Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arrisca a natureza no artificial?

viernes, 11 de febrero de 2022
Parece que estamos abocados a un conflito bélico. É verdadeiramente incompresible que o home/a muller arrisquen aquilo que máis desexan manter: a propia natureza e, con ela, a paz. Isto ábrenos un extenso campo para a reflexión; pero a súa mesma extensión e as diferentes temáticas que a ocupan, dificulta unha aceptable exposición, sen ocultar, aquí, as miñas limitacións.

Voulles comezar por un texto de San Agostiño, extraído da súa obra DE TRINITATE. Di literalmente: Ego per omnia illa tria memini, ego intelligo, ego diligo, qui nec memoria sum, nec intelligentia, nec dilectio, sed haec habeo, que, traducido ao galego, diría EU RECORDO, EU ENTENDO, EU AMO POR TRES COUSAS (POR ESTAS TRES FACULTADES), QUE (AINDA QUE EU) NON SON NIN A MIÑA MEMORIA, NIN A MIÑA INTELIXENCIA, NIN O MEU AMOR, POSÚOAS.

Comentando este texto, X. Zubiri dinos que nel fanse dúas afirmacións: Primeira. Establécese a diferenza entre o que o ser humano ten e o que posúe: Ao que ten, considerando a UNIÓN desas tres facultades, denomínao NATUREZA, e ao que ese ser é en canto posuidor, asígnalle o termo e concepto de PERSOA. Segunda. Este posuidor é un EGO, un EU. Pois ben; deixemos aquí a persoa como un EU, e a NATUREZA como algo posuído por ese EU. E, por suposto, se arriscamos á natureza facémolo tamén coa persoa, co EU.

Pero o termo "natureza" ten un sentido ANALÓXICO, porque tamén se aplica a outras realidades, e incluso ao ser humano, con diferentes matizacións do que encontramos en S. Agostiño, como así mesmo ao noso contorno, animado e inanimado. Partindo disto, o Dr. Bustamante, profesor de Filosofía Moral e Política, na UCM, pregúntase se O ARTIFICIAL é unha transgresión da orde natural.

E aquí cabe, pois, considerar a contraposición do natural ao artificial, que aborda a antropóloga, María Dolores Prieto Santana, nun recente artigo, publicado en Fronteras CTR, entendendo o natural como contraposición á acción do ser humano, como o que non foi transformado substancialmente polo HOMO FABER. Sen dúbida, agora estamos en presenza dunha natureza universalizada, máis ou menos humanizada, pero non estritamente humana.

Esta postura, a contrario sensu, lévanos a definir o ARTIFICIAL como o que transformou o home/a muller; pero tamén nos conduce a formular unha pregunta. ¿A caso o que fai o home mediante a súa propia natureza, en canto acción, non ven a ser tamén algo natural, deixando sen sentido o artificial?. Estamos conceptualmente enmarañados, porque a técnica actual (que fabricou o home) fabrica innumerables cousas naturais, que serían artificiais dende o punto de vista do principio que as produce, pero que son formalmente naturais dende o punto de vista do seu modo de realidade, como a insulina, por exemplo.

Para complicar máis, Descartes introduce o termo AUTOMATON na Quinta Parte do Discurso do Método, e termina afirmando que as funcións internas do home e os movementos do corpo prodúcense autonomamente como nunha máquina. Pola súa parte, ven Ortega e Gasset a considerar a técnica como unha segunda natureza humana, e afirma que o mundo, sen a axuda da técnica, sería inhóspito. Adorno e Horkheimer, tamén fan a súa achega, afirmando a existencia dunha dinámica de dominación que cambia o cualitativo polo cuantitativo, con risco de autodestrución da persoa humana, mentres que Marcuse ten outra visión completamente diferente, opinando que a natureza está como unha reserva de poder que permite aproveitala para a emancipación do home.

Relacionemos todo isto, que deixo sinxelamente apuntado, coa afirmación inicial deste artigo -que debo xustificar- que o home/a muller nada desexan máis manter que a natureza propia e a paz; e non poñelas en risco nunha guerra é un imperativo da nosa vida, pois aquí a natureza do home/da muller penso que pode considerase como unha emerxencia da súa especie (do seu PHYLUM, sobre todo en versión biolóxica), a que temos, no fondo, o deber inescusable de manter en supervivencia, porque é, a vez, un medio e un fin: Un medio do que emerxen as vidas dos individuos, e un fin, porque esas vidas veñen á existencia para soster a súa especie, é dicir, vivimos para iso, e, explícita ou implicitamente, cadaquén non pode máis que considerarse un elo do seu phylum, da súa especie, coa obriga de cumprir a esixencia vital común a todos o seres dotados de vida, que no home devén un principio ético: DEFENDER A SUPERVIVENCIA DA ESPECIE HUMANA.

Restan unhas liñas sobre a PAZ. A esta pertúrbaa a violencia, que cando é física afecta á natureza en xeral, e cando é moral, á persoa humana en particular. O respecto á natureza en xeral desígnase co termo FISIODULIA; o da natureza humana, co de BIODULIA. O primeiro fai a vida tolerable; pero os homes/as mulleres necesitan a paz, e para isto é mester que teñan o camiño expedito cara a súa propia perfección, o que só é posible respectando a natureza humana.

A paz esixe que se controlen os impulsos destrutores que aniñan no corazón do home/da muller, para despexar o camiño ás persoas da súa propia realización, cambiando os malos modais polo respecto persoal, algo que está desconsiderándose como se evidencia na mesma frecuencia das liortas na rúa. Pero na esfera social tamén pode violarse a paz por exceso de respecto, como ocorre cando se facilitan e apoian as imposicións de matiz totalitario, aínda que se faga solapándoo mediante unha aplicación ideolóxica de aparencia democrática habilmente manipulada.

Por suposto, as dificultades nesta temática non escasean e obrigan a coordinar diferentes elementos de xuízo. Precisamente para suxerilo estendinme un pouco no que corresponde ao natural, porque aquí tamén o respecto necesita ser adecuado a súa diversidade semántica, sobre todo a fin de non confundir o natural co moral, porque é necesario previrse contra a lei do máis forte, que impera naquel campo, onde está o espazo dos impulsos e do orto de moitas contendas bélicas. Igualmente a mesma propiedade privada esperta certas violencias, sobre todo cando se desconsidera a súa función social e se cae no que os romanos expresaban co IUS ABUTENDI, o rexeitable desprezo da realización de valores que non sexan exclusivamente económicos e xeradores de poder.

Non é difícil, pois, decatarse de que estamos abonando o terreo con motivos prebélicos. As guerras adoitan empezar por problemas de escasa importancia, e multiplícanse as incomprensibles contradicións nos comportamentos humanos, que as imprudencias desencadean, excitando o ánimo de irresponsables personalidades, sempre moi pendentes de que xurdan ocasións para impoñer a superioridade das súas sociedades, ignorando que só están xustificadas estas accións ad extra axudando ás inferiores a acadar os obxectivos que non están ao seu alcance, non colonizándoas.

Por conseguinte, Isto só empezará a ter arranxo cando os pobos aprendan a vivir en paz, cambiando a pretensión de acumular todo o poder ad intra e ad extra polos modos que esixe esta época na que se está incoando a globalización, xa no século XXI, máis necesitada de gobernantes que busquen quen enxeñe instrumentos de coordinación e paz, non só éxitos electorais, que medianías que gocen contemplando o seus embigos e borrando vestixios históricos, que están aí por algo, bo ou detestable; pero con historia para as novas xeracións.

Por último, aínda que non parece procedente considerar o artificial como "antinatural", porque o home non pode facer nada que non se axuste ás leis que rexen o natural, a biotecnoloxía permite un certo control da vida e a nanotecnoloxía está implicada en terapias xenéticas, ambas con posibilidade de producir mutacións de alcance aínda descoñecido (1). Pero, certamente, a enerxía atómica pode destruír a natureza, e o emprego da mesma nas guerras encerra un terrible risco para calquera tipo de natureza, inanimada ou dotada de vida.

Isto permite pensar que o home devén o peor inimigo de si mesmo, con capacidade para incumprir o imperativo vital de manter a supervivencia da súa especie, fonte da súa natureza (2). E desde a mesma perspectiva creo que se pode afirmar que esta arrisca no artificial, curiosamente nesa segunda natureza que Ortega, con paradoxo, consideraba, en versión técnica, que era necesaria para evitar o inhóspito da vida.

NOTAS:

1.- Suxiro que lean a entrevista ao Dr. RICHARD H. EBRIGHT, un dos 26 científicos asinantes da Carta Aberta: "Chamamento por unha investigación forense internacional completa e sen restricións sobra a orixe da Covid-19", publicada o 24 de marzo de 2.021 en INDEPENDENT SCIENCE NEWS - BIOSCIENCE RESOURCE PROYECT - ITHACA. NY. USA.

2.- Xa se trata con visos científicos da INMORTALIDADE ARTIFICIAL. (https://www.rtve.es/rtve/20220207/documentos-tvexplora-inmortalidad-artificial/2283181.shtml). Importante como proba dos avanzados propósitos tecnolóxicos do home.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES