Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión pseudónimo

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A excelencia educativa, meta do noso traballo

jueves, 11 de septiembre de 2008
Nos libros de Gianni Rodari “a ciencia véndese e consúmese en botellas”. “A historia é un líquido encarnado como unha granada; a xeografía, un líquido color verde menta; a gramática é incolora e sabe a auga mineral”. Os nenos, con só beber cada mañá un vaso de historia ou de matemáticas, aprenden o necesario. Lonxe do planeta Bih imaxinado por Rodari, as escolas constitúen un gratificante camiño ao coñecemento e o proceso de aprendizaxe unha fermosa aventura que todos os nenos e nenas teñen o dereito a vivir.

Desde a Administración educativa poñemos todo o noso empeño por que así sexa, e neste curso 2008-2009 continuaremos apostando por unha educación de calidade, procurando as maiores cotas de excelencia e equidade.

O curso 2008-2009 vén marcado polas novidades derivadas da Lei Orgánica de Educación (LOE), como son a introdución de novas materias, como Educación para a cidadanía e Ciencias para o mundo contemporáneo, que sen dúbida facilitarán aos estudantes útiles ferramentas para comprender e interpretar o mundo que os rodea e converterse en cidadáns críticos.

Do mesmo xeito, os alumnos de 4º de primaria e 2º da ESO serán avaliados nas competencias instrumentais básicas ao rematar o curso, unha avaliación cun marcado carácter formativo, informativo e orientador que incidirá na mellora da calidade educativa.

Queremos que todos os alumnos e alumnas poidan acceder coas mesmas posibilidades ao mundo do coñecemento, e por iso, este ano académico continuamos co programa de gratuidade de libros de texto, do que se benefician todos os alumnos da educación obrigatoria e especial de centros sostidos con fondos públicos. Como consecuencia, este ano Galicia volve a ser a Comunidade na que máis barata resulta a volta ao colexio, segundo un informe da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI).

A formación integral do alumnado é outra das prioridades deste curso, coa potenciación do programa de apertura de centros fóra do horario escolar, que xa se desenvolveu o curso pasado en 14 municipios galegos, e que agora abrimos a todos os concellos que o desexen a través dunha convocatoria pública. Grazas a esta iniciativa, os estudantes poderán participar en programas de éxito escolar, hábitos saudables, actividades lúdico-deportivas…, que redundarán na calidade e variedade educativa.

Este programa compleméntase e intégrase co servizo de comedor escolar, que continuamos apoiando e reforzando, con novas axudas para as ANPAS, e tamén, por segundo ano consecutivo, ofrecendo este servizo desde o primeiro ao último día de clase.

As linguas tamén gozarán de gran protagonismo neste curso que comezamos, conscientes da relevancia cultural e económica do multilingüísmo na sociedade actual. Neste senso, resulta especialmente significativa a importante evolución das seccións bilingües. Desde a Administración educativa galega continuaremos ademais desenvolvendo o programa de anticipación da primeira lingua estranxeira desde os 3 anos, convocando bolsas para estudar idiomas no estranxeiro e reforzando a rede de Escolas Oficiais de Idiomas.

Tamén nos preocupa o éxito, que os nosos alumnos percorran o seu camiño ao coñecemento do mellor xeito e con todo o apoio que precisen. Por iso seguiremos desenvolvendo programas como o PROA ou o MORA, ao que engadimos o Programa de mellora do éxito escolar en centros, dirixido ao alumnado de 3º de primaria e 1º e 2º de ESO, no que se implicarán 87 centros de ensino galegos, e que comprende accións de innovación educativa para a mellora das materias instrumentais.

Continuamos ademais coa dotación de equipos informáticos nos centros educativos e coa integración das novas tecnoloxías no día a día das aulas, e apostamos por uns centros educativos adaptados ás necesidades actuais, polo que realizamos importantes esforzos na execución de obras de ampliación, reforma e mellora.

As fantásticas botellas da sabedoría de Rodari esquecen unha cousa. Que a aprendizaxe non pode consistir nun preparado instantáneo. Por sorte, os seres humanos aprendemos durante toda a vida, e máis que un obxectivo final, a procura de coñecemento e sabedoría é un camiño en continua transformación e evolución que gozamos desde o principio ao fin. Desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria queremos que as primeiras etapas desa travesía, as máis importantes, se realicen nas máis idóneas condicións, e con ese obxectivo traballamos.

Neste camiño cara a excelencia educativa contamos ademais co apoio e a colaboración de toda a comunidade educativa, docentes, familias e alumnado, que traballan día a día para facelo realidade. A todos e todas, deséxovos un proveitoso curso 2008-2009.
Sánchez Piñón, Laura
Sánchez Piñón, Laura


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


Editorial

Véndese unha autopista: A primeira autopista de Galicia, a que o Bng definiu como “unha navallada á ...
BUSCADOR


AGENDA
Agenda de Galicia Digital
PUBLICIDAD
  • Agenda de actos.
  • Teléfonos de interés.
  • Crea tu agenda.
PATROCINIO
Diputación de Lugo
Diputación de Ourense
PUBLICIDAD
WEBS DE GALICIA
Promoción Webs
FOTOGRAFÍA
Certame Muralla
PUBLICIDAD
Deputación de Lugo
PUBLICIDAD
Rueda Rueda
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones
Publicaciones
Ranking Alexa
ALEXA
Para navegar más eficazmente:
Alexa
más información