Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libro sobre Colón evanxelizador

miércoles, 23 de febrero de 2022
Libro sobre Coln evanxelizador Onte cara a mediodía pedíronme un par de amigos e compañeiros que fixese de presentador do autor aquí presente do libro que nestes momentos nos ocupa.

En principio, pensaba que non, pois nin sequera dispuña do libro a presentar. Mais o amigo Antonio Montero axiña me prestou un exemplar e púxenme a lelo un pouco de présa, pois non era moito o tempo do que dispuña.

Empecemos, pois, xa polo seu autor, Luis Pose Regueiro. Eu residín en Madrid durante corenta anos ata que hai só once anos cheguei a Vigo. A pesar diso, nos veráns pasaba case sempre un par de semanas na miña parroquia natal estradense de Sabucedo (onde se celebra unha moi tradicional e fermosa Rapa das bestas). Desde alí ía algunhas veces presidir a misa noutra parroquia moi próxima (xa do concello de Cerdedo) que se chama Tomonde: foi aquí onde coñecín un rapaz devoto e simpático que quería entrar no Seminario e que ás veces facía de acólito na misa.

Chamábase Luis Pose Regueiro e velaquí o vedes agora ó meu lado, xa todo un crego feito e dereito e ilustre investigador de Colón trala súa licenciatura na nosa universidade xesuítica de Roma, a Gregoriana.

Témoslle que lle agradecer a Luis ter realizado un traballo, ó meu ver, serio, científico, moi ben documentado, pero ademais -cousa importante- moi lexíbel (incluso no tipo de letra utilizado).

Dentro dos segredos que aínda garda a figura de Colón, a min sorprendeume este libro por el estar centrado nun aspecto ou nunha visión de Colón -como nel se nos di- pouco coñecida ou polo menos non suficientemente posta de relevo polos investigadores. Descúbrenos así Luis un Colón que, aínda non sendo un "relixioso eclesiástico", actúa no mundo (e de maneira especial nos mundos por el descubertos) como un laico mobilizador da fe no nacente cristianismo da América, como "líder principal do proceso evanxelizador", aínda tendo en conta a concreta presenza de relixiosos ou eclesiásticos no mesmo contexto. De aquí que el se refira (e con razón) ó especial "protagonismo eclesial de Cristóbal Colón" (pp. 186-188), que se manifesta tamén nas diversas formas de cristianización dos lugares que el vai descubrindo (pp. 122-124).

Quero lervos en relación con isto un texto (dunha carta de Colón ós Reis Católicos, do ano 1501) que el aporta no seu libro, pois fíxome pensar nas moi posteriores declaracións da Igrexa (no Vaticano II, dos anos sesenta do século pasado) sobre a posíbel salvación dos que en principio non se senten crentes mais se comportan ben. Dilles, pois, Colón ós Reis:

"De muy pequeña edad entré en la mar navegando, y lo he continuado hasta hoy [...] ya pasan de 40 años que yo soy en este uso. Todo lo que hoy se navega he andado. Trato y conversación he tenido con gente sabia, eclesiásticos y seglares, latinos y griegos, judíos y moros, y con otros muchos de otras sectas. A este mi deseo hallé a Nuestro Señor muy propicio, y hube de Él para ello espíritu de inteligencia [...] En este tiempo he visto y puesto estudio en ver todas escrituras, cosmografía, historias, crónicas y filosofía.

...Digo que el Espíritu Santo obra en cristianos, judíos, moros y en todos otros de otra secta, y no solamente en los sabios, mas en los ignorantes; que en mi tiempo yo he visto aldeano que da cuenta del cielo y estrellas y del curso de ellas, mejor que otros que gastaron dineros en ello; y digo que no solamente el Espíritu Santo revela las cosas de por venir a las criaturas racionales, mas nos la muestra por señales del cielo, del aire y de las bestias cuando le place.

...Yo soy pecador gravísimo. La piedad y misericordia de Nuestro Señor, siempre que yo he llamado por ellas, me han cubierto todo: consolación suavísima he hallado en echar todo mi cuidado a contemplar su maravilloso conspecto” (86-87)."

Cara ó final deste fermoso libro fálanos Luis de "preguntas que esperarán futuras investigaciones..." (188). Pola miña parte así o desexaría, dada a excelente mostra de capacidade investigadora amosada neste seu libro. Dígoo ademais porque, aínda que non son historiador, continúa a ser verdade aquilo de que "a historia é mestra da vida". Dáse ademais a casualidade de que eu mesmo, ó empezar a me interesar circunstancialmente desde hai un par de anos pola figura dun bastante descoñecido xesuíta galego e galeguista que polos anos cincuenta do século pasado viviu durante once anos aquí en Vigo, de nome Tomás Barreira Suárez (1883-1961), resultou que atopei no "Faro de Vigo" nada menos que 40 artigos del sobre Colón. Un deles leva ademais precisamente o título seguinte: Colón fue el primer misionero de América ("Faro de Vigo", 12 de outubro de 1951, p. 1). É o día e mes do descubrimento de América no ano 1492. Pois ben, nese artigo fálanos Barreira sucintamente sobre a acción "misioneira" ("evanxelizadora" en palabras de Luis Pose) de Colón, rematando o seu artigo deste xeito: "Fue [Colón] descubridor y misionero". É esta unha idea sobre a que aínda volvería Barreira algúns anos máis tarde a teor do que se nos di tamén no "Faro de Vigo" o 9 de marzo de 1954 co gallo da máis tarde denominada festa da "Arribada" da "Pinta" a Baiona. Infórmanos, en efecto, textualmente o xornal de que o P. Barreira falou alí, na súa celebración eucarística, "sobre la acción apostólica de Colón, el primer misionero de América".

Manuel Cabada Castro
(Vigo, 18 de febreiro de 2022)

(Texto de Manuel Cabada Castro na Presentación do libro de Luis Pose Regueiro, Cristóbal Colón primer evangelizador de América (Estudio histórico) (Universo de Letras, 2020). 215 p.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES