Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (12)

jueves, 03 de febrero de 2022
Mil primaveras máis

"Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por terme ensinado a dicir "rula" e "abidueira" e "dorna" e "ponte" e "fonte", e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.

As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargante, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ó lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "Aquí xace alguén, que coa súa obra, fixo Galicia durase mil primaveras máis".

Unha das oracións máis fermosas que se escribiron, un epitafio, un testamento.
As palabras de Cunqueiro falan dun don, polo que cando dis o nome verdadeiro de algo pasas a posuílo, igual que poderías darlle vida cando o nomeas.

Cando os pequenos aprenden a falar, e van dicindo mamá, papá, tata... o seu sorriso está na seguranza de que son máis seus do que o eran anteriormente; cando se botan a ler pasa o mesmo, como se a flor de abrira de repente ao adiviñar a forma da palabra, ao poder dicila ou escribila.

Don Álvaro quere que a fala continúe, porque é a única maneira de continuar como pobo, porque esa outra patria espiritual é a lingua, esa saba con que cubre Novoneyra.

En verso ou en prosa, dunha maneira ou outra, a lingua precisa das vontades de institucións e particulares. Porque é de todos e de todas, e sen o seu apoio está perdida, mantela ha ser unha tarefa compartida e inaprazable ou non será. Neste momento, nas aldeas, a rapazada fala nunha lingua e o resto da familia noutra. En moitas ocasión asistimos a un uso ritual da lingua como naquel chiste d'O Carrouxo onde o político fala: "E como diría Castelao... Esto no va... O esprito galeguista da nosa candidatura... Manolo, el micro no pita... enraizados nos ancestros da cultura... vaya mierda de cacharro... conquerirá os obxectivos... uno, dos, tres, probando...". Nunca se dirá suficientemente o mal que teñen feito estas prácticas nas intervencións políticas ou nos medios de comunicación onde os técnicos e xornalistas falan noutra lingua fóra do foco e transmiten esa fonética que non é a nosa; habería que saber cales foron os criterios cos que se seleccionaron e cal foi o fin último desa escolla, porque a inocencia é unha herba ventureira que aparece moitas veces de maneira dirixida.

O arboriño tiña mala cara, puxéronlle estacas todo arredor para ter man del e protexelo, pero puxeron tanto empeño que os paus prenderon e o arboriño morreu... Igual vemos medrar o corpo de coidadores que a Administración montou, as publicacións que ían sostelo e fecundalo, as asociacións que naceron para miran por el... pero ao final todos eses tiveron un cargo, un traballo, un soldo mentres a lingua morreu de inanición, tamén porque algúns deles facían como o político do Carrabouxo que cobran da lingua pero non cren nela, que se empeñan na gramática, na norma e a metanorma e a paranorma e... mentres tanto o arboriño non ten auga, ninguén o mira nin fala con el e morre rodeado de falacias e fake news.

Ai, miña lingua, que levabas na fronte unha estrela e no bico un cantar, que non tiñas quen te quixera no medio de tanto falso amante. Ai, miña lingua, a dos doces cantares e as prosas floridas. Dirán as plañideiras mentres choran e alguén aproveita as bágoas para os encoros, que ese verán foi seco.

E antes de que suceda a anticipación poñamos cabeza. Porque a lingua é o meirande patrimonio cultural, a casa familiar que vai na mellora do herdo para que se manteña. Son precisas todas as mans para soster as paredes, todas as bocas para falala.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES