Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 18 de marzo de 2022
Arrodeado sempre por algo

Saín á rúa. Estaba nubrado. Pero non collín paraugas porque non quixen. Se chove que chova. Ou me recollerei ou me mollarei. Pero seguirei sendo eu. Seco ou mollado. Tremendo ou suando. Dei uns cantos pasos máis e souben que, ó facer isto, era porque estaba andando. Sei de xente que anda por andar e que non sabe por que anda. Eu ando sempre para tirar cara á adiante. Retroceder é de covardes. Serei covarde para outras cousas. Pingas de Orballo Ou son covarde. Pero non para andar. Co que me gusta a min andar.
Cando levaba moitos pasos (poñamos, por exemplo, uns centos) mirei para arriba e vin pasar un avión. Ó principio pensei que era un gabián, pero axiña vin que botaba fume. Non é un gabián, dixen. Atinei. Era un avión. Seguino un pouco coa vista. Só un pouco porque tamén me dixen que para que. Nin tan sequera o alcanzaría e axiña o perdería de vista. Porque, á miña idade, a vista é a que é. Certo, ás veces vexo de máis ou quero ver de máis. Pero iso é outra historia, outro cantar, outra lenda, que pode ser contada noutra ocasión, noutro momento. Ou non.
Agora xa estou sentado nunha terraza tomando un café. Á miña esquerda, un libro de John Le Carré. Á miña dereita, o móbil. Ás costas, unha rotonda. En fronte, outra mesa. Estou arrodeado sempre por algo. Ía dicir polo inimigo, pero non. O inimigo está hoxe na outra punta de Europa. Ese si é un inimigo... con carros de combate, con bombas, con balas, con moita destrución ou desfeita ou desastre ou hecatombe. Non sigo para non alterarme.

As ás da felicidade

Deitei sobre a á esquerda dunha ilusión, case mellor dunha quimera. Ó pouco, rachou. Axiña lle cantei un responso e lle recei unha pequena oración. Pasei logo á ala dereita da esperanza. Case me foi peor; esta empezou a bambear, a abalar de tal maneira que quedei coa ansiedade medio afogando de afliximento. Creo que rosmei que a impotencia é a ponte da infelicidade.
Pingas de Orballo Agora, cunha á rota e a outra a medio romper, tan só queda esperar a velas vir. Se é que veñen; os afáns, as ansias, as nostalxias e as nubes brancas dunha felicidade eterna. Existe a felicidade eterna? Non. A felicidade son tan só momentos. Bonitos momentos, pero instantes.
Espero. Todo queda en silencio e os anhelos flotan por entre as palabras que escribo mentres escoito a Melendi. Ó mellor é Sabina. Ó mellor é a melancolía rabuñando nas entrañas do pasado. O presente segue a velas vir. E o futuro... o futuro está por escribir. Escribireino. Poida que incluso con catro palabras mal ditas ou cun réquiem nocturno, pero sempre con algún motivo ou orixe de fondo.
Espero. E xogo coa rosa dos tempos e co reflexo dun camisón branco na rima duns versos a medio compoñer. Espero e intento arranxar as alas, esas ás que quero que me leven polo universo da utopía. Ó pouco, deito de novo; primeiro sobre a á esquerda e logo sobre a dereita. Aguantan como aguanta a esperanza e sei que sempre hai unha posibilidade para vivir. Vivo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES