Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por que, Caldaloba

viernes, 25 de marzo de 2022
Para Loli López Cayón
da Asociación Carballo Vivo de Friol.


Por que se debe manter en pé Caldaloba? Por que se debe restaurar Caldaloba? Por que se debe protexer e honrar Caldaloba? Porque foi unha das últimas fortalezas na que unha familia da nobreza galega, os Pardo de Cela e os Saavedra, se opuxo a ser sometida aos mandatos dos Reis do Reino de Castela en plena expansión guerreira e política en Galiza, a que chamaron "pacificación" do noso Reino. Porque ademais tomou o mando da loita unha muller, dona Constanza de Castro, nun dos intres máis difíciles e tristes da súa vida: acababan de degolar ao pai, O Mariscal Pardo de Cela, e ao curmán, Xoán Núñez Pardo. Porque este era, pois, un intre máis para abaterse e chorar que non para loitar. Porque era este un intre máis para estar en compaña dos seus que para meterse en Caldaloba, nunha torre fría, senlleira e sen comodidades, cun puñado de homes armados con lanzas, setas, pedras e trabucos. Porque ademais podía seguir tomando as últimas raiolas do sol outonal na solaina do pazo de Miraz, xa que era parente da raíña dona Isabel, a Católica, e podía ir xunto a ela e firmar as paces. Mais non, preferiu meterse en Caldaloba asumindo todas as consecuencias: días de tristuras, amargores, soedades, nostalxias da familia, da filla, angurias, desacougos, feridos, sangue, mortes... E meteuse en Caldaloba, non tivo medo á vida. Ela, que viviu sempre entre a nobreza, dona entre as donas, casada cun Osorio e cun Saavedra, que de cativa xogou nas rúas de Mondoñedo e Viveiro, que de xoven se paseou polo porto de Burela coa irmá Beatriz disfrutando dese mar doce e fero do Cantábrico e que se quentou nos salóns e durmiu no pazo de Torés. Ela, decidiu meterse en Caldaloba para derrotar a toda unha tropa vinda de Castela dirixida por López de Haro. E meteuse e pasou as do demo e as de Caín, todas xuntas, trece meses de resistencia, non fai falla máis que mirar para o fronte da torre: ocos e ocos dos bolaños, un dos que feriu tamén ao home, Fernán Ares. E non puideron con ela: houbo que envelenarlle as augas para derrotala. E aí quedou a súa historia, que como galegos debemos conservar como símbolo dunha Galiza representada nunha muller que preferiu morrer a vivir baixo a gobernanza dos Reis Católicos. Por todo isto, Caldaloba debe restaurarse, manterse e honrarse até que Galiza desapareza como pobo.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES