Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai que frear a investigación científica?

viernes, 01 de abril de 2022
Comprometida pregunta...!. Os lectores estarán pensando que este envellecido autor está acusando o influxo dos seus anos, moi sabedores eles da súa condición de nonaxenario. Pero é que a cousa complícase mais se eu lle engado esta contestación a esa pregunta: NON; PERO... SI. Non se entende, verdade?.

Comecemos, pois, por dicir QUE É A CIENCIA, aínda que todos sabemos de que se está falando, seguramente que moitos non podemos dar coñecemento da súa realidade, só sabemos que está socialmente moi acreditada. E se está acreditada, algo haberá que a acredite. Este algo son os seus MÉTODOS, que ofrecen certa seguridade aos coñecementos acadados; pero tamén a acreditan as aplicacións que se derivan deles. Velaquí por que se fala da ciencia pura e da aplicada. Volveremos sobre isto.

É mester, aínda que sexa só apuntalo, dicir algo dos criterios que determinan a demarcación da ciencia, é dicir, determinar os seus límites, dentro dos que opera con toda autoridade. Segundo os especialistas en epistemoloxía, debe considerarse a VERIFICACIÓN e a FALSABILIDADE. Hai outros criterios, como SER SUSCEPTIBLE DE REFUTACIÓN EMPÍRICA, que sosteñen Larry Laudan e Bunge; pero os máis importantes por referencia son os dous primeiros.

Renunciando a unha exposición detallada, en profundidade, por "verificación" enténdese a proba de que algo é verdadeiro, e aquí se referirá a unha afirmación hipoteticamente considerada científica, vinculada aos feitos, polo tanto, empírica. Foron os Pragmatistas e os intelectuais do Círculo de Viena quen máis se ocuparon deste criterio, aos que remito aos lectores interesados en coñecer toda a problemática a que deu lugar a formulación do mesmo. Así, pois, son inverificables os enunciados teolóxicos, metafísicos, axiolóxicos, etc., porque non son empíricos, e, consecuentemente, quedan excluídos da demarcación científica.

Karl R. Popper ocupouse con especial interese da que denominou "lóxica da investigación", e afirmou que o importante era encontrar un MÉTODO capaz de distinguir entre proposicións científicas e non científicas, e propuxo, asimetricamente coa verificación, o que denomina "teses da falsabilidade", segundo as cales unha proposición é científica cando pode ser "falsada" por algún feito que exclúe a proposición, e que a descabalga da súa suposta condición de científica. Claro..., se non é "falsable" trátase dunha proposición de verdade absoluta, e perde garantía epistemolóxica.

Deixo aquí os límites ou criterios de demarcación da ciencia, dos que só pretendo que sirvan de orientación para o que sigue, dada a insuficiencia con que os podo tratar neste espazo. Interesan algunhas consideracións acerca da ciencia tecnolóxica, aplicada, que proporciona calidade de vida, e permítanme que me ocupe dunha rama da ciencia hoxe moi significativa, da BIOTECNOLOXÍA.

A biotecnoloxía, en perspectiva de bioinxenaría, sobre todo se se aplica a especie humana, suxire preguntarse ata que punto eses embrións mono-humanos poden levar á produción dun ser quimérico, e neste suposto, aínda que non se pode negar o progreso dos coñecementos do investigador, habería que considerar o regreso ético da aplicación dos mesmos, porque o feito de que tanto a investigación como a ciencia pertencen o ámbito da liberdade do ser humano, comporta que se esta ten límites, hai que supoñelos naquela tamén; pero, ademais, como defende Diego Gracia, a técnica e a ética son autónomas, e esta condición impide que non debe intentarse reducir unha a outra, so pena de errar estrepitosamente: A investigación científica non garante a aplicación dos valores éticos.

Aquí convén ter en conta o que afirman algúns estudosos desta temática que existe un bucle interactivo que vincula CIENCIA-TÉCNICA-SOCIEDADE, do que non se debe prescindir na investigación científica, esquecendo que a ciencia APLICADA achega os coñecementos necesarios, a técnica calidade de vida á sociedade, e esta sostén económico ás investigacións. Polo tanto, o feito de defender a liberdade de investigación sen límites equivale a defender unha arbitraria liberdade do investigador para romper o bucle, desentendéndose dos criterios da sociedade, e, incluso, silenciando os futuros resultados daquela.

Parece, pois, pertinente considerar a conveniencia de APLICAR O FREO Á INVESTIGACIÓN. Temos na actualidade dous casos desgraciadamente exemplares. A Pandemia da Covid-19 e a Guerra en Ucranía. Respecto ao primeiro, segundo destacados científicos, aínda non se sabe a orixe do virus. Parece que o coroavirus do morcego, RaTG13, pasou do animal aos humanos, e isto sería necesario determinar como ocorreu. O Dr. Steven Carl Quay, médico e profesor que foi no Departamento de Patoloxía da Universidade de Standford, opinou nunha entrevista que o SARS-COV-2 (Covid-19) ten un 99'8% de probabilidades de ser un virus deseñado nun laboratorio. Polo que afecta a Guerra, non podemos esquecer que o armamento atómico, resultado da correspondente investigación nuclear, pode acabar coa biosfera, estando en mans da irresponsabilidade humana. E, por se fora pouco, Putin ameazou con pulsar o botón.

Talvez moitos homes e mulleres sexan alleos a estas preocupacións, polo que atinxe aos investigadores, que aínda que adoitan ser cabezas privilexiadas, non están libres de erros, e a deficiente formación dalgúns en disciplinas diferentes das da súa especialidade, fanos caer nun reducionismo que os ensoberbece, sen decatarse de que fraquean nos seus argumentos razoables, por moi ben que manexen os racionais. E isto levos a perder a necesaria cautela no exercicio da súa profesión.

Son defectos xeneralizables a todos os ámbitos do saber, que por ser sinxelamente teóricos non deixan de causar erros perniciosos, e tamén se fan acredores a algún tipo de freada se resultan previsibles as consecuencias que poden afectar á Humanidade, social, política e eticamente, como ocorre coas decisións de matiz bélico.

Por último, e como exemplo de fraqueza nos razoamentos, penso que pode ofrecerse o daqueles astrofísicos que manteñen que o Universo, entendido como expansión evolutiva desde o Big Bang, é "autocreativo" e "autorrealízase", sen depender dunha causa que o transcenda. Ben. Se é así, ten a propiedade da eternidade; pero esta non se entende sen a existencia do tempo, xa que antes do Big Bang non había nin tempo nin espazo. Por isto algúns especialistas fan referencia a un ESPAZO CUÁNTICO ENERXÉTICO, anterior ao Big Bang, o que nos leva a pensar na xustificación da postura teísta respecto á ateísta, se partimos de que "xustificar" non é "verificar", posto que este argumento só utiliza os resultados dunha ciencia, a astrofísica, fora da demarcación científica.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES