Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os zapatos do bailarín das ondas

jueves, 03 de marzo de 2022
Onte conteille á miña filla, Noa, o do naufraxio do barco Vila de Pitanxo en Terranova, da desgraza, da perda e de como deben de estar as familias.

Faleille de que agora son cada vez menos os naufraxios que se producen; que os barcos van dotados de equipos de salvamento, que hai lanchas inchables, radio balizas e outra serie de adiantos que fan máis seguro o traballo no mar.

Pero o mar, o mar é dono, e leva o que quere cando quere.

Faleille tamén doutros tempos, dos tempos dos homes de ferro cravados a barcos de madeira que navegaban polos mares do perigo para traer tranquilidade aos seus e peixe a terra.

Faleille do medo que viviran varias tripulacións focegas naquel agosto de 1958, cando, despois de setenta inacabables horas, puideron contemplar o porto de Foz. Na escena que relata a prensa vese o boniteiro Normando remolcando ao Brisa, e o Quintanero ao Ares Otero. Estas tres últimas embarcacións saíran de Foz había unha semana "y se habían dedicado a la pesca del bonito en las cercanías del Gran Sol, pero en aguas peligrosas". Aí estaban faenando cando o Ares Otero sofre unha avaría nas máquinas, ao quedar á vontade do mar solicita axuda. Acode o Brisa pero non pode remolcalo el só así que se fai necesaria a presenza dos outros dous barcos. Nada de todo iso se sabía nin en Foz nin na comandancia de mariña pois "el Brisa, el único que disponía de emisora, sufrió avería en la misma" (La Noche, 4 de agosto de 1958).

Eses catro boniteiros focegos navegando xuntos souberon chegar á terra que os vira partir. Nove anos despois os adiantos aplicados nos barcos melloraran e así vemos como en decembro de 1967 entraba no porto focego o Siempre Quintanero, un barco que desprazaba "275 Tms, con una fuerza de propulsión de 850 H.P. y 200 H.P. de auxiliares, contando también con emisora de largo alcance, goniómetro, sonar, radar y todos los adelantos de la técnica moderna. El barco procede del "Gran Sol", donde durante quince días estuvo dedicado a la pesca del arrastre" (El Progreso, 9 de decembro de 1967).

Adiantos que de pouco serviron, pois, o 17 de decembro de 1968, o corresponsal do xornal El Progreso (Suso Fernández, asinando baixo o pseudónimo de SuFer) informaba que debido ao mal tempo reinante a flota pesqueira de Foz levaba tres días atracada na dársena. O resto dos barcos da Mariña estaban de arribada nos portos de Ribadeo, Vicedo ou Ferrol.

Suso, que nos falaba de que a escasos quilómetros da costa "se encuentra un gran temporal con olas verdaderamente gigantescas", tamén nos daba conta de que o Siempre Quintanero, que estaba faenando no Gran Sol, "al parecer, y debido a la galerna que azota aquellas latitudes, perdió el timón y se dirige a nuestras costas remolcado por el bou Novodi II, que ha de vencer serias dificultades para lograr arribar a puerto al Siempre Quintanero".

Faleille tamén do naufraxio, naquel outubro de 1964, do Urbiola, un boniteiro de Foz que se ía a pique a oitenta millas do porto de Foz. Boniteiro patroneado por Saturno García, do que tamén era armador.

Desta desgraza tívose noticia en Foz cando, ás 11 da mañá, se recibe unha mensaxe de radio enviada por outros boniteiros focegos no que daban conta do suceso. Novas mensaxes comunicaban que toda a tripulación, o máis importante dun barco, estaba ben, que foran rescatados polos boniteiros Rey Soto (San Cibrao) e Ruiz González (Burela). Despois de ímprobos traballos conseguiron salvar aos náufragos "a pesar de la gran marejada, lograron poner sus barcos al costado del Urbiola, para que la tripulación de éste saltase rápidamente, sin pérdidas de vida" (El Progreso, 20 de outubro de 1964).

Faleille do naufraxio, en 1968, do Vila de Foz, que faenando preto da costa "chocó con un objeto no identificado que le abrió una gran vía de agua a popa, a consecuencia de la cual el barco comenzó a hundirse lentamente. A las llamadas de auxilio acudieron los motopesqueros Paquita Pérez, de Vivero; Airiños do Masma y Ares Otero, de Foz, que rescataron a los catorce hombres que componían la tripulación. Otro pesquero, La Candelaria, salió de Burela y trató de remolcar al Villa de Foz, pero éste se hundió" (ABC, 14 de setembro de 1968).

Faleille tamén daquel tempo en que as ondas do mar de Foz batían na Alameda de Mondoñedo. Eran as palabras do xornalista Alejandro Armesto das que lle falaba, e do artigo que publicaba no ano 1954 sobre a festividade da Nosa Señora dos Remedios. Nel mencionaba que Foz e Mondoñedo estaban tan unidos que eran un só e por iso "los linderos de la diócesis se estiran hasta Terranova y casi siempre nacen cada mañana en el Gran Sol. Vamos, que es marinera por donde se la mire y que cuando allá dentro se van al fondo los del Jesús del Gran Poder o los de la Santa Ana, nº2, en el corazón de la diócesis tocan a rezar por la arboladura de sus almas" (El Progreso, 14 de setembro de 1954).

Faleille de que cando se afunde un barco a pena inunda os pobos que miramos cara o mar, sen importar de onde era o barco, porque todos temos, na lembranza, os medos pasados.

De todo isto lle falei á miña Noa.

Non lle falei, porque diso nada sei, de como é ir ao mar, porque nunca tiven zapatos de mariñeiro, para poder bailar coas ondas.
Fernández Pacios, Xoán Ramón
Fernández Pacios, Xoán Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES