Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

100 anos de Luís Ferreiro Peinó

viernes, 28 de enero de 2022
En primeiro lugar quedo expresar o meu agradecemento e o da miña familia a todas as persoas que fixeron posible tanto a organización da exposición sobre Peinó, o meu pai, como este acto.





En primeiro lugar á Área de cultura do concello de Lugo e á súa concelleira, Maite Ferreiro, por promover, colaborar e facilitar a celebración do centenario.

Aos traballadores da Área de cultura e aos do Vello Cárcere, por estar sempre atentos e prestando a súa axuda en todo momento

Ao Museo Provincial de Lugo e á súa directora, Aurelia Balseiro, por ceder as obras de Peinó que están nos seus fondos.

Ás persoas que tamén aportaron as súas obras:
Ángel Patricio Rodríguez Argibay
Xulio Xiz Ramil
A Fundación Novoneyra
José Luis Estar López
Toño López Fernández
María Pardo Teijeiro
Ricardo Rodríguez Ferreiro

Aos meus amigos Manolo, Óscar e Pablo, polo seu apoio na loxística.

E no día de hoxe a todas as persoas que xentilmente aceptaron intervir neste acto de lembranza de Peinó.

E por suposto a todas as persoas asistentes, moitas grazas.

Unha das lembranzas que teño de cando eu era un rapaz é a visita ao taller do meu pai de artistas, poetas, xornalistas... Lembro a Blas Lourés, Luis Pacios, Tino Prados, algúns dos cales adoitaban pasear xuntos polas rúas do centro.

Tamén a Uxío Novoneyra, a Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, aos tres poetas, Xesús Manuel Valcárcel, Xulio López Valcárcel e Xavier Rodríguez Barrio, aos que sempre lembro xuntos e que se achegaban polo taller á tardiña e logo saían con Peinó cara á Praza Maior e a zona da Praza do Campo.

Tamén a xornalistas como Antón Grande, López Castro e Xulio Xiz que lle fixeron entrevistas.

Todos estas persoas tiveron gran importancia para o meu pai. Algúns fixéronlle caricaturas, un conto, poemas, críticas en xornais ou libros, entrevistas nos medios de comunicación,...

Lembro tamén a visita de dous xogadores do Breogán ao taller no ano 1976. Non só eran xogadores, tamén artistas, xa que nese momento presentaban unha exposición conxunta na Deputación. Eran Juan Miguel Prada e Bob Fullarton, que fixeron unha reportaxe fotográfica das obras de Peinó sacando as esculturas á rúa, no medio da expectación e curiosidade de veciños e transeúntes.

Con Prada coincidiría o meu pai, máis de dez anos despois, na Escola Taller do concello de Lugo posto que Prada era profesor da mesma e Peinó colaborou como monitor de talla no módulo de carpintería durante un tempo.
A Escola Taller desenvolvía neste emblemático edifico as súas actividades.

No taller de Peinó amoreábanse as obras. Lembro que o meu pai mostraba aos visitantes a escultura na que estaba traballando e logo, collía en peso con gran esforzo outras, as máis grandes e as colocaba enriba do banco onde as xiraba mentres explicaba ao interlocutor o que se vía en cada parte: aquí hai unha cabeza de animal que significa..., este demo expresa..., esta serpe representa,...

Unha das persoas que ían participar neste acto, Elba Rey, presidenta da Fundación Novoneya, comunicounos que finalmente non podía desprazarse ata Lugo.

Pediunos que lésemos un pequeno texto que nos enviou coas súas lembranzas de Peinó e da escultura que posúe na Casa Museo de Uxío Novoneyra, en Parada do Courel e que pode verse na exposición:

Unha pequena talla en madeira de Peinó, un artesano lugués que Uxío valoraba moito, era humilde, tímido e silencioso. Case non se atrevía a falar con Uxío, quen sempre o animou a seguir traballando e valorando o que facía. Esa talla é unha peza que Uxío comprou. Simbolizaba unha parella do Lugo da postguerra paseando a mansedumbre a pesar das precariedades.

Esta obra foi mercada por Uxío Novoneyra para agasallar á súa dona polo seu aniversario, nos anos 70. Moitas grazas Elba e Uxío Novo Rey.

Hoxe neste auditorio temos a gran sorte de contar con boa parte das persoas que mencionei.

Desexando escoitar as súas palabras, e agardando que o acto sexa do agrado de todos e todas, de novo moitas grazas.

(Intervención de Xoán Ferreiro Carballido, fillo do escultor, na homenaxe a Luís Ferreiro Peinó, celebrado no Vello Cárcere de Lugo, o 1 de decembro de 2021, con motivo dos cen anos do escultor).
Ferreiro Carballido, Xoan
Ferreiro Carballido, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES