Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (18)

martes, 01 de febrero de 2022
Volveuse ás corridas do Galo, por carnavais; e ás sentenzas da Pascua, en tal día. Está prohibido o galego en público, salvo naquelas publicacións que veñan dos clásicos, Crónica dun itinerario e dunha época (18)quere dicirse, as antigas, pero estes fistores das Sentenzas teñen a coraxe suficiente para redactar na lingua de seus pais. Como se trata de literatos afeccionados, os gardas, que adoitan estar mandados, como de costume, por casteláns, rinse deles, e cualifícanos de parvos, de infantís; déixanos en paz por..., subnormais!

Nunca na Historia de España houbo, -polo que di a miña muller, que esa disciplina tívoa na súa Normal-, un amencer máis lento que este da posguerra, e iso que ben levan cantado o de que, "... en España vuelve a amanecer!". ¡Dez anos, entre lusco e fusco; máis que un amencer, parece un eclipse interminable! O único que funciona, polo que oio dicir na Praza de Abastos, é a venta de laranxas para conseguir divisas; ¡ou é certo, ou é un invento das praceiras para subi-los prezos!

Vólvese a falar do país, aínda que segue a censura. Isto seino por un rapaz de Montecubeiro que escribiu un libro titulado "Castroverde. Bosquejo histórico-geográfico", e díxome, cando llo merquei, que lle fora censurado na Subsecretaría de Educación Popular. Como se demoraban en devolverlle o orixinal autorizado, preguntou quen llo tiña que autorizar ou revisar, e dixéronlle que lle correspondía a un tal Camilo José Cela. Entendo que a Historia poida, ou conveña, censurala, pero, ¿a xeografía? ¡Que coño lle van censurar á xeografía!

Volven a ser os emigrantes os que dan cartos para escolas, para bibliotecas, para anovar o cemiterio, para a festa do lugar... E cando o morgado lles nega o herdo, que tamén hai casos, tiran de testamento e venden a intermediarios especializados, que á súa vez revenden aos morgados. ¡Se eu fixen esta Galicia dos meus pecados, que o demo me leve!, diría Curros Enríquez se tal contradición vise.

Aínda quedan gardas neste país, pero, ao de hoxe, dedícanse máis ben, en colaboración cos Curas, a apaga-las luces do campo da festa, con día, para que as mozas non estraguen os zapatiños de charón no seu regreso ao casal. ¡Mirade que paternal, que administrador, é o novo Estado! Chámanlle Nacional Sindicalista porque ten / temos un sindicato único, para toda a nación, e ademais, para mellor perfección, ¡vertical, que non se torce! Un só, no que gozan, xuntos, as melopeas, empresarios e traballadores. Explicareino: ¡Todos bailamos ao son dos Gobernadores, que seguen sendo uns músicos moi aseñorados, que demostraron fidelidade aos Principios deste Movemento Inmóbil! ¿Quen inventou ese Movemento sen movemento? Seica foi o propio don Francisco, ao que un de aí de Montecubeiro, ¡de Montecubeiro tiña que ser!, seica lle chama dona Francisca, porque na súa humildade galaica atribúelle os méritos a un tal José Antonio... ¡Pobre Primo, que fixo o ídem, pois nin o liberaron coa Lexión, ou coa Mariña, do seu cárcere de Alacante; nin o trocaron polo fillo de Largo Caballero, nin deixaron que a súa Falange fose independente, fusionándoa, a golpe de decreto, coas JONS. E logo que aos seus non lles deron arte nin parte no mando efectivo, directo, estatal, salvo o de utilizalos como máscara ou pano escénico dos mandos militares.

En canto aos curas, agora que non teñen “rojos” para subilos á excomuñón, dedícanse á caza; arremangan de sotana, collen a escopeta, pois a eles non lles negan o permiso de armas, e bótanse ao monte. ¡Pim, plam, plum; coellos, lebres, perdices..., ao pote! De sobremesa, como de costume, chocolate. Quedáronse sen inimigos, que xa ninguén lles fai coplas, nin se contan contos deles, e menos dos verdes. Incluso hai vinte e cinco eclesiásticos nas Cortes Españolas. Nas de Madrid, nas de maiúsculas; non pensedes mal. ¡Que falta temos dun Concilio, aínda que só sexa para que paren de misar poñéndose de cu para os fregueses!

As alcaldías, ¡ai frei Marcos da Portela, se resucitases!, por culpa de que empezamos a ter lexislación, e os vellos caciques, diso, nada, pois, ou non estudaron, ou o teñen esquecido, están sendo controlados, dominados, polos Secretarios. Ao Alcalde pouco máis lle queda que a vara, e para iso converteuse nun símbolo axeitado para as tomas de posesión. Logo é coma ese letreiro que vin nunha fronteira de Portugal, gravado nun canonciño, que di: "¡Ai de ti España, se te moves!”.

Tamén terei que falar da xuventude, do noso relevo: Nunca tan mimada foi, pois os pais, con iso do autoodio, coa ignorancia herdada, estanse desfondando para darlles estudos, para subilos enriba deles, e iso, que parece tan xusto, tan bo, tan xeneroso, á larga..., Deus dirá!

Ben, fareilles caso aos pedagogos, que din: Lo bueno, si es breve, dos veces bueno. ¡Falan en castelán, por suposto, que por algo é a lingua do Imperio! Pero estoume enrolando... Esta é unha expresión que non sei se será académica, pero empeza a oírse. Estas última parrafeadas escribinas nunhas vacacións, mais agora, volto ao traballo, terei que dicir, terei que volver a relatar, o que vaia descubrindo polo parabrisas deste auto da Liña.
-.-

Teño que admitir, ¡a verdade por diante, aínda que manque!, que na pasada década, na dos Corenta, fíxose bastante por mellora-las estradas, pero seguen sendo de pedra, de croios, case todas. Os turismos van en aumento, nunha progresión tal, que de seguir isto algún día os choferes dos autocares teremos que limitarnos ás excursións, e a recoller nenos polas aldeíñas para levalos á escola da súa demarcación. Os turismos, en xeral, son dos ricos, dos chulos, dos estraperlistas, dos pretensiosos, dos prepotentes, así que dá pánico cruzarse con eles na estrada; non caen na conta de que, caso dun accidente, o auto pequeno adoita levar a peor parte, pero estes señoritos son..., ¡iso, señoritos!

Quitáronme o Revisor, que, ¡por fin!, ten carné. Como dixo Gandoi cando lle preguntaron se a vaca, co repocho dunha semana para levala á feira con boa presenza, era de leite, ¡Se cho digo non mo cres! Vouno escribir, dado que estas "memorias" van para largo, e iso se chegan a publicarse! O Xefe, sen outra explicación, mandoulle facer unhas fotos de carné, ¡con gafas escuras! E aos poucos días entregoulle un carné, con aquela foto, ¡firmado pola autoridade competente! O incompetente é el, pero díxolle o propio Xefe: ¡Agora, aprende a conducir, que a conducirte xa sabes! Pasado o mes, e revisada a conduta do Revisor, ¡ascendeu a condutor doutro coche, un novo, outro, coa dirección suaviña, que para min o quixese! ¿Méritos? ¡De vello, casou coa filla do Administrador, a moza máis fea de todo Lugo!

Agora son un deus: ¡Dez oficios nunha soa persoa: chofer, revisor, acomodador, sube maletas e apea señoritas, que se puxo de moda ofrecerlles o brazo! "Los tiempos adelantan que es una barbaridad", dixeron nunha zarzuela que escoitei pola radio; algo así como, "La verbena de la Paloma". Están empezando a poñer radios nos autocares de luxo, nos novos. ¡Que adiantos! Para adiantos, adiantar un turismo, cousa que non me ocorre desde que desapareceron aqueles Ford T. Con estes adiantos, con estes adiantamentos, ¿non será un atraso escribir Memorias? As cousas, os sucesos, a xente, pasan correndo diante miña; máis ou menos coma as árbores vistas pola ventá dun coche, que aínda ben non as ves, e xa quedan a tres leguas. Había un dito que era, ¡Ese vai a cen! Había, pero foi en tempo pasado; cos novos motores, só os buses vellos irán a cen. ¡Deus, a de atropelos que nos esperan; vai morrer máis xente que na guerra!
-.-

Ou non pasan cousas extraordinarias, das que me caen en graza e me fan pensar, ou é que xa estou curado de espantos, e con iso o extraordinario fáiseme ordinario, cotián, intranscendente. O caso dos dous rapaces...; ¡ese, si! Volvían ledos de Lugo, cousa que xa non é ordinaria. E como agora, neste coche, non teño asentos ao meu lado, mentres esperaba na porta, que sempre deixo subir á xente tan pronto mostran o billete, pois non lle quero frieiras nin ao peor inimigo, rompín a falar con eles:

-¿E logo, vides de cobrar a lotería, que seica baixou de Madrid ao Cádavo?

O que parecía máis solto:

-¡A nosa lotería espéranos en Venezuela, pois alí, segundo nos dixo por carta un parente deste, o que nos reclama, atan os cans con longaínzas, e de mantidos que os teñen, nin bozo lles poñen!

-Nese caso as miñas congratulations, que é como di o Veterinario da Fonsagrada cando quita as crías difíciles. Aínda que, pensándoo ben, eses parabéns debérasmos dar, ti, a min!

-¿Eu?

-Ti, polas molestias que me evitas, que estou farto de axudarche a subir cestas de talas a este coche.

O rapaz, que non é menos pillo cá min, quedóuseme mirando, como en dúbida de seguirme a corrente, ou non; por fin, soltouma:

-Os parabéns haberá que dárllelos a cincuenta veciños do Val, que xa daban por inevitable que lles seguise roubando carballiños á media noite, para face-las miñas cestas.

-Se queres confesar, o Cura da Fonsagrada debe estar a chegar, que me dixo que non marchásemos sen el.

O rapaz deulle á cabeza, con un aceno negativo, rotundo:

-Mellor me confeso en Venezuela, que alí seica hai protestantes, e eses estarán cansos de protestar!

-A ti coñézote ben, pero, este compañeiro?

-Este é un segundo de casa rica, así que lle dá vergoña que se saiba que ten que emigrar. Xa morreu seu pai, pero antes de irse, para que a casa seguise sendo rica e de sona, deixoulle dous terzos ao morgado. Este non ten oficio nin beneficio, pero eu díxenlle que Venezuela é un país quente, e que por aló igual gaña a vida vendendo xeados, que así, de paso, tamén os papa el!

Como era cedo, e aínda non se arrimara xente, seguín co lerio, pois dos mozos apréndese máis que dos vellos; falan con máis soltura, con máis franqueza.

-Se entendín ben, ídesvos para América..., pero quitades billete de volta para a aldea!

-¡De momento, si! Billetes de volta son os que vimos de deixar no Banco de España, aí na calle do General Franco, que nos obrigaron a depositar o importe dos billetes de volta no barco, por se nos botan de Venezuela; repatriación, lle chamaron...

Nisto si que empezou a chegar xente, así que me quedei coa curiosidade, insatisfeita, de preguntarlles como era que os deixaban marchar antes de cumprir o servizo militar. Igual é que aínda non entraron en quintas... Ao deixalos en solitario pasaron a mellor compañía, que se lles achegaron tres rapazas, tamén da Valeira, desas que van a Lugo para comprar roupa. O da roupa non fai falta preguntalo, que xa o di a súa paquetería. Aquelas mozas deron en cimbrarse ao seu redor, que nin que estivesen nunha pasarela de modas. Tate, díxenlle ao meu chaleco, estas son boas pero non están melloradas; ¡van ao mel, en espera de que volvan por elas, ou as reclamen para a súa colmea..., tan pronto sexan ricos!
-.-

Na parada de Romeán acordeime de que tiña que baixar un velliño engurrado, que mal se tiña en dúas caiadas, así que me apeei para axudarlle por se non o esperaban; non facía falta, pois viñeron na súa busca, así que pronto retornei ao meu asento. Segundo subía pillei de sorpresa unha rapaza das de diante, que abrira un paquetiño, ansiosa, supuxen, de ver o contido da súa compra: Era un libro de tapas brancas, con un letreiro ben grande, que o vin a dous metros, onde poñía "Vida sexual sana", e non sei que de Ogino - Knaus. Ela decatouse da súa indiscreción, ¡súa, que non miña, pois non ía moverme con ollos cerrados!, e tapou o libro coa palma da man, máis ou menos con esa présa que utilizan as mulleres para estira-la saia cando se esgazan demasiado.

Deducín varias cousas: Que a relativa baratura do papel, ¡xa non se ven pizarras de lousa!, fai que abunden os libros. Eu mesmo escribín pouco estes últimos anos; en parte porque gastaba tanto en papel coma os fumadores en tabaco. Que, como dixo aquel Cura, esgotáranse as gomas que trouxeron da guerra. ¿E non sería tamén que os morgados confiasen máis nas vantaxes dos fillos únicos que nas picardías tradicionais dos notarios? Se o fan polos unixénitos, ¡ai deles se lles sae torcido, ou se llelo leva consigo unha unixénita! Eu parei no segundo, cazurro que son, pero a miña Mestra estaba disposta a parir media ducia, os mesmos que foran na súa casa. ¿Por que? Segundo ela, porque é boa cousa aprender a compartir o pouco desde a caneta; ¡o moito compárteo, incluso, o máis tacañán!

Estiven tentado a dicirlle algo, pero esta vez fun prudente; non o fun con un Mestre que cobra de mestre, e tamén traballa en Lugo, niso que chaman Sindicatos, asemade, simultaneamente; ¡ten o don da ubicuidade!

-Señor Maestro, véndoo a vostede, que é tan bo cliente desta Empresa, éntrame a dúbida de se non estará errado o Evanxeo cando di que non se pode servir a dous señores...

Amoscado, pero sen saírlle as cores:

-¡Eu non sirvo a dous señores, pois o meu lema, ao igual que meus cuñados, é servi-la causa do Glorioso Movimiento Nacional! E logo que, cando falto, os nenos xúntanse coas nenas da Maestra, que ten poucas, e sería un luxo esparexelos. En definitiva, dentro de nada vanse xuntar no casoiro, así que, por min, que empecen a coñecerse, a vivir xuntos!

Se chega a ser noutros tempos, aínda próximos, aquel facha houbéseme fusilado. Aos efectos, eu tiña o respaldo de que a miña muller tamén é Mestra, co agravio comparativo de que a miña nunca unha hora de escola perdeu, nin sequera para limpárlle-los mocos aos fillos, que tivemos connosco unha irmá súa... O da irmá, en conciencia, nin foi fraterno nin foi laboral, senón unha "operación cuñada", pois ía entrando en anos, e a todos nos pareceu ben cambiala de aires..., para que cambiase de oportunidades! Non lle foi mal, que rematou a súa estadía casando con un policía, da secreta, en vacacións.

Calei, pero tragándome as ganas de rebaterlle, pois aquela "maestra" era cómplice polo medo que lle tiña ás influencias do Mestre, que era filla dun roxo perseguido, amén doutros pecados ocultos ou ocultables que puidesen existir.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES