Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tumbas sen nome en San Pedro de Froián (1)

martes, 01 de febrero de 2022
Na memoria dos seis de Froián e de María Martínez Franco
Tumbas sen nome en San Pedro de Froián (1)
Sábado, 22 de agosto de 1936. Benigno Morillo Vidal leva ben as contas. Hai dúas semanas que está recluído no cárcere de Monforte. Cada día seguen entrando máis e máis compañeiros acusados de nada e de todo. Ás veces, os da Falanxe, veñen buscar nos presos. Din que para levalos ao penal de Lugo ou para facelos comparecer perante o xuíz e escoitar os cargos que se lles imputan. Nas celas, apenas hai espazo para moverse nin se dan as condicións mínimas para o aseo. As racións son frugais e de pésima calidade. Demasiados a repartir un ben de seu escaso.

A Pinguela, como así se coñecía a Prisión Preventiva de Monforte, superaba en moito a súa cabida de 50 reclusos. A xestión do establecemento penitenciario complicábase por momentos, ao contar cun cadro de persoal formado tan só por un xefe e un garda. Pero Benigno tiña outras preocupacións. Aínda non coñecía os delitos que se lle imputaban e non lle permitían comunicarse con ningúen. Ansiaba abrazar a súa muller embarazada e as súas tres fillas; saber dos seus irmáns, da sorte dos seus cuñados e da de todos os que, canda el, naqueles catro días de xullo, defenderan a lei fronte á loucura fascista. A incerteza estábao comendo vivo. Hoxe, véñeno buscar. Acompañarano José Casas Montero e Manuel Rodríguez Arias.

Casas Montero, natural de Monforte, ingresara no cárcere o mesmo día ca Benigno. Tiña 21 anos e dedicábase aos labores do campo. Rodríguez Arias fixérao o 30 de xullo. Era albanel de 25 anos e natural de Ribas de Sil, aínda que aveciñado en Taboada. Seica os levaban para Lugo. Os tres emprenderán a súa derradeira viaxe.

Benigno Morillo Vidal nacera o 15 de decembro de 1903 en San Lourenzo de Nocedo (Quiroga-Lugo). Era o primoxénito de José Benito Morillo e Dolores Vidal. Seguiríanlle Obdulia, Ramón, Severo e Rosa. Ebanista con obradoiro en Nocedo, Benigno realizou o servizo militar no norte de África. Á volta, casou coa súa moza, María Martínez Franco, e axiña tiveron descendencia: Dolores (Lola, 1930), en recordo da súa avoa paterna; Lucinda (1932) e Rosa (1933), en lembranza da súa avoa materna. Pronto chegará unha cuarta filla que levará o nome de María e que non coñecerá o seu pai.

En 1936, Benigno era un home leal coa súa xente e desexoso de contribuir ao progreso da súa vila natal. Apoiaba as reformas e os aires de cambio que viñeran coa República e da man do alcalde de Ribas de Sil Marcelino Fernández Prada. Dende a súa chegada ao concello en 1931, Marcelino comprometérase a erradicar o sistema caciquil que dominaba a política local. Aínda que Nocedo pertencía ao concello de Quiroga, os seus veciños vinculábanse económica e culturalmente coa vila de San Clodio de Ribas de Sil. Así, a comezos de 1936, fundárase en Nocedo a Sociedade Agraria Marxista, na que Benigno Morillo ocupaba o cargo de tesoureiro. Esta sociedade pretendía aunar as forzas dos labregos fronte aos abusos dos patróns e ofrecer no eido educativo unha oportunidade para todos aqueles que a quixesen aproveitar. Porén, a arañeira fascista, tecida taimadamente con fíos resistentes, acabaría afogando a luciña da liberdade.
Tumbas sen nome en San Pedro de Froián (1)
Nas primeiras horas da sublevación, o alcalde Marcelino organiza a defensa de Ribas de Sil, protexendo tres puntos estratéxicos: a ponte de ferro, o paso a nivel do ferrocarril e o lugar da Trampa, en Nocedo, situado na vía principal de comunicación por estrada con Monforte. Nesta retorta do camiño será onde Benigno Morillo Vidal, o seu cuñado Enrique Martínez Franco, Manuel Álvarez Martínez e Benito Franco vixiarán o paso de calquera vehículo proveniente de Monforte, sospeitoso de portar armamento con destino ao cuartel da Garda Civil de Quiroga. Para esta encomenda, contaban con escopetas de caza e cunha pouca dinamita, mecha e pistóns que Benigno empregaba para extraer lousas dunha canteira familiar. Tras dúas horas de vixilancia, viron achegarse un coche da Falanxe que non se detivo ao darlle o alto. Disparáronlle sen atinar, véndose obrigados a tirarlle os explosivos, que tampouco dan no albo. O día 22 de xullo xa está todo decidido e moitos republicanos bótanse ao monte. Benigno é un deles. Non pode volver a súa casa e prexudicar máis a súa familia. Xa sabe do que son capaces os fascistas. Pensa en fuxir cara a Guisande (Sindrán-Monforte) ou Liñares (A Pobra de Brollón), onde ten parentes que poderían axudalo, pero non lle dá tempo a escapar. A Falanxe local conta con bos informantes e, en consecuencia, Benigno é detido entre o 6 e o 8 de agosto. O 9 de agosto de 1936 condúceno á Prisión Preventiva de Monforte. Os días pasan sen que saiba cal vai ser a súa sorte, ata o sábado 22 de agosto.

(...)
Garrido, Alicia
Garrido, Alicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES