Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (2)

viernes, 08 de abril de 2022
Etimoloxía da palabra "Valuro" (II)

Isaac Rielo Piñeiro (1) escribe "...de aquí o de valetudinarii do que se derivou valuro ou baluro, persoa doente. Doenza da que se aproveitaban, alén doutras malas artes, para moveren á piedade os sentimentos e as vontades dos parroquiáns" Evidentemente, de "valetudinari" non pode derivar, en todo caso do Acusativo de "valetudinarius, -ia, -ium" que significa "enfermo", "que goza de pouca saúde".

Coido que os que evolucionan a palabra deste étimo, están quizabes metidos dentro dunha teima ou influencia relixiosa, da que non son conscientes, pois penso que é contraria aos valuros primixenios que non tiñan porque ser uns mendicantes e o feito de que estas persoas se fixesen pasar por enfermos ou esmoleiros nun momento determinado da súa historia, non presupón de ningunha maneira que os valuros nos súas orixes fosen o que a Igrexa católica, moi interesada polo que xa dixemos, lles puxera ese sambenito inquisitorial.

De "valetudinarii" sería imposible derivalo, en todo caso sería do acusativo latino "valetudinariu(m)" do que habería que evolucionar valuro e que a min persoalmente daríame algo así como "valdoneiro", mais penso que "valuro" sería moi difícil de evolucionalo.

Francisco Villar y B.M. Prósper no libro "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y Lenguas" (4) fálannos na páxina 35 e anteriores dun sufixo hidrónimo paleo-europeo en "-ur" e "-urium" que xa está testemuñado por Plíneo como palabra nativa hispana relativa ás augas. Estes mesmos autores tamén comentan a existencia dun étimo indoeuropeo "* uro", "* ura" que significa "río de augas porcas e cenagosas". De aquí si que xa podemos evolucionar a palabra "valuro", do latín "valle(m)" que significa "val", e de "uro" cuxo significado é "augas cenagosas"; é dicir "val de pantanos" onde moraban os nosos valuros, habitantes do Val da Chaira, posiblemente chamada VALURIA ou VALURA e nas palafitas lamacentas e palúdicas das que falaba Don Ánxel Fole.

Probablemente outra das formas etimolóxicas máis acertadas para a palabra "valuro", sempre co "v" e nunca co "b" podería ser do latín "valles ou vallis,-is", cuxo acusativo sería "valle(m)" que evolucionaría a "val" e da outra parte da palabra "urus, uri", co seu acusativo "uru(m)" que significa e que evoluciona a "uro" ou "touro salvaxe".
A misteriosa e incógnita Valura (2)

O significado de valuro sería, pois, o val onde viven os uros ou touros salvaxes. Aínda que os uros os situemos na Europa Central e Oriental, hai que pensar que na mesma Cantabria na Cueva del Castillo, coñecida cova da pintura prehistórica, constátase a presenza de uros, bisontes e rinocerontes.Véxase o libro Cantabria: historia e instituciones de Alfonso Moure Romanillo (5).

En Asturias, na cova de La Loja distínguese coa técnica do camafeo a un cabalo e a cinco uros ou touros salvaxes, o que probaría a existencia deles na nosa Chaira. No xornal El Comercio (6) lemos o seguinte "A 50 metros de la entrada... entre 14.500 y 15.000 años de antigüedad... un artista primigenio... impregnó en la roca contornos de varios bóvidos con aspecto de uros (toros salvajes ya extinguidos...)... Gracias a la utilización de alta definición se ha hallado la figura de un sexto uro. Así lo indicó ayer Óscar Sánchez encargado de la Cueva de La Loja."

Tamén na mesma Galiza e no Caurel concretamente, hai unha cova chamada "Cova do Uro", a súa denominación xa non nos deixa dúbidas da súa existencia e aínda hoxe dos descendentes do uro como serían a vaca friesa, a vaca limiá, entre outras e nin que dicir ten da nosa vaca rubia galega que polo seu porte e planta acercaríase a este rumiante prehistórico.

Penso que esta evolución é das máis lóxicas a xulgar pola presenza dun val, a Valuria ou Terra Chá, chea de auga e por iso tamén chea de pastos, de comida moi abundante para os herbívoros, o mesmo que en Cantabria. En todo caso, cando os uros habitaban A Chaira, a temperatura era moito máis fría e conxugaría coa presenza destes uros ou touros salvaxes o mesmo que na Europa Central e Oriental, que en rabaños ou fatos pacerían tranquilamente nos longuísimos prados chairegos, onde os seus moradores, aínda hoxe lle damos culto á vaca.

Resumindo, diremos que o que máis acertado nos parece para evolucionar a palabra valuro, serían as etimoloxías procedentes de "val de augas pantanosas" ou ben "val onde habitan os uros ou touros salvaxes."

Salve Valuria!


Texto: Xosé Otero Canto
Fotografías: Anxo Grande Penelas

NOTAS:
1. RIELO CARBALLO, Isaac: Aproximación histórica ós baluros ou valuros. Caderno monográfico repartido en Castro de Rei 28-02-16.
4. VILLAR, Francisco y PRÓSPER, B.M: Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y Lenguas. Páxs 35 e anteriores. Edic. Universidad. Salamanca 2005.
5. MOURE ROMANILLO, Alfonso: Cantabria, historia e instituciones. Universidad de Cantabria, 2002.
6. TERRY BAASTERRA/PANES.- El Comercio.es 22-04-14 . Xornal

BIBLIOGRAFÍA:
ARIAS, Felipe: Soleira da obra Valuria de Xosé Otero Canto.Xermolos-Irmandade Manuel María. As Foulas do Rañego nº 12. 2015
ABASCAL,Juan Manuel y CEBRIÁN, Rosario: Los viajes de José Cornide por España y Portugal de 1754 a 1801. Espagrafic. Real Academia de la Historia. Alicante. 2009.
CARBALLO FERREIRO, Xosé Manuel: Carta aberta a Manolo Rodríguez. Galicia Dixital 25-05-2016. Artigo xornalístico.
CUBA, Xan. Xosé MIRANDA e Antonio REIGOSA: Diccionario dos serees míticos galegos. Xerais.1999
DORREGO, Filomena: Revista CROA. Boletín do Museo do Castro de Viladonga, Nº 15, 2005.
MOURE ROMANILLO, Alfonso: Cantabria, historia e instituciones. Universidad de Cantabria, 2002.
RIELO CARBALLO, Isaac: Aproximación histórica ós baluros ou valuros. Caderno monográfico repartido en Castro de Rei 28-02-16.
RIELO CARBALLO, Isaac: Xosé Manuel Carballo e os baluros. Artigo do libro Cerna de Carballo. Xosé Manuel Carballo visto por 200 amigas e amigos. Xermolos-Irmandade Manuel María. Colección Pedra Alveira nº 6. 2015
TERRY BAASTERRA/PANES: El Comercio.es 22-04-14. Xornal.
VILLAR, Francisco y PRÓSPER, B.M: Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y Lenguas. Páxs 32 e anteriores. Edic. Universidad de Salamanca 2005.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES