Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (21)

martes, 22 de febrero de 2022
Veño escandalizado da Ronda, pois pasaron por diante de min, de regreso dunha excursión supoño, uns mil "codeleiros". ¡Un rexemento! Primeiro, a guerra; despois, a emigración; e agora, media provincia con sotana; pobres rapazas, pobres celibatas...! ¡Pobres rapazas, "que non teñen vergoña nin quen llela meta", como dicía o Sidro de Millares referíndose ás da mini faldra, que se puxeron así despois da guerra..., en vista da escaseza masculina!

Participeille o meu abraio á señora mestra, miña dona de por vida, ¿e sabedes que me dixo? Pois que este Lugo é moi cuco, e non só os de Gondel; que no Seminario estudan practicamente de balde, para..., para que? ¡Para aproveitarse! Rematou preguntándome, pero como tamén son de Lugo, agora máis que nunca, que vivo aquí, apreixado polas murallas...; por certo, ¿quen fixo estas murallas? A miña mestra di que foron os romanos, pero eu contradígolle, ¡e digo a verdade!, que as fixeron os lugueses, os do circundo, baixo látego! O único romano foi o látego. ¿Para que?, volveu a preguntarme. Como non lle souben contestar, fíxoo ela: -¡Infeliz! Menos mal que es mecánico, e non fiscal! Pasan uns aniños no Seminario, para saír sabendo latín. ¡Cando se lles empeza a alzar, en vez do alzacolos, álzanse eles! Tanto latín aprenden que, despois, ou validan no Instituto, ou se colocan do mellor, que os prefiren en tódalas oficinas, entre o que saben e maila moral que lles inculcaron. A eses empresarios que lles dan traballo había que recordarlles que non hai xente máis pilla cós sancristáns... ¿Sabes o conto do Xan da Cazurra? Xan era sancristán, e cando veu a escaseza do aceite, a maiores deu en escasear o da lámpada da súa igrexa. Xan confesouse polo Precepto, ocasión que aproveitou o Párroco para inquirir: Xan, por un casual, ti non saberás quen é ese pecador que molla o seu pan no aceite da lámpada do Santísimo? Xan, ¡que por algo era sancristán!, propúxolle ao confesor: Señor Cura, faga o favor de saír para fóra, e métome eu no confesionario..., para ver se así oio mellor! O Cura, que non quería deixar sen absolución ao colaborador, saíu para fóra, e Xan entrou, comezando as repreguntas: Señor Cura, agora que nos oímos ben, ¿quen anda coa muller do Xan da Cazurra? O Crego, collido en renuncio, díxolle: É certo que desde fóra non se oe, así que, Ergo absolvo pecatis tuis...

- ¡Non o facía de ti...; terás que confesarte, ti tamén!

- ¿Por...?

- ¡Por difama-lo teu Cura!

- ¡E ti...; ti o que debes facer e poñerte a estudar latín..., en competencia con eses do Seminario, que será a única maneira de librarte dos coches, xa que tan farto estás deles!

- ¿E vivir soamente coa túa paga? ¿Non se dixo, sempre, por algún desgraciado..., Ese pasa máis fame que un mestre de escola?

Pero ela, lista coma un raio, e máis práctica que unha formiga, ¡é luguesa, estudada en Lugo!, deseguida tirou consecuencias:

- A horas libres, se te metes a autodidacta, e con algo que che axude, vas preparando os cursos do Bacharelato..., por libre!

- ¿Para que me chamen de don? ¡O don xa mo pon Hacienda no noso recibo de Urbana, no do piso! Aquí en Lugo os bachareis, ¡tantos que hai!, seguen tendo don, pero o importante é ter din..., diñeiro! Como pouco, para botarlle pan ao caldo hai que ser Avogado, e non precisamente deses das silveiras!

- Iso virá despois, que podes ir a Santiago para examinarte por libre. Pero eu, no teu caso, e co ben que se che dá a economía, que es un aforrallón, que nin fumas..., estudaría no intermedio Ciencias Sociais, Económicas e Empresariais, con algo de idiomas, que xa ves que empezan a visitarnos os turistas, maiormente eses das Illas Filipinas... -Riuse- O Dereito vén despois, cando che medre esa chepa que che saíu de tanto agacharte por culpa dos coches...

Dinlle unha aperta polo consello:

- ¡Ai, muller, Mestra tiñas que ser, Mestra do “m” grande, que ata fas por enderezarme! Facéndoche caso, direiche, logo, o meu plan, para que vexas o obediente que saín, e non aquel Adán, que só lle aceptou unha dentada na mazá: Primeiro estudio todo iso, e despois, co meu latín, experto en cousas da Economía, e tamén en Dereito, ¡un as!, faranme Cardeal, que seica os hai incluso sendo leigos, e por ser de Lugo, que é outra carreira acumulada, acabarei de Papa!

- Meu amor, para iso, para saír Papa, tiñas que estar viúvo!

- ¡Estareino, que ti, co mal que che sentan estas néboas do Miño, pouco me vas estorbar!

- Non te quero mal, querido esposo, pero ti, con isto de ser papá, papá de dous fillos encantadores, vas servido!

- Recoméndame desde o Ceo, -insistín-, que por algo vas de Lugo, e levarás sabido como se fai, como se ascende a conseguidor, vulgo cacique. Coa túa recomendación, co santiña que es, eu, ¡outro San Pedro, que tamén tivo sogra! Pensa o anchos que se van poñer comigo estes da muralla cando saiban que pasan a ser romanos, que pasan a ser lategueiros, que teñen un Papa en Roma, un Papa de Lugo!

Tomámolo en serio, que aquí estou, dándolle ao punto e á parte, disposto a pospoñer esta máquina de escribir relatos, ¡relatos, non, crónicas!, para darlle ao latín. Pero volverei ás andadas, Deus mediante. ¡Contade comigo, que non deixo aos meus netos sen un libro de aventuras! No ínterim, Dóminus vobíscum, amigos!
-.-

Non sei para que diantres queremos unha radio no taller, e catro periódicos no Metropol, onde seguimos tomando café, posto e suposto que neste Lugo dos romanos, igual que daquela, as novas, coma a auga, circulan pola rúa. Debeu ser alguén que se baixou do tren de Madrid, ou por conferencia telefónica, pois está todo corrido que..., ¡que volve a haber guerra en África! Din que Marrocos atacou ao noso Ifni, Territorio de Soberanía, aquilo de "Santa Cruz de Mar Pequeña", e non sei que máis; tamén se di que Franco, para evitar outro Dous de Maio, desfíxose inmediatamente da Garda Mora, ¡colleulles medo!, e cargounos en camións, ¡coma xatos!, que partiron para Barajas dando un rodeo, pois non se atreveu a mandalos polas calles céntricas. Pouco máis, pero bulo non debe ser xa que tantos o din.

A min colleume ben, que xa son grandiño, e os nenos aínda están de "cole", como agora se di; en todo caso, para guerras, neste século, tivemos de sobra, e non só en España.
-.-

¡Máis sobre o mesmo tema! Hoxe á noite, cando saía correndo do taller para ir ás clases da academia onde estou preparando o Bacharelato... ¡Iso, correndo, que por algo lles chaman carreiras aos estudos, aínda que non é exacto, pois o que é carreiras, carreiras son as nosas, as de quen estuda á vez que traballa, que nin vemos ás persoas que se cruzan na rúa, de concentrados que andamos! Foi ela, quen me viu e me chamou:

- Antón, ¿vas apagar un lume?

- ¡Ah; oh! ¿Es ti? ¿Estades outra vez de colonial; ou pasouvos algo...?

- Saín evacuada, co neno, nun avión militar; e Xosé María quedouse aló, atrincheirados no Banco, con metralladoras, bombas de man, fusís e todo iso, que o defenden os propios empregados, formando un Somatén, porque a tropa fai falta, e non chega, para intenta-la liberación dos poboados do interior. E logo está que os americanos non lle permiten a Franco utiliza-los avións das súas Bases porque Marrocos alega que son bandas incontroladas... ¡Si, si, incontroladas, pero víuselles armamento do mesmo que lle regalamos a Mohamed V cando lle demos a independencia do noso Protectorado, séxase, da Zona Norte do Magreb.

- ¡Déixasme abraiado! ¿Apetéceche un café, aquí mesmo, na esquina, no Metropol?

- Non, grazas; e ademais ías a toda présa, que tamén eu a teño. ¡Mañá, se podo, que agora vou falar con Madrid, co propio Xefe de Persoal do Banco, que me deu o teléfono da súa casa; se sei algo de novo, pasarei polo taller, e daquela infórmote, que xa sei que es amigo do meu home, e vexo que te interesas por el!

Sentinme torpe ante aquela muller heroe de guerra, que tamén se precisa valor para fuxir de onde só podía estorbar, e para iso, nun cacharro da nosa aviación. Ía de pantalón... Moi feminina, pero con pantalóns, que é das primeiras que teño visto así. ¡De Lugo tiña que ser; outra María Castaña! Só se me ocorreu dicirlle:

- ¡Tranquila, muller, que non vai pasar nada, que Deus está con nós!

- ¡Xa! Pero eles teñen a Alá, que é o mesmo de acá, só que con outro nome. No noso Crónica dun itinerario e dunha época (21)caso xa sabes que nos teñen fichado; aquela arremetida daquel maldito camión do Istiqlal, etcétera.

Non a vin nestes días, e tampouco tivemos outras noticias, agás que dixeron uns asturianos que están levando para Ifni o seu Batallón de Simancas. ¿En que, xa que non nos deixan usar eses avións de Préstamo e Arriendo? ¡Claro, o Tío Sam ten Bases no Marrocos, e xoga con dúas barallas! O asturiano di que a tropa está indo nos nosos, nos vellos, e que levan unhas latas de bencina, ¡coma Cascorro!, para engadir aos depósitos en ruta, para non caer no Atlántico.

-.-

Neste Nadal de 1957 viñeron falar co Administrador, que lles deu non sei que, "...para aguinaldo dos soldados". Seica lles queren mandar algo de cada provincia. O Administrador díxome que lles deu máis ben por política, pois pensa que a metade se vai perder polo camiño, ¡unha viaxe tan longa! Algo así ocorreu co trigo e coas sabas de algodón da Arxentina, cando nos visitou Eva Perón... Hoxe, pasados os Reis deste ano 1958, apareceu Xosefina polo taller, e nada máis entrar amosoume unha foto que traía no bolso:

-¡Mira, Antón, mira que ben o pasan en Ifni! Mandoume Xosé María esta fotografía, que Crónica dun itinerario e dunha época (21)volve a funcionar o correo aéreo..., agora que se cansaron de levar tropas e bombas, e de evacuar mulleres e nenos. É Carmen Sevilla, rodeada de soldados, que llela levaron de aguinaldo, xunto coa Elder Barber. Está gordiña, pero como son moitos, pouco lles vai tocar. ¡Ah, e tamén lles foi Gila, o fillo daquel carpinteiro que lle amañou a Ramón Franco o seu Plus Ultra...! Gila non se fartou de contarlles chistes de guerra... ¿Chistes de guerra, aos lexionarios, aos paracaidistas, aos Tiradores de Ifni...? ¡É un drama, pero cheira a comedia!

- ¡Muller, que razón ten ese slogan de que España é diferente! Antes, na de aquí, seica lle daban á Lexión coñac do ruín, hachis e..., ¡vouno dicir! ¡Fulanas requisadas nos bordeis; máis ou menos como facían cos xatos nas feiras!

- Espera, espera, que non rematei. Di Xosé María que pasou no Casino Militar a cea do Ano Vello, con outro civil e catro militares, un deles ese tal Rosaleny, o que estivo preso en Rusia... Como non tiñan uvas, Carmen Sevilla compensounos con dous bicos; así que, dous por seis, ¡doce uvas!

Aínda que a situación é dramática, permitinme unha chanza para destensar un pouco, pero me parece que logrei o efecto contrario:

- Iso dos bicos...; sería verdade, que teño por sincero ao teu home, pero non cho debera dicir... ¡Se cho dixo foi por meterche celos, para que volvas pronto!

- ¡Mentres os bicos non sexan tête a tête, non hai perigo!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES