Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á beira do Camiño: ¡Outros xeitos de festas!

lunes, 22 de septiembre de 2008
Mellores e baratas. Compartidas e solidarias. Con participación colectiva. Só tres testemuñas das zonas de O Caurel, Os Ancares e Pedrafita do Cebreiro. Dannos leccións de senso común. Participación activa e leda das familias, dos veciños residentes e dos emigrantes. Todo iso con pouco gasto e menos consumo. ¡Festas, pensadas e organizadas, para todos e para todas!

Teixeira, no Caurel. Seis, agosto, 2008. Festa do ”Bo Xesús”. Patrón.avogoso contra o trono nunha aldea de 15 veciños que comparten vida/traballos ao redor dunha capela rehabilitada. Foron ramistas rapazas e rapaces unidos nunha asociación. Case todos viven e traballan fóra. Á hora de organizar as festas deste ano tiveron en conta o parecer/gusto dos pais, avós, e nenos. Algo do que se esquecen os ramistas das parroquias que se cren máis ricas.

Comezaron o ante día cunha queimada amenizada por un dúo musical na que participaron todas as persoas da aldea. Para o día grande convidaron ao grupo Buxaina (Terras de Ulloa). Un animado conxunto de gaiteiros e cantareiros/as que se prestaron a visitar todas as casas (agás as de loito) tocando a alborada e avisando da misa na que tamén participaron. De seguido, vermú orixinal no centro da aldea con cancións e bailes coa participaron de todos e todas... Ao vello xeito, os músicos foron convidados a compartir comida nas casas dos veciños. Polo serán, houbo unha animada sesión de xogos para nenos (carreiras de sacos) e maiores (a billarda) e concurso de bailes (xotas, muiñeiras e pasodobres) cunha sorprendente participación dos veciños e festeiros. Pola noite, tamén actuou un sinxela orquestra.

Rao, quince agosto, festa da Nosa Señora. Rao é a parroquia máis extrema do concello de Navia de Suarna, entre os Ancares de León e San Antolín de Ibias, Asturias. Comunidade que nos anos 60 tiña máis de 1.000 habitantes e hoxe non chega aos 100. Case todos se foron a Cataluña. Unha parte volve, cos seus fillos, no mes de agosto. E queren celebrar a festa con participación persoal e activa. Conscientes de que as orquestras só actúan á madrugada, residentes e emigrantes contratan un dúo de acordeóns (típicos desta zona próxima a Asturias) para amenizar misa, procesión, comida e compartir/revivir xeitos comunitarios antigos (que eles viviron) e que lles axudan a ser un chisco máis felices. Participan todos e todas en todos os actos que eles mesmos programan e, ademais, de pasalo moi ben, tráenlles lembranzas.

O Temple/Busnullán, 23 agosto, Pedrafita do Cebreiro. Festa da Auga e a Natureza. Ao carón do nacemento do Navia. Músicos, poetas e amigos de Vigo, A Coruña e Lugo, xunto cos veciños do Val de Connavia, comparten pasa/rúas polas aldeas antes de se xuntar nun prado para participar na Misa campestre, na abondosa comida de irmandade (106 persoas, vellos, mozos e nenos, compartindo pescado do mar e carne/pan da montaña) seguida dun fermoso e amplo recital poético/musical en homenaxe á Auga, á Natureza e ao poeta de Paradela, Manuel Rodríguez López, brindos, cancións, e bailes populares. Sen lume, sen foguetes e sen orquestras. Os grupos de gaiteiros “Vento Mareiro” (A Coruña) e “Rías Baixas” (Vigo); os solistas Raúl Galego (A Coruña) e Jesús Galán (O Caurel, tamén poeta); Suso Espín (Doncos) con acordeón; Carlos, neto do Poeta de Paradela, Delio da Limia ( Ourense) e o cantautor Tino Baz que non quixo perder esta festa. Todos gratis, claro está. Como poetas e recitadores, actuaron Xosé Carballo (Pontevedra) Lourenzo Toldaos (O Incio), Marcial González Vigo (Lugo) Santi Rodríguez, a súa dona Mari Otero, a mestra Alicia e varios cantores e brindeiros da Zona. Poemas de Novoneira, Marica, Fiz, J. Parada e os clásicos, ¡Día inesquecíbel!

¡Comparen este xeito de celebrar co que analizamos (e mesmo criticamos) a pasada semana. Coido que aquí está presente a ledicia, a participación e a vida dos nosos antepasados.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES