Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'50 Anos' (Educación)

lunes, 31 de enero de 2022
'50 Anos' (Educacin) O Belén de Begonte, Fuxan os Ventos e Auxilia están de aniversario. Comparten 1972 como data de nacemento. No caso de Auxilia difícil imaxinar que chegaría a celebrar os cincuenta porque xurdiu como algo provisional ata que o Goberno asumira os dereitos de todos os cidadáns. Soñar non ten cancelas! Baseada no Voluntariado representou "unha aposta de solidariedade e xustiza pola promoción cultural e social dos diminuídos físicos para a súa integración na sociedade".

Ese ano cursaba 5º de Bacharelato no "Instituto Nacional Femenino de Enseñanza Media", hoxe Ollos Grandes, condicionada por unha limitación física e sen perspectivas de futuro. Lembrar a época de estudante lévame a reflexionar sobre a Educación. Para algunhas persoas a lexislación española contemplouna de maneira marxinal: "A principios del siglo XX, no todos los niños iban a la escuela, y mucho menos los que tenían una discapacidad. En España, hasta mediados de los años 80, se constata que la escolarización de niños con discapacidad se realizaba en centros segregados de manera generalizada, y así lo reflejan las normas educativas de ese período" (Alonso e Araoz, 2011).

As prácticas educativas evolucionaron en función das actitudes sociais cara a diferencia. Podemos resumilas en exclusión, educación especial, integración e inclusión. A situación empeza a cambiar cando se promulga a Lei Xeral de Educación (1970). No seu artigo 49 establece "las bases generales para el tratamiento educativo adecuado de los deficientes e inadaptados". Como molesta ler estas expresións... No 75 créase o Instituto Nacional de Educación Especial e no 1978, ademais de figurar na Constitución, apróbase o Plan Nacional de Educación Especial. O aspecto máis negativo da "especialización" foi consolidar unha rede importante de centros e aulas que serviron de pretexto para derivar aos alumnos. Organízase como un modelo educativo parello ao ordinario moi lonxe de ser efectivo porque aposta pola separación.

Un paso decisivo foi a aprobación da primeira Lei de Integración Social no 82 que repercutiu nas distintas Leis de Educación. Pouco a pouco asoman avances que se materializan en apoio aos profesores, eliminación de barreiras arquitectónicas, adaptación de material didáctico... pero non deixan de ser parches porque son os alumnos os que teñen que adaptarse á organización da escola. O problema sempre estivo en tomar como punto de partida o déficit e non a infraestrutura educativa. Só se ven as carencias do alumno, non as da escola.

A inclusión implica unha transformación do conxunto do sistema educativo. Así o recolle a Convención dos dereitos das persoas con discapacidade, asinada por España no 2008. Ditamina que "tanto as aulas específicas como os centros de Educación Especial son formas de segregación e establece que todo o alumnado ten dereito á educación inclusiva e debe estar escolarizado en centros ordinarios, co seu grupo-clase de referencia". Coa sinatura adquire este compromiso aínda que as normas non cambian de maneira significativa e foron criticadas pola ONU nun duro informe despois da visita dos seus investigadores.

Pasar do alumnado de integración ao alumnado de inclusión vai con demasiada lentitude. A recente Lomloe do 2020 recoñece o dereito a recibir "unha educación inclusiva e de calidade" baseada na igualdade de oportunidades. Trátase de garantir o acceso a un currículo común. Diferentes capacidades, intereses, ritmos de aprendizaxe, expectativas, necesidades... esixen unha atención distinta. A diversidade, considerada como valor educativo, hai que contemplala como principio e non como unha medida só para unha minoría. A escola ten que ir por diante de calquera transformación e concretarse nunha sociedade realmente inclusiva porque valora a diferencia. Por iso, o proxecto educativo de cada centro debe respectar o valor da non discriminación como fundamental e prioritario.

No largo camiño da exclusión á inclusión cobra actualidade un dos lemas dos comezos de Auxilia "ningún minusválido sen acceso á cultura". Visto desde un traballo voluntario é gratificante recordar a primeira rampla do Instituto Feminino para matricular a dúas rapazas en cadeira de rodas, a primeira experiencia de escolarización de nenos con necesidades educativas especiais nun centro ordinario, o primeiro microbús adaptado da Cruz Vermella que facía o transporte escolar... Exemplos da década dos 80 que demostraron que é posible!!
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES