Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tres Tigres Tenros: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e Olga Novo

jueves, 20 de enero de 2022
Tigres de ternura é un poemario xuvenil, erótico e alternativo, publicado por Claudio Rodríguez Fer, en 1981, que obtivo no seu momento o Premio da Crítica Española e que alcanzou ata agora sete edicións, unha delas bilingüe con tradución ao inglés de Kathleen N. March. A última destas edicións acaba de aparecer en aberto, por iniciativa da poeta Olga Novo, autora da súa brillante introdución, na web "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas", onde pode gozarse libremente do orixinal deseño manuscrito e dos doces debuxos debidos a Carmen Blanco que ilustraron a primeira edición da obra, realizada de maneira artesanal pola cooperativa libertaria compostelá Reprografía 1846. Pode verse en: https://www.unionlibre.org/artigos/tigres.htm e descargarse en https://www.unionlibre.org/artigos/Tigres%20de%20ternura.pdf

Tres Tigres Tenros: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e Olga Novo
A nova confluencia destes tres tenros tigres da poesía galega preséntase virtualmente cunha coidada maquetaxe da deseñadora gráfica Cristina Fiaño, quen xa ten colaborado en "Unión Libre" como autora (a propósito da memoria do Vello Cárcere de Lugo) e como maquetadora (a propósito do epistolario da poeta Luz Pozo Garza con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer). Como complemento, inclúese un apéndice coa cronoloxía biográfica e coa bibliografía xeral de poeta autor do libro.

Mais o tigre foi un animal totémico do trío autorial desta obra desde o comezo das súas traxectorias literarias. En efecto, este felino aparece na poesía de Claudio Rodríguez Fer desde a súa mocidade con "Tigres de ternura" ata o seu último poemario publicado, ADN do infinito. Pola súa parte, Carmen Blanco incorporou reiteradamente o tigre ao seu temperán deseño de "Tigres de ternura" e escribiu o conto "Quérote Pai Pan, dixo Tigridia", publicado primeiro en "Unión libre" e logo incluído no seu libro de relatos "Vermella con lobos". E Olga Novo, autora do poema "Zona Tigre", pertencente ao seu poemario "Feliz Idade", completa agora este ígneo círculo felino coa presente introdución, precisamente titulada "Tigres de ternura de Claudio Rodríguez Fer: Vida, feita, definitivamente, poesía".

A vixencia de tanta e tan compartida tigritude de tenrura é posta de manifesto por Olga Novo no seu amplo prefacio: "Aqueles Tigres de onte seguen a ser hoxe os felices felinos da utopía libertaria e da procura incesante do amor porque o tempo non existe para quen vive na extensa intensidade do verdadeiro." Nisto último radica para ela o carácter revolucionario do amor libre que representa esta obra: "Nada se achega máis á praxe da harmonía e á experiencia concreta e material da felicidade plena, que é, sen dúbida, unha radical resistencia libertaria contra toda caste de poder."

Así, Olga Novo vai enumerando os conceptos clave desta produción integral que analiza tamén con perspectiva vital e vitalista: "alén erótico", "desenfreo sexual", "amor compartido", "verba máxico-amorosa", "concentración lingüística", "revelación poética", "experiencia da harmonía", "paz profunda", "metáfora zoomorfa", "paixón pánica", "pedra oracular galaica", "celtismo", "entronque indíxena", "rebelión ética"... E todo co transfundo fondamente ecolóxico, libertario e feminista característico das obras verbais e visuais de Claudio Rodríguez Tres Tigres Tenros: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e Olga NovoFer e Carmen Blanco, como apunta Olga Novo: "Porque se o cromatismo azul sobrancea na poética cósmica de Tigres de ternura, igualmente a presenza do vermello e negro e do violeta conforman signos subversivos".

Subversión da que tampouco non está exenta a tenrura, tan obrigatoriamente allea á masculinade tradicional durante séculos, como recordaba xa o propio Claudio Rodríguez Fer no seu inicial limiar do libro, onde tamén explicaba a procedencia da imaxe que dá título á obra, tomada de Borges a través do seu mestre durante a súa mocidade vangardista Rafael Cansinos Assens. Sempre na procura da realidade integral, o poeta reivindicaba xa explicitamente na súa xuventude que a paixón amorosa debía reunir dous elementos frecuentemente escindidos e mesmo desvirtuados como antagónicos polo patriarcado secularmente dominante: a fereza do desexo desenfreado e a dozura do agarimo amoroso.

"O libro está así máis preto da vida ca da literatura", sentencia con acerto Olga Novo. Nel, asegura, "o denominado peritexto editorial xoga un papel esencial" e toda a "realización material do libro" (combinación de cores, letra manuscrita e debuxos significativos na cuberta, no interior e no marcapáxinas) teñen tamén "significación poética". De aquí as paixón provocadas por esta obra integral desde a súa aparición ata hoxe, como revela a alta cotización alcanzada polas súas primeiras impresións, a edición pirata da que foi obxecto en 1983 e esta propia edición dixital promovida por Olga Novo, autora do libro "O lume vital de Claudio Rodríguez Fer" e máxima especialista na obra do autor.

En resume, unha contribución tripla que enriquece e confirma "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas" como un proxecto de explosiva creatividade, rigorosa lucidez, irredutible independencia e desusada coherencia que leva xa máis dun cuarto de século ofrecendo froitos inesquecibles, dende os seus primeiros números (onde contou con autores como Isaac Díaz Pardo, Valente, Gamoneda, Goytisolo ou Chomsky) aos últimos (debidos a Luz Pozo Garza, Adina Ioana Vladu ou Cristina Fiaño), pasando sempre polas constantes contribucións dos seus principais promotores (Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, María Lopo, Olga Novo), tal como pode apreciarse revisando a súa colección completa: https://www.unionlibre.org/indices/numeros.htm
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES