Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violencia coa Infancia

lunes, 08 de septiembre de 2008
Moita envexa me dan algunhas xentes da miña quinta, ou próximas a ela, que din non ter sufrido e, polo tanto, non saber que é iso da violencia durante a súa infancia.

Violencia doméstica ou violencia académica. Son persoas afortunadas, dende logo.

Véselles desenvoltas e, polo xeral, moi seguras de sí mesmas, brillantes, afoutadas e mesmo temerarias en certos aspectos da vida, en accións e reaccións que para outras persoas requerirían moita cautela e solermia. Son tamén persoas que gozaron, polo xeral, dun estatus socio-económico alto ou medio alto no seo das súas familias, ben mantidas sempre e ben asentadas nun lugar ao sol dunha ditadura que, como todas, aplicaba moito a lei do embudo e favorecía, sen pudor ningún, as adherencias inquebrantábeis e os bigotiños do réxime.

Pola contra, eu teño compañeiros de xeración (non compañeiras, por certo, aínda que haber houboas maltratadas tamén, claro!) que en momentos de desafogo intimista me contaron casos que hoxe converterían os seus pais e profesores en reos da xustiza. Eu mesmo fun testemuño na escola e no instituto de verdadeiros casos de asañamento por parte de mestres que, por citar un que eu mesmo sufrín, eran quen de erguer no aire varias veces seguidas un cativo collido polas orellas até facerllas sangrar. Ou partirlle unha vara de dous centímetros de grosor nas nádegas das criaturas, que marchaban para a casa coas marcas nas súas perniñas, cheas de humillación, polas burlas dos outros nenos, e de medo a que, ao chegaren á casa se completase a faena por parte do pai ou da nai. E non só na escola senón tamén no instituto, onde había un cura, con cara de porco bravo e moi afeccionado ao escopetón, que lle cruzou as pernas a vareadas a un meu amigo íntimo de aquel entón que non me deixaría mentir. O pobre rapaz marchou para a casa coa cabeza baixa ensinando aquelas marcas vergoñentas que o pantalón curto non podía agochar. Nenos que foron amoreando unha baixa estimanza cara a si mesmos e que tan só a súa intelixencia, afrontando á dureza da vida, lograría superar. Despois de, poñamos por exemplo, Rousseau, Pestalozzi ou Paulo Freire, aquel comportamento autoritario parece cousa de non crer. Pero aí están: brutos, ignorantes, dogmáticos e incapaces de sentimentos de tenrura cara aos débiles, desprezan todo o que ignoran, e, lectores dun único libro, o seu primitivo manual, resólveno todo a hostias (Timeo hominem unius libri, que dicía Tommaso d'Aquino.

Agora hai unha lei prohibindo os castigos corporais. A violencia doméstica xa estaba regulamentada para as persoas adultas, sen moito éxito, por certo. A besta que todos levamos dentro semella moi difícil de domear cando os hábitos violentos forman xa parte inseparábel, consubstancial e solidaria da personalidade adulta. Sobre todo na intimidade doméstica. Por iso eu son moi escéptico respecto desta lei, no que se refire ao ámbito familiar: o brután ignorante e machista, amparado covardemente nas catro paredes, na falta de testemuñas e no medo insuperábel das víctimas, seguirá a bater nelas até que algún fillo alcance a idade e a forza física suficientes para lle parar os pés dunha vez por todas, como ocorreu en casos que coñezo.

Seguramente, a lei dará os seus froitos na institución docente, onde, porén, xa hai anos que os consellos escolares saíron ao paso deste asunto, até o punto de que agora se necesitaría outra lei ad hoc para inhibir os alumnos á hora de facer violencia contra os profesores. Non sei se esa lei xa existe ou se se dilúe no articulado xeral do correspondente código que entende en violencias, pero, de ser así, haberá que facela máis visíbel.
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES