Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un conto chinés

martes, 25 de enero de 2022
O Covid-19 vén, disque, de China e canto máis tempo pasa parece que, despois de percorrer o mundo enteiro, a solución tamén pode chegar de China. Un, cauto e desconfiado, non opina sobre cuestións metafísicas e só propón, mentres o tempo avanza a favor da esperanza, reflexións que veñen, como non, da sabedoría enquistada na memoria e na experiencia.

En China dise que non existen enfermidades que non se poidan curar senón medicamentos que non se poden atopar.

Unha muller vella enfermou e ninguén sabía nin como se chamaba o mal nin que remedio o podía curar. Tiña dous fillos; o maior era médico do emperador e o segundo, o que a coidaba, decidiu levala á consulta do irmán maior.

O benxamín carrexou a súa nai ás costas -non había aínda carros nin coches- ata o consultorio do médico. Tiveron que esperar a pesar de seren da familia pois o galeno estaba moi solicitado. Cando, por fin, os puido atender, o fillo médico sentenciou -e así llo dixo confidencialmente ao irmán- que había remedio pero que non o podían pagar polo que a morte da nai era irremediable. E ofreceulles uns poucos cartos para os gastos inevitables que en ningún caso chegarían para mercar a menciña salvadora.

Nai e fillo, non lles quedaba outra, volveron para a casa. No camiño a nai tivo sede e pediulle ao fillo que lle procurase auga, así que o mozo pousou a nai onde puido e buscou auga pero a canícula secara fontes e regatos, e non había onde coller un grolo. O mozo xa desesperaba cando descurbriu un templo, e dentro un incensario con auga estancada na que se refrescaban dúas serpes. O rapaz non o pensou; desfíxose das cobras e levoulle o recipiente coa auga á nai.

Aquela auga insalubre aliviou os padecementos da nai e desque bebeu o Ceo bendiciunos con tanta e tan abundantes choivas que tiveron que buscar onde resgardarse. Deron cun soportal dunha casa cando sentiron os choros dun bebé. Eran os primeiros dun neno acabado de nacer e os da casa, felices pola chegada ao mundo da nova criatura atenderon aos que andaban os camiños naqueles condicións, abríronlles a porta e obsequiáronos con tortas de millo e ovo que a nai comeu con insospeitado apetito.

Cando amainou o temporal, volveron ao camiño. A vella a cada hora melloraba. Mesmo recuperou a vista que, pola idade, se lle fora murchando coma chama de candea que se apaga. Aos poucos días, volvía a gozar de plena saúde como se non pasase nada.

O fillo pequeno púxose tan contento que foi ver ao irmán médico para contarlle o milagre.

Imposile! -dixo- Só podería curar se bebese auga onde se bañasen dous dragóns e se comese tortas de millo e ovo feitas na casa onde nacese unha criatura excepcional.

Esa fora a medicina que conseguiran sen sabelo. Buscaron aquela xente, déronlles as grazas e o máis novo, que por xustiza era quen o merecía, ofreceuse para apadriñar aquela criatura que había ser única e extraordinaria.

Mais aquela xente díxolle que non, que só merecía ser padriño o irmán que exercía de médico do emperador!

Menos mal que xa avisei, que se trata dun conto chinés!
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES