Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pepiña, a do museo

martes, 01 de febrero de 2022
Pepiña, sen apelidos, é o nome da nena de arredor de dez anos que pintou Julia Minguillón en "Pepiña na fonte". Está sentada sobre un perpiaño alto; non lle chegan os pés ao chan. Viste chaqueta e falda escuras, calza alparagatas brancas. De rostro serio, cara redonda, ollos grandes, claros e lacrimosos, cabelo arroxado, suorento e desamañado, cortado ao bob cut como o dalgunhas nenas que aparecen en "A escola de Doloriñas" da mesma pintora.

Cabo Pepiña hai tres mulleres vestidas con roupaxes claras, propias dun tempo caloroso, aparentando que fan, e se cadra fan, mentres falan. Tamén entra no recadro un porrón de barro e unha xarra de porcelana, ambas no chan. Pepiña, abstraída, co seu mirar triste, semella allea ao mundo e á conversa.

Non sabemos de onde tomou a pintora a modelo mais, considerando que a obra é anterior a 1944, é moi probable que se inspirase nunha pícara de Vilanova de Lourenzá ou dos arrabaldes. Outra cuestión é preguntarse que lle pode pasar a Pepiña! En que andarán ocupados os seus pensamentos! Quen o soubera!

Teño que dicirlles en primeiro lugar que este cadro leva moitos anos pendurado nunha parede da sala 16 -monográfica de J. Minguillón- do Museo Provincial de Lugo. E en segundo lugar, aviso que o que lles vou contar me foi revelado por unha testemuña da que non sei o nome, ou si, pero non o debo dicir. Pola súa boca falo, coa discrección que me pediu conto só o que me foi autorizado.

Sucedeu unha noite de marzo dos primeiros días de confinamento. Ao parecer, o primeiro aviso de que algo non ía normal dentro do museo foi sentir o son do gurgullar dunha fonte, e a seguir ver a luz proxectada por unha lanterna percorrendo acelerada os corredores desde a sala 16 da planta alta do edificio do museo en dirección ao distrubuídor que hai baixo o cimborrio. A luz e quen a manipulase baixaron as escaleiras dando saltos. En chegando á planta baixa entraron directamente na antiga cociña conventual e o foco comezou a sinalar como se fose un punteiro un por un varios dos utelinsios alí expostos: o trespés, a gamalleira, a capoeira, a filloeira.... ata que de repente comezou a desandar a toda présa o camiño andado desde a sala 16.

Como se soubo, preguntarédesvos como preguntei eu a quen mo contou, por quen manexaba a lanterna e, o máis importante; que pretendía!

A resposta á primeira interrogante resultou doada. No camiño de regreso á sala e ao cadro onde mora habitualmente, nun cruzamento de salas e corredores, hai unha vitrina grande de cristal na que se expón unha colección de acibeches compostelás. Todo sucedeu, como todo o que pasou aquela noite, nun alustro, breve pero suficiente para ver o que había que ver. A lanterna parou diante da vitrina e sinalou algunha das pezas expostas. Nun dos movementos da luz o cristal fixo de espello e reflectiu a figura inequívoca de Pepiña, a da fonte do cadro, cun sorriso ao Mona Lisa debuxado na inocencia dos seus beizos.

A resposta á segunda pregunta queda no aire. Nin quen mo contou o sabe ou iso di, nin eu, cos poucos datos de que dispoño, ouso sequera especular.
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES