Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Só sei que non sei nada'

viernes, 28 de enero de 2022
Foi o que aprendeu o filósofo grego logo dunha vida de estudo e reflexión. Tanta, que outro amante da sabedoría, do pensamento, exclamou: '¡Quedei desfalecido na procura da verdade!' Alimentando con entusiasmo os fornos do ruído, aquí non teremos ese perigo.

Daquela, a filosofía estorba. Cousa antiga da antiga e luminosa Grecia, onde afunden as raíces da cultura europea: a democracia, o espírito libre, a arte, o pensamento, o teatro, a vida cidadá. Sen Grecia e o seu pensamento humanista Europa sería irrecoñecible. Ao fin, 'todos somos gregos' di P.B. Shelley.

Por iso sorprende que exilien a filosofía da ESO, que a súa presenza sexa testemuñal nas aulas. Se cadra, aos escuros poderes interésalles silenciar o pensamento, domesticar o cerebro, convertelo en invernadoiro de fake news.

Temos noticia histórica de cómo se chegou ao berro brután '¡Abaixo a intelixencia!' no paraninfo salmantino por un matón armado. Premonición da barbarie da guerra incivil e da 'longa noite de pedra'. Ou aqueloutro '¡Lonxe de nós, señor, a funesta manía de pensar' de xeonllos diante dun rei lamentable.

'Aprender é facer unha continua análise de cómo evolucionan as cousas' sinala a presidenta do Consello Escolar do Estado. Mais, como enfrontar esa ardua tarefa suprimindo a filosofía que ensina a pensar e analizar a realidade?. E mentres, seguen 'asignaturas' que adoutrinan nas aulas, teatro da dúbida razoable.

¿Como manter sen a filosofía acesas as luces de alarma do cerebro que pensa, analiza, reflexiona, interpreta o mundo cambiante? ¿Acaso non nos percatamos, como sinala o escritor Martín Garzo, da tan lamentable e ben visible falta de intelixencia política, e de como as ideas foxen dos hemiciclos da brocha gorda a descortesía, o cainismo, o queroseno?

Pregunta recurrente é para que serve a filosofía. Contesta Emilio Lledó: a filosofía serve para vivir. E imprime nos cerebros en formación carácter da mellor humanidade. Sen filosofía teremos abondosa colleita de buratos negros bípedes, colonizados polo ruído e as présas, ancorados no presentismo e na morna desesperanza do carpe diem.

Claro que a heterodoxia dos soños, sentada no silencio fértil dunha biblioteca, na compaña das ideas dos pensadores sería perigosa para o poder. Daquela, mellor subvencionar as noites de viño e rosas.

'Na sociedade do coñecemento, aberta, inclusiva e pluralista, a filosofía ocupa plenamente o seu lugar', di o director xeral da Unesco. O 'Manifesto a prol da filosofía' recorda que só ela é capaz de ordenar a realidade, darlle sentido e comprendela para poder, no exercicio da liberdade, mellorala e transformala. Expulsada das aulas conseguiremos o contrario do que descubrira Sócrates. Que a rapazada nin sequera se percate de que non sabe nada.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES