Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 03 de marzo de 2022
Esperando a unha estrela

Levo tres días esperando a que caia unha estrela do ceo. O primeiro día, o que caeu foi unha xeada de tres pares de narices. No segundo, caeron chuzos que pensei que me abrían a cabeza. E neste terceiro, en principio, está caendo unha canícula que aplana. Hai para dar e tomar. Como teña que esperar moitos días máis, ó mellor acabo esmagado por unha nave espacial.
Pingas de Orballo A estrela non cae. E iso que me dá igual unha que outra, que veña do norte ou do sur, do leste ou do oeste, que empurre Superman ou que lle dea un toque o asteroide XLM33. Necesito ver caer unha estrela! Pero non quero que sexa a estrela de David de Juan Bau, non porque non me guste -que me gusta-, senón porque non sería nada orixinal. Eu quero unha estrela descoñecida. Para facela miña. Para que brille como unha rosa e a todas as horas.
Tampouco quero unha estrela fugaz. Por iso, polo nome. Porque o nome xa o di todo: que será fugaz, efémera, pasaxeira. Eu quero unha estrela que me dure sempre e que poida gardala nun faiado ou nun balcón. Mellor nun balcón, por se quere estar á luz do día. Pobre, tampouco quero tela escondida. Quero que brille. Que brille no firmamento e en calquera lugar no que a asente. Brilla. Ten que brillar á forza; é a miña estrela!
Tres días esperando a que o soño se faga real, a que a fantasía atravese todo o universo. Quero ter unha estrela na palma da miña man. E no bico, un cantar.

Baixando a costa

Quixen baixar por unha costa tan empinada, tan empinada, tan empinada que pensei que afociñaba, que me esnafraba. E o peor era a sensación de que en calquera momento tería que botarme ás boleiras, porque os pasos cada vez se me aceleraban máis. Tamén notaba como se tensaban os músculos das pernas e como chegaban mesmo a doer. Díxose sempre: que é máis difícil baixar que subir, e por moito que se Pingas de Orballo diga tamén que, para abaixo, todos os santos axudan. É mentira! Os santos non axudan nada. Se axudaran, pois por exemplo santa Lucía non deixaría que ninguén perdera a vista. Pero non me vou meter cos santos porque sería o conto de nunca acabar. Sigo coa costa.
Baixar baixeina. Mal a gusto, pero baixeina. Antes de chegar ó medio dela xa estaba un pouco arrepentido de iniciar a súa baixada. Non obstante, non me volvín, claro. Tampouco era plan de subir de novo o cacho que baixara. É peor baixar que subir, pero... Pero retroceder nunca! Os heroes nunca retroceden. Mesmo me están entrando ganas de ofrecerme voluntario para ir combater ó malnacido este do Putin. Se non fora porque queda tan lonxe... Ó mellor calquera día vou e zorrégolle unha labazada que o mando á Siberia.
Cando cheguei ó fondo da costa, xa se me aliviaron todos os males. Aínda que, iso si, durante un cacho tiven que coller folgos debaixo dun balcón onde daba un pouco de sombra. E xa descansado, volvín a cabeza cara á costa e fíxenlle as pascuas, é dicir, "a puñeta". Para que entendades mellor. Que vos hai que dicir todo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES