Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As guerras e as tendencias históricas

viernes, 11 de marzo de 2022
As guerras na Humanidade creo que poden tratarse como símbolos de fases de procesos que responden a tendencias históricas, en concordancia ou discordancia co seu verdadeiro sentido, que só polo transcurso de moito tempo se evidencia. Esta difícil perceptibilidade dificulta as decisións adecuadas na actualidade, debido ao cúmulo de eventos, circunstancialmente ocasionais, que van xurdindo no decurso histórico das sociedades do mundo. Así, o presente e o futuro vanse configurando na penumbra do substancial do pasado.

Certamente, se investigamos na historia da Humanidade, talvez desvelemos que todas as violencias sociais, pero especialmente as políticas, se podan considerar, en praxe hermenéutica, como a simbolización dunha dinámica estrutural subxacente aos eventos históricos rexistrados, e operativos, no seo das sociedades e nas súas relacións de todo tipo.

Nesta estrutura procesual están inseridas as tendencias históricas, que creo que cabe traducir a impulsos dunha solapada causalidade social, cuxo descoñecemento fai que os axentes que desencadean os eventos rexistrables aborten os principios que as inspiran, e, incluso, loiten teimosamente contra a súa aplicación, porque a obsesión de cambiar todo, con invite tecnolóxico, conduce a un abandono da debida valoración das importantes e decisivas constantes históricas.

Vou intentar ofrecerlles algúns exemplos que presumo pertinentes e comprensibles, para clarificar, por suposto modestamente, o contido dos parágrafos anteriores. Reparemos na estrutura catalizadora da denominada TEORÍA CONSPIRATIVA, mediante a que se trata de explicar a crueldade e violencia no mundo social, sobre toda cando media unha planificación perversa. Esta teoría encaixa moi ben cos perdedores, ou cos que posúen ese sentimento por razóns ideolóxicas arraigadas, que os levan a explicar os fracasos que lles obrigaron a cambiar o sistema de vida, acudindo, segundo eles, a recursos imaxinarios incompatibles co mundo histórico instalado, no que se vivía. Tal é o caso dos partidarios do Antigo Réxime, na Revolución Francesa.

A este respecto, o xesuíta francés, Agustín Barruel, escribe sobre ela e afirma que con tales recursos, ou principios progresistas, pretenden articular enganos sociais, para desfacer a construción do mundo social, difundíndoos en panfletos, folletos, periódicos, etc. E na mesma liña expresouse J.F.Lafranc, acusando á Asemblea Nacional de aliarse coa francmasonería.

Pois ben, en referencia a actualidade, sería mester investigar as vicisitudes tendenciosas da conspiración e como se presenta na actualidade no caso da guerra con Ucranía, incoada por un Putin resentido dos cambios de réxime en Rusia, considerando que non se pode esperar que el sexa unha excepción ao influxo da compoñente nos resentidos que fai imprevisibles os seus comportamentos de desquite. A propósito, acabo de ler unha opinión do catedrático de psicoloxía social da USC, nunha entrevista no diario EL Progreso, de 8-3-22. Di, en resposta a suxestión de que os tempos non parecen moi propicios para o optimismo, o seguinte: NO HAY QUE CONSIDERAR EL MOMENTO PUNTUAL DE LA HISTORIA, SINO DE DONDE VENIMOS. (Maiúsculas, mías). E dicir, hai que coñecer esa compoñente como unha constante histórica, para valorar adecuadamente os eventos puntuais.

Tamén encontramos na lectura da historia que, coa escusa dos Dereitos Humanos, leváronse a cabo violencias sociais por grupos de homes malvados que non tiñan nada de humanas. Isto está rexistrado na historia e non é difícil interpretar que se trata dunha violencia para acadar un maior grao de humanidade, senón dunha violencia de intereses, dunha violencia política, e eses intereses que se intentaron xustificar son, precisamente, os que conduciron ás guerras, e a permanencia disto acúsase na actualidade como unha tendencia soterrada, que aínda non logrou reconducila a persoa humana co vigoroso progreso cultural do século XXI.

Os intereses políticos adoitan arrastrar con excepcional empeño a toda clase de perversidades e despropósitos. Basta lembrar que Obama, sendo presidente de EE.UU., financiou e equipou militarmente á organización de terroristas de Osama-Bin-Laden, na súa rama de Siria, para evitar que Rusia ocupara un porto. E isto leva a pensar que, como afirma P. Ricoeur noutro contexto, a bondade non é anterior a maldade, ao mal, que nin é orixinal nin radical, é histórico, pero xa desde o inicio. Tamén Rousseau andou por estes arrabaldes, sostendo que o home é bo por natureza, pero deprávase na historia. E creo que debería entenderse que nace con capacidades suficientes para evitar a violencia, pero ten unha dimensión histórica que lle obriga a realizarse con vicisitudes persoais e contextos sociais non sempre superables e ben asumidos.

Precisamente por isto, as guerras son consideradas pertinentes, ás veces, por intelectuais, con un certo desconcerto para o sentido común, como é o caso de Kant que chegou a escribir que eran boas como medios de facer valer os principios humanitarios, e nesta liña ata defendeu a violencia dos xacobinos por "principios revolucionarios". Pero non se quedou aquí. tamén afirmou que os propósitos morais, tomados como intereses sociais, só son posibles ao través da violencia, e que, polo tanto, esta era necesaria.

Pero a violencia practícase mediante a utilización de recursos psicolóxicos e físicos. E ambos teñen solución previa coidando a educación en valores. Se o mundo na actualidade está horrorizado polas consecuencias da guerra de Rusia con Ucranía, débese ao temor das consecuencias do emprego de armamento atómico, e isto non se produciría freando e regulando a aplicación dos resultados da investigación científica. Non pensemos só, polo tanto, na indiscutible responsabilidade de Putin, en canto as consecuencias do uso desa clase de material bélico. A responsabilidade esténdese a todos os que facilitaron, e facilitan, a aplicación perversa dos resultados da investigación, catalizada por impulsos de tendencias históricas, que parece que non entran en serio nos cálculos estratéxicos dos políticos con competencias ad hoc.

Insiste Ricoeur en que o home leva marcada na súa propia constitución a posibilidade do mal moral, pero dita posibilidade non pode denominarse aínda culpa (Pax. 202 na obra CONOCIMIENTO Y RAZÓN PRÁCTICA, do Dr. Agís Villaverde). Dúas páxinas máis adiante engade Agís que o enigma da culpa é a distancia que media entre a posibilidade do mal e a súa realización efectiva, mercé a "labilidade" (escasa firmeza) da nosa constitución. Claro, penso que esa distancia é o espazo propio para medir a vontade de tomar precaucións éticas.

E traio isto aquí, apartándome respectuosamente do contexto apropiado dos autores, porque a mera literalidade abre canles metafísicos para fundamentar a atribución de responsabilidades a Putin polas gravísimas consecuencias que se deriven da guerra con Ucranía, en canto é o posuidor "privilexiado" do "espazo propio da súa vontade", desbotando a vía diplomática cunha actitude de extrema frialdade, impropia dun político do país que preside, e facéndose así acredor a unha repulsa mundial de maioría explícita, e minoría implícita, por razóns diplomáticas e ideolóxicas, dificultando así, ademais, o afloramento do imperante proceso de globalización.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES