Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A man dereita do demo

viernes, 25 de marzo de 2022
Cóntao e cántao así de ben Johnny Cash en 'The devil's right hand', a canción de Steve Earle. O neno vai de compras da man da nai. Na tenda de armas, unha pistola brillante. Á nai escápanlle das man e escachan no chan unha ducia de ovos. Porque o neno vén de preguntarlle cando terá a súa primeira pistola. Contéstalle co medo asisado que guía o amor das nais: a pistola é a man dereita do demo.

En calquera das súas versións e na voz de calquera dos cantantes convén escoitar Devil's right hand.

No país de Earle, Cash, Waylon Jennings e tantos outros, EE.UU, o país do señor Trump hai demasiadas mans dereitas do demo, armadas ata as unllas.

Ese dereito constitucional a levar armas, ditado polo demo na II Enmenda da Constitución é seguido con tanto entusiasmo que catro de cada dez cidadáns teñen armas na casa. Este dubidoso e perigoso dereito é defendido con paixón, chumbo e pólvora polo poderoso lobby NRA, a Asociación Nacional do Rifle. Move, claro, millóns de dólares, algúns deles acaban nas campañas dos partidos máis guerreiros.

A man dereita do demo é de gatillo fácil. Cada poucos días un novo espanto, unha nova traxedia, outra matanza. Un tipo, sempre home, irrumpe arrmado ata os dentes nun instituto, un restaurante, unha igrexa, un híper e a man dereita do demo apreta o gatillo. A secuencia do políticamente correcto fala de 'unir os nosos corazóns e rezar a Deus polos nenos, o avó, as mulleres e homes asasinados'. Xente rota e abatida que nada tiña que ver coa man dereita do demo. Pero si co ardor guerreiro dun país no que morren asasinadas cada ano 39.000 persoas. O demo debe ter o índice entumecido.
No Brasil do señor Bolsonaro, un decreto tentaba facilitar a posesión das armas e a barra libre para o demo, que xa tiña traballo abondo: 110 persoas morren asasinadas cada día.

En España, un dos países menos violentos do mundo, unha formación política atrabiliaria quere que os 'cidadáns de ben' poidan levar armas contra os 'malos'. O sentidiño común e as policías botan as mans á cabeza ante o gatillo descerebrado. Porque as armas xamais resolveron problemas. Fácil é armarse, desarmarse resulta complicado, aínda que haxa partidos despistados que aposten pola seguridade privada e armada. O espello estadounidense indica o contrario: a máis armas, máis mortes, a máis balas menos seguridade.

Nas casas dos homes e das mulleres, das nenas e dos velliños se hai algo que non garante a vida é a man dereita do demo. Do que si entende o demo é de negocios. E o das armas éche estratosférico. Abonda con botar unha ollada ao que gastan os países nos hilermercados da morte. America, first claro, en presuposto de sangue e pólvora: 607.000 millóns de dólares. 194.000 millóns os países da UE. 205.000, China. 70.000 Rusia. O total mundial é de 11,5 billóns para armar a manirrota man dereita do demo gasta moitísimo máis en espadas que en arados.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES