Pero hai calma, acaso máis da que se esperaba. ¡Deus, que favor nos fixo ese Caudillo desoíndo aquelas recomendacións de Salvador de Madariaga, en novembro do ano 44, cando lle dicía: "General, márchese usted"! Se chega a irse daquela, se o levas, Señor, unha II Guerra Civil, a das vendettas, ía ser inevitable, pois aínda agora, tanto anos despois, a calma destes días ten moito de calma chicha; máis que prudente, calculada.

Hoxe contáronme un conto vello, que tamén o tiñan hibernado: Que Franco, cando se viu esmorecido, mandoulle un motorista ao xeneral Tella co recado de que, se quería perdón, séxase, reposición, que se pasase por Meirás, ao que lle contestou don Helí, que aprendeu moita física desde que non leva uniforme, "...teña por certo que hai a mesma distancia desde o seu pazo de Meirás ao de Adai, que desde Adai a Meirás". ¡Un urro por don Helí, que os debía ter meirandes có cabalo de Santiago! Se era monárquico, tiña de que selo xa que foron os Reis seus padriños de voda, cunha filla Cristina, etcétera; e se estraperlou, ¿que?; non foi o único; ¡a súa fariña era mellor có pan da cartilla do racionamento!

Pero non me vou parar en filosofías pois agora, con isto da UNED, estou, outra vez, coma unha locomotora. ¿Para que me serve a estas alturas? Se me vale para non ter que quita-la pucha diante das eminencias, xa é algo; e logo que para os que vimos do arado romano estudar Dereito Romano é unha gozada: ¡Sentímonos Pretores!
-.-

Crónica dun itinerario e dunha época (27)Neste renacer de España non se me ocorreu nada mellor que leva-la familia a ve-lo Nacemento de Begonte, e de paso, saudar ao belenista, P. Guizán, digno sucesor da miña, inesquecible, Emilia de Brañas, de Millares, á que tantas veces levei na Liña. Este cura é un científico, que non hai máis que verlle os seus inventos mecánicos, ¡un Nacemento do século XXI, máis que do XX! Do XX era o que poñía, con máis vontade que medios, dona Emilia, primeiro en Millares, e despois en Lugo. ¡Que satisfeita debe estar esta precursora, agora, no Ceo, contemplando a súa obra evolucionada, perfeccionada, actualizada!

Faltoume dicirlle ao Cura Guizán, pero as ocorrencias veñen cando veñen que non somos deuses, que só lle falta cambia-lo nome da localidade, actualizalo, pasar de BE-G-ONTE a BE-G-HOXE, acrónimos de BElén Galego de ONTE e BElén Galego de HOXE, respectivamente!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES