Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un río e unha pregaria

martes, 01 de marzo de 2022
Levo con honra este nome
que os séculos me outorgaron,
e oíndo "río Ladra"
todos senten grande afago.

Entre budios e amieiros
camiño lento e calado
cal se fora bolboreta
aos silencios afalando.

Compañeiro son das herbas
que cubrindo estes rebazos
reverdecen de ledicia
o meu paso avellentado.

Cargo ao lombo tanta auga
que podo abritar mil prados,
repoñer todas as fontes
e abeberar moito gando.

Bebeu de min xente antiga
que na memoria non gardo,
mais detrás viñeron outros
aos que todos recordamos.

Quen non lembra aínda hoxe
aos intrépidos romanos
que entre outras cousas deixaron
a lingua que aquí falamos?

E a aqueles suevos do Norte
que apreixaron os arados
sementando novos nomes
entre chantas e valados?

Que dicir dos medievais
cabaleiros nomeados
de Saavedra e mais Baamonde
que castelos levantaron.

Mais non só da xente de armas
testemuño podo dar,
e principio pola Virxe,
a Señora dos Milagros,

e despois o santo Alberte
que unha ermida singular
erixiu á miña beira
para os infantes curar.

E aínda queda o mais excelso
que se poida nomear:
un meniño envurullado
en panos de lenzo branco,

que por mor de dous Xosés
de Begonte foi prendado
e sen outra dilación
quixo aquí ser celebrado.

E, porque eu son o seu río
e el estame a escoitar,
diríxolle esta pregaria
polo tempo de Nadal:

Bon Xesús, a ti che pido
que a ninguén lle falte o pan
nesta terra de Begonte
á que eu sirvo con afán.

E despois tamén desexo
que a concordia e mais a paz
entre todos os veciños
nunca deixe de reinar.

Que xamais sexa a codiza
das súas vidas o amo,
e non teñan como norte
o diñeiro mal ganado.

Que marche xa dunha vez
este Covid desalmado
que con tanta dor e pena
os mantén atenazados.

Que nos campos nunca falte
a semente que botar,
nin a man dun bo labrego
que manexe un bo arado.

Que voen xempre paxaros
polos nosos ceos craros
e rebulan na miña auga
peixes sans e sen andazos.

Que todos os máis cativos
nunca deixen de soñar
que este mundo que lles demos
non os ha de defraudar.

Que os que marchen desta terra
non se esquezan que é o seu lar
e espallen o seu nome
en todo tempo e lugar.

E que saiba sempre o pobo
que un día foi sinalado
p(a)ra ser o teu pregoeiro
polo tempo de Nadal.

E por fin todos pedimos
que non nos deixes xamais,
pois sabes que para nós
es ti sempre o máis prezado.

(Este texto do poeta CARLOS LOPÉZ FERNÁNDEZ, obtivo MENCIÓN DE HONRA no XLVI Certame nacional de Poesía sobre o Nadal, convocado polo Centro cultural José Domínguez Guizán, impulsor do Belén de Begonte).
López Fernández, Carlos
López Fernández, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES