Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Acordanzas: Sara Capurro

lunes, 28 de marzo de 2022
Sara Capurro
(24 de marzo de 1922 - 7 de novembro de 1997)

100 anos do seu nacemento

Con motivo do aniversario do seu nacemento, lembramos á pintora uruguaia Sara Capurro, autora de quen o Museo Provincial de Lugo conserva unha obra.

Sara Acevedo Spinelli, que era o seu nome verdadeiro, naceu en Montevideo, cidade na que residiu, formouse e desenvolveu o seu traballo artístico. Comezou os estudos de debuxo e pintura da man do tamén uruguaio Anhelo Hernández, artista polifacético Acordanzas: Sara Capurrodedicado ao debuxo, a pintura, o gravado e a escultura que ademais foi docente nas mesmas disciplinas. Hernández asistiu á Escola Nacional de Belas Artes e ao taller de Severino Pose, un autor que tamén está representado no Museo Provincial, pero chegou a ser un dos discípulos directos de Joaquín Torres-García, o artista uruguaio de máis proxección internacional e sen dúbida o de maior influencia no seu país. Desde o taller que levaba o seu nome, creado a finais de 1942 en Montevideo, Torres-García foi o artífice esencial do Universalismo Construtivo, fixo posible a renovación da pintura uruguaia e deixou unha pegada profunda na arte de xeracións posteriores.

As primeiras obras desta pintora seguen o estilo figurativo común á arte uruguaia da época e nos seus temas abundan os bodegóns, a figura humana e as paisaxes urbanas, pero progresivamente acusa un achegamento ao cubismo. A artista abandona a figuración convencional, explora outras formas de concibir e estruturar os seus cadros e diversifica a súa produción. Vémolo nos seus traballos de finais dos anos 50, executados con diferentes técnicas: óleo, tinta, témpera, colaxe, gravado… Máis tarde tamén ela asistirá ao Taller Torres-García onde estuda debuxo con Guillermo Fernández e desde 1960 a 1964 pintura co artista uruguaio de orixe lituana José Gurvich, pintor, ceramista, escenógrafo e profesor de arte que destacaría como unha das figuras fundamentais do movemento construtivo.

Entre 1960 e 1970 Sara participa en numerosas exposicións. Mostras colectivas co Taller Torres-García, na Escola Italiana e no Centro Artes e Letras, individualmente en Amigos da Arte en 1970... Ese mesmo ano envía obra ao XVIII Salón Municipal de Artes Plásticas de Montevideo e obtén un Premio Adquisición polo seu óleo "Natureza en gris". Continúa expoñendo durante a década dos 70 e en 1980 pasa a ser membro da Comisión Nacional de Artes Visuais. A partir de entón vai figurar como xurado en salóns municipais e departamentais de artes plásticas. Está representada no Museo Juan M. Blanes, no Museo Nacional de Artes Visuais e en coleccións particulares de Uruguai, Estados Unidos e Israel.

Acordanzas: Sara Capurro

Sen título
1970
Témpera sobre cartón
44 x 58 cm
Doazón da autor

O cadro do Museo Provincial ingresou como doazón da autora en 1973. Forma parte da colección de arte arxentina e uruguaio, pinturas, debuxos e gravados representativos da intensa actividade artística desenvolvida en Arxentina e Uruguai ao redor das décadas dos 60 e os 70. Na actualidade non está exposto ao público, senón que se atopa na área de reserva do museo.

Trátase dunha pintura que presenta características inherentes ao cubismo sintético, unha das dúas tendencias, a segunda, que tivo o movemento cubista, e é significativa da repercusión das vangardas europeas en América, en particular da obra de Picasso, Georges Braque e Juan Gris. Pero tamén evidencia o discurso teórico e estético da arte constructiva de Torres-García.

A composición está inspirada en elementos do porto de Montevideo, o principal porto comercial de Uruguai, un porto marítimo-fluvial situado sobre o Río da Prata que foi esencial no desenvolvemento da economía uruguaia ao longo do século XX.

As instalacións portuarias e os barcos xa eran temas habituais nos cadros figurativos da artista. Nesta ocasión as formas xeométricas da colaxe pictórica suxiren elementos facilmente recoñecibles relacionados coa actividade portuaria e a navegación. Proas e popas de barcos, partes do casco, fragmentos dos costados, bandeiras, mastros, ollos de boi, chemineas, rodas e engrenaxes, torres de guindastres...

A pintora tamén introduce tipografías. Así inclúe algúns números e letras maiúsculas, como os acrónimos correspondentes a determinadas entidades do ámbito naval, ANP (Administración Nacional de Portos), o organismo uruguaio de administración, conservación e desenvolvemento dos portos públicos do país, e HMS, cuxas siglas pertencen a Her Majesty' s Ship ("Navío da súa Maxestade") e son identificativas dos buques da armada británica.

O cadro está pintado con témpera, unha técnica elixida con moita frecuencia pola autora e amplamente utilizada en arte naqueles anos por ter menor custo respecto ao óleo, ofrecer variadas posibilidades creativas, rapidez de execución e por adecuarse ben a proxectos de obra gráfica. As características propias da témpera aprecianse ben nesta peza pictórica, como o aspecto mate, a opacidade e boa cobertura, que permite superpoñer unhas cores sobre outras, ou a posibilidade de variadas gamas tonales. A pintora organiza unha composición de equilibrado cromatismo, con combinación de fríos e cálidos e na que o negro perfila e define formas á vez que dá certa unidade á obra. Evita as tintas planas, en favor de intencionados sombreados e matices de cor para insinuar volume nalgunhas pezas. Non busca a perfección na execución do deseño, só un efecto final do conxunto de formas e liñas dispostas en horizontal, vertical e diagonal.

Tal e como podemos comprobar na firma do cadro, para o nome artístico Sara mantivo o seu nome de pila, normalmente representado pola "S" inicial, pero optou por prescindir do seu apelido e utilizar o do seu esposo, "Capurro", un apelido de orixe italiana que é ademais o topónimo que dá nome a un barrio de Montevideo. E desta maneira, como Sara Capurro, é coñecida como pintora.
Rede Museística Provincial de Lugo
Rede Museística Provincial de Lugo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES