Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

África: un continente partillado

viernes, 11 de marzo de 2022
Estamos na nebulosa inicial dunha guerra desapiadada que entrou nas nosas moradas e, tristemente, visibilizamos o espanto da mesma, case ao minuto de suceder o África: un continente partilladoxenocidio que se comete co pobo indefenso de Ucraína. Todo en nome da súper arrogancia do ego e do ditame único con que se abastecen perversos persoeiros. E nestes días de malévola persecución, terror, fuxida e morte das xentiñas de Ucraína, chegoume de Lisboa, do Centro Cultural Luso Moçambicano, por iniciativa do vello amigo Lívio de Morais, pintor, e profesor de Historia de África, un interesantísimo catálogo da exposición: "Arte Africana dos Museus de Etnologia Europa - África - EUA", exposta na Casa da Cultura Lívio de Morais. Un suculento contributo de creatividade da arte espoliada por aventureiros sátrapas que forneceron os museos europeos coa rapina, cruel e desmedida, polos que partillaron vilmente África.

Un extensivo e suxerinte catálogo de arte africano, no que vibra a creatividade que cada unha dos grupos étnicos e culturais manifestaron as particularidades sociais de seus microcosmos que configuran o enorme macrocosmos, con eses formatos en que foi e é entendíbel ese poder creativo e manifestado nesas minucias de arte que o pensamento exclusivamente africano nutriu de encanto e, tamén, de fortuna metafísica a cada unha destas particularidades desa acción material e das crenzas animistas da Mai África. Aquí está esa incontinencia de saberes e de aconteceres nestas esculturas matriciais africanas, expresando nesas mulleres embarazadas e maternais, un cántico universal á vida. Coidadosamente expresado todo ese universo unificado nos parámetros universais da África toda; sustentando un amplo escenario de modalidades que fomentaron ese increchendo fabuloso que desvela tanta tradición, lexitimidade e humanidade en todas as confluencias que contribuíron a levantar esa África expresiva que vemos nesas molduras. Sempre reveladoras polos que tiveron unha visión distinta aos poderes colonialistas. Como sucede con Pablo Picasso, que introduciu eses África: un continente partilladoformatos de máscaras no cubismo das "Les Demoiselle d’Avignon". Tamén, Henri Matisse conformou na súa pintura esa África indisolúbel, das danzas e das núas pubertades. Podemos mencionar a outros pintores que beberon das referencias da arte africana. Mais Picasso e Matisse, rescataron ese potencial expresivo e universal da arte africana.

No que respecta ao informe histórico da partilla colonial de África citado neste catálogo, que describe ás seguintes potencias Europeas que partillaron África: Portugal, Holanda, Francia, Inglaterra, Alemaña, Bélxica, Italia e España. Desta partilla xeográfica, ficou alterada a cultural, os grupos étnicos, as linguas de cada comunidade, as tradicións e as crenzas. Todos estes atributos funcionais dos africanos foron sometidos a unha prédica continua e exercida con coacción, por parte duns dominios políticos e relixiosos que instrumentaron e terxiversaron as crenzas dos africanos como erradas, por parte dos colonizadores. Na partilla egocentrista de África, amañada e resolta polos países mencionados na "Conferencia de Berlín" (15 de novembro de 1884 ao 26 de febreiro de 1885) organizada polo todopoderoso chanceler do Imperio Xermano, Otto von Bismarck, resolveron a desfeita do continente africano; roubando as súas materias primas; organizando represións e asasinatos para os que non se sometían ás ordes e formatos que estipularon os colonizadores. Este catálogo expositivo relátase unha documentación moi especial e pedagóxica dos tráxicos aconteceres de África despois da "Conferencia de Berlín", con achegas á loita de Liberación Nacional de cada un dos países africanos que resolveron seu futuro accedendo a súa independencia através do século XX.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES