Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O inadmisible desacouga

viernes, 25 de febrero de 2022
Non sei se é indiscutible que estamos inmersos en cambios profundos nas estruturas sociais. Os cambios de época, sen dubida, comprométenas. Pero aquí vou referirme aos meros cambios que poden ser, como exemplifica un sociólogo, semellantes aos que se observan nas nubes e nun penacho de fume, que tanto nos ofrecen unha figura como outra no transcurso dun brevísimo tempo. Estes son a ilusión da inexperiencia dalgúns líderes que pretenden deixar as súas pegadas persoais e ideolóxicas ignorando as orientacións históricas.

Os investigadores adoitan ter dificultades para realizar unha análises dos mesmos, porque non poden detectar cando un cambio iniciado vai afectar, ou non, a estrutura dunha sociedade, e en que medida a afecta, o que lle dificulta determinar a súa dirección, sobre todo debido a que só se evidencia ao largo de moitas xeracións, e soe ser consecutiva dunha tendencia reptante a través da historia.

En todo caso, os cambios sociais non se improvisan nin se levan a cabo mediante os impulsos dunha ideoloxía pendurada na mente inestable dun líder político, porque os enxertos socias para que xerminen necesitan o zume das tendencias históricas, nada fáciles de detectar á lixeira, e moito menos interpretando as dinámicas estruturais correspondentes con amaños de ocasión. O que si se consigue, aínda que só sexa por algúns anos, son esas figuras semellantes ás das nubes e penachos dos fantasiosos.

Isto ten unha explicación. A miopía dos políticos, cando son incapaces de valorar o alcance verdadeiro da relación entre as estruturas das personalidades e as sociais, condúceos a toda clase de esperpénticas decisións. E máis ou menos conscientemente, veñen a ser debedores dun erro que algúns estudosos destas temáticas parece que cometen, como lle ocorre a Parson que considera que a única realidade é o individuo: A sociedade só ven a ser un epifenómeno.

Tamén Durkheim sostivo a tese de que nesa relación entre o individuo e a sociedade ambos conceptos están imbricados, como si fosen a expresión de dous obxectos separables dos que se considera a posteriori a súa mestura. É que cree que estes conceptos están referidos a cadanseu obxecto con existencia separada, descoñecendo que son aspectos distintos, pero inseparables, da persoa humana, o que ten un significado de gran importancia, porque constitúen a sociedade (entendida esta, agora, en perspectiva global), que non deriva dun antollo ideolóxico ocasional dun líder político e do grupo adicto a el, por motivos alleos ao esencial das auténticas dinámicas históricas.

Se transportamos isto a España, penso que estamos abrindo unha das sendas que nos pode levar á comprensión dalgúns desacougos que xeran as condutas INADMISIBLES, empeñadas en ensaios que semellan componendas que, a modo de nubes ou penachos, están ofrecéndonos eses inestables e fugaces cambios nas modalidades sociais en superficie, que, por desvinculados da historia, adulteran o contido das esixencias da estrutura da personalidade comunitaria en xeral, establecendo o ensaio dun grupo ideolóxico.

A información, nos medios dun e doutro signo, vai deixando indicios, que, a modo de exemplo, apuntaremos aquí algún. Chama a atención, a pouco que reflexionemos, a teima que algúns políticos poñen en elevar feitos de escasa importancia a unha categoría superior á entidade dos mesmos. Un comentario de escasa monta levou no noso país aos políticos de primeira liña a visitar as vaquiñas -a prudente distancia, iso si- nos pastos, e esta decisión simula ter tal transcendencia que tanto a televisión como as mellores plumas doutros medios contribúen a inflar o globo. E digo "simula TER", pola condición ocasional do feito; non SER, porque non é o habitual dalgúns líderes evitar o ridículo e fundamentar os comportamentos decisivos, polo empeño de figurar como auténticos demócratas.

E se preguntamos os motivos disto, o primeiro que se nos di é que dá votos, e encóntrase moi razoable que as persoas que ostentan a representación funcional do exercicio da soberanía nacional, ou esperan ostentala, non deixen pasar estas oportunidades; pero máis aló desta visión superficial, creo que hai outra que nos soe pasar desapercibida, que en España, como di un intelectual, faise pasar o ORDINARIO por EXTRAORDINARIO e o CONSUETUDINARIO por EXCEPCIONAL, e debido a iso vivimos no paradoxo e na escuridade das nubes e penachos, froito da inconsciencia ou dalgunhas derivas intencionais, fértiles en trapalladas políticas, e, probablemente, asesoradas desde a penumbra das "sinecuras".

Outro indicio que preocupa aos españois é encaixar nun razoamento ADMISIBLE que o separatismo catalán siga gobernando en Cataluña, mantendo os seus secuaces nas institucións que deciden todo o que atinxe ao Estado, como é o caso do Congreso e o Senado, e incluso da Moncloa. E, o mesmo tempo, cun desconcertante líder na oposición, e un Sr. Presidente do Goberno que da a sensación de ceder o poder aos separatistas para manter o del en España. Pero agreguemos a isto que os Srs. Presidentes que o precederon tamén deixaron faíscas desta mesma actitude durante o seu mandato, incluso algún presumía de falar o catalán na casa. Esta estraña compracencia trae desacougos e incomprensións para os cidadáns, e, sobre todo, os falaces argumentos cos que pretenden xustificala recíbense como recursos loxicamente INADMISIBLES e infantís.

Reparemos, ademais, que á problemática de Cataluña hai que engadirlle as manipulacións da historia nacional. E non se entende moi ben que os especialistas e intelectuais non se comprometan a fondo denunciando tales boubas, que se estenden, nos centros cataláns do ensino, nos libros de texto, para ir instruíndo ás novas xeracións, e incluso prescindindo dos prestixiados clásicos españois e, por suposto, cataláns, en evitación de que non se desvíen das canles separatistas. É unha pena que eses personaxiños semellen considerar ós representantes do pobo mais eivados para a comprensión das súas astucias que os integrantes de este!!.

Outro problema que preocupa moi seriamente ao pobo é o de que, en calquera parte de España, afloran os máis baixos instintos de violencia nas persoas menos sospeitosas. E neste caso sorprenden certas actitudes ideolóxicas e procederes políticos que, confundindo a democracia coa acracia, dá a impresión de que suavizan o emprego da lexítima resposta dos poderes públicos, limitando a súa eficacia, sen reparar que o necesario control para a tranquilidade das xentes evita o emprego arbitrario da impetuosidade e forza física, un poderoso impulso que sempre transcende a quen o posúe, se non se activa nel a tempo, e adecuadamente, a coacción interna dimanante da eficiencia da externa. Hai, pois, que esperar que se lles vaia das mans ás autoridades coas correspondentes competencias, para que actúen consecuentemente?.

Mais, aínda que este é un espazo no que caben non meros indicios de arbitrarios e insubstanciais cambios socias, senón a exposición de comportamentos de moita máis ensulla, creo que os expostos son suficientes para xerar inestabilidade e desacougo na sociedade. Precisamente por isto, decidín, non sei se con acerto, utilizar a palabra INADMISIBLE, porque apunta a ese sentimento de rexeitamento popular, por inadecuación e descontextualización de decisións, que catalizan as inquietudes populares. E como di D. Marcelino Agís Villaverde, catedrático de Filosofía, na USC, "se a palabra notifica vivencias, se dota ás expresións de significación e fai posible a comprensión, esixindo a coordinación entre falante e oínte ou entre autor e lector, INFÍRESE QUE POSÚE UN SENTIDO QUE IMPLICA TODA INTENCIÓN COMUNICATIVA". (Px. 290, da súa excelente obra ANATOMÍA DO PENSAR, V I; maiúsculas, de min).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES