Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tumbas sen nome en San Pedro de Froián (2)

jueves, 03 de febrero de 2022
Os fascistas veñen na procura de José Casas Montero, Manuel Rodríguez Arias e do Tumbas sen nome en San Pedro de Froián (2)propio Benigno Morillo Vidal. Un suposto traslado será o pretexto para asasinalos no Alto da Valiña (San Pedro de Froián-Sarria). Poucas horas despois, os cadáveres son atopados e trasladados ao cemiterio parroquial de San Pedro de Froián. Neste caso, o cura terá a ben soterralos nun curruncho do camposanto e non fóra, como ía ser habitual neses días.

María, a muller de Benigno, a piques de dar a luz, envía o seu cuñado Ramón coa encarga de traer o corpo do seu home para Nocedo, pero xa non é posible. Transcorridos dous días, o 24 de agosto, asasinan o seu irmán José na estrada que vai cara a Nadela. O futuro tínguese de negro e María terá que achar a enteireza necesaria para enfrontar a vida e a crianza das súas fillas. Tamén ela sufrirá a ira vingatible dos aliñados coa nova orde. Verase obrigada a bautizar a súa pequena, orfa xa de pai, e a vestirse de loito. Soportará o asasinato do seu outro irmán, Enrique, fusilado en Lugo o 11 de maio de 1937. E aínda padecerá a perda da súa filla pequena, falecida con apenas 6 anos.

E o tempo non se detén. Sae adiante dificultosamente; contraerá débedas que irá saldando pouco a pouco. O seu pai, José Martínez, regaláralle unha máquina de coser Singer. A costura será a súa fonte principal de ingresos. María era habelenciosa no labor e axiña as súas creacións serán do aprecio dunha crecente clientela. No seu costureiro levaba, coma un talismán, aquel ovo de madeira para zurcir calcetíns que lle fixera o seu Benigno. María dedicouse a coser para moitas familias: a farmaceútica de San Clodio entre elas, quen, de cando en cando, lle daba un pouco de pan e queixo para as nenas, por se non comeran. O máis difícil non era pedir axuda ou traballar para os vencedores, senón responder as preguntas das súas fillas sen causarlles dor, acalmando os seus laios, protexéndoas das murmuracións, contendo as bágoas cando a súa filliña Lola lembre e relembre o seu pai sentándoa no colo e cantándolle cancións ao rematar a xornada.

Non obstante, María refugou a carraxe e o rancor. A rabía non lle ía dar de comer. Ben sabía en quen confiar, en quen apoiarse, a quen acudir en caso de necesidade. Coa axuda dos seus irmáns, foi aproando as dificultades. As súas fillas casaron e os seus netos déronlle novos folgos e alegrías. Sempre camiñou coa cabeza ben alta e mantivo a súa integridade e independencia ata a fin dos seus días. A dignidade e a memoria foi o único que non lle puideron arrebatar os asasinos. Valla este artigo como humilde recoñecemento e admiración á súa figura.

Os restos de Benigno Morillo Vidal permanecen no cemiterio de San Pedro de Froián, xunto cos dos seus compañeiros. O 28 de setembro de 1936, os corpos doutros tres homes, asasinados no km 30 da estrada Nadela-Campos de Vila, serán inhumados no mesmo lugar. Velaquí os seus nomes: Domingo Martínez Nogueira, Manuel Pérez Pérez e Emilio Rodríguez.

Sesenta e seis anos despois, o 13 de abril do 2003 e por iniciativa popular, colocouse unha placa ao pé dun castiñeiro no exterior do camposanto de Froián, para lembrar os que alí foran soterrados. Ao acto acudiron os alcaldes socialistas de Ribas de Sil e de Sarria. En xullo de 2003, celebradas as eleccións municipais, o concello de Sarria volverá ás mans da dereita. No verán do 2005, a placa xa fora retirada. Os familiares Tumbas sen nome en San Pedro de Froián (2)de Benigno Morillo interesáronse polo seu paradoiro e solicitaron poder vela. Parece ser que a gardaran (ocultaran) nun almacén anexo á igrexa co fin de evitar que fose obxecto dun acto vandálico, pois a mocidade empregaba o aparcadoiro do cemiterio para facer botellón. Todo foron escusas, nunca se lles mostrou.

A placa non retornou ao seu lugar. Dedúcese que outra sorte de vandalismo, o ideolóxico, impuxo o seu silencio, outorgándolle lexitimidade á barbarie fascista. Dende o colectivo Capitán Gosende non só reclamamos a súa inmediata restitución, senón, a dignificación da fosa común onde repousan os restos dos que deron a súa vida na defensa da liberdade. Os nomes de Benigno Morillo Vidal, José Casas Montero, Manuel Rodríguez Arias, Domingo Martínez Nogueira, Manuel Pérez Pérez e Emilio Rodríguez, merecen ser lembrados e honrados.

Expresamos a nosa profunda solidariedade cos familiares de todos os represaliados e o noso agradecemento á familia de María Martínez Franco e Benigno Morillo Vidal. Beizóns a Marino Martínez Losada, o noso valiosísimo informante e amigo.

Non esquecemos!
Garrido, Alicia
Garrido, Alicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES