Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta a Manuel María

martes, 02 de septiembre de 2008
O 21 de marzo do ano 2000 celebrouse por vez primeira o Día das Letras Chairegas como culminación dunha idea que xermolara tempo atrás no IES Xosé Trapero Pardo de Castro de Ribeiras do Lea e que axiña se fixo extensiva aos demais centros educativos, colectivos culturais e institucións oficiais da Terra Chá coa finalidade de achegar a cultura viva ao alumnado e ao tempo homenaxear a autoras e autores da nosa comarca. No momento da elección, democrática, a unanimidade fíxose presente arredor túa, non houbo dúbidas nin discrepancias. No decorrer do curso e até esa data visitaches colexios e institutos na compaña da túa inseparábel Saleta para compartir a túa sabedoría coas xentes máis novas nun país que no ámbito das letras sempre agasalla en pasado.

O 14 de febreiro de 2003 un ateigado Auditorio Municipal de Vilalba era escenario da túa recepción como membro numerario da Real Academia Galega. A Chaira e Galiza arroupáronte nun máis ca merecido recoñecemento; ao fin víñase facer algo de xustiza. Cando dende o Instituto de Estudios Chairegos, coñecedores do teu nomeamento, nos achegamos para che pedir que a toma de posesión se celebrase na capital chairega, agromou unha vez máis a túa humildade para aceptar gustoso cun “sentiríame moi honrado”; e os honrados fomos nós, tanto pola túa xenerosidade como pola sensibilidade da Real Academia Galega. O acto, que por multitudinario mesmo sorprendeu aos membros da RAG, chegou a emocionarte e, malia á oficialidade, non decepcionaches e remataches o teu discurso co berro seco do compromiso coa dignidade humana que sempre presidiu a túa vida: NON Á GUERRA!, NUNCA MÁIS!

Xa no remate de 2003 soubemos da aparición en Mondoñedo dun poemario inédito que en 1950 lle enviaras a Cunqueiro e que, cousas tal vez do destino, o tempo quixo conservar sen deterioro na súa mesiña de noite. E de novo cediches altruistamente os teus dereitos para que o IESCHA puidese publicar Elexías á miña vida pequeniña coa inestimábel colaboración do catedrático de Filoloxía na Universidade de Oviedo e autor do achado Antón Xosé Meilán, que puxo ao noso dispor o orixinal e un documentado estudio preliminar. Foi un xesto máis de xenerosidade, e, en palabras de Meilán, “o teu derradeiro agasallo”.

O extenso “mar en calma” da Chaira, territorio que a propia natureza demarca sen precisar achegar monte e furtar planicie, esa bisbarra da que sempre afirmaches que “pra medila só valen dúas mensuras:/ ¡ferrados de corazón, fanegas de alma!”, de quen es bardo e principal valedor, o seu referente universal, quedou orfa co teu pasamento. Mais, aínda que te fuches fisicamente, entre nós quedará sempre o teu exemplo de compromiso coa Terra, coa lingua e coa cultura, a túa categoría moral e persoal, a pegada dos bos e xenerosos. Seguro que en San Domingos de Bonaval e en Santa Isabel puideches sentir o aprecio de moita xente nun sentido adeus. O que non chegaches a ver foi a gran alborada coa que sen dúbida sempre soñaches para o noso país; pero o soño segue vivo.

Amigo Manuel, non quedamos tristes por te perder, estamos orgullosos de terte tido. Dende o Instituto de Estudios Chairegos, entidade da que es Socio de Honra, a nosa gratitude.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES