Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As galegas de Galeano

martes, 18 de enero de 2022
Pouco despois da morte do escritor uruguaio Eduardo Galeano (Montevideo 1940-2015) Siglo XXI editou unha antoloxía cuns cento setenta relatos que responden ao título "Mujeres". A selección fíxoa o propio autor de entre os seus textos publicados en libros anteriores como "Memoria del fuego", "El libro de los abrazos", "Espejos" ou, entre algúns máis, "Los hijos de los días". A portada recrea as fermosas figuras de mulleres elaboradas artesanalmente en Olinda, Brasil.

Son moitas as mulleres das que fala Galeano nestes textos, desde Sherezade a Marilyn, Teresa de Xesús ou Rigoberta Menchú. Entre elas hai deusas, raíñas, santas, revolucionarias, prostitutas, unhas populares, outras anónimas..., memoria de mulleres de todo tempo, raza, crenza, clase ou cultura, case sempre profanadas, case nunca enaltecidas.

Pois nesta ampla e variada gama de situacións de opresión e desprezo aparecen como refulxentes exemplos de desinhibición e loita contra o machismo andante cinco mulleres galegas. Pertencen, como axiña verán, a moi distintas épocas e liñaxes pero todas elas son exemplo, desde as súas circunstancias persoais, de "mulleres que nos salvan".

Urraca, a primeira raíña recoñecida como tal gobernou as Españas da órbita cristiá nos albores do segundo milenio. Fíxoo durante dezasete anos contra as calumnias e os retos dos poderes masculinos opresores, o da igrexa especialmente. A muller da que se dixo que estaba posuída dun "ánimo brujeril" e que a súa mente estaba "llena de pestífero veneno".

Concepción Arenal, a moza que a mediados do s. XIX asistía ás clases de Dereito e aos faladoiros madrileños disfrazada de home. A súa loita foi modélica contra a miserias carcerarias, a favor da dignidade das persoas, especialmente a das mulleres que eran, por selo, dobremente condenadas.

Emilia Pardo Bazán, a primeira muller catedrática na universidade española que impartía clases a ninguén. Afirma Galeano que "ningún alumno se dignaba escucharla".

E as outras dúas mulleres galegas que menciona Galeano son Elisa Sánchez e Manuela Gracia, as "sacrílegas" que se querían e que casaron en 1901 sen importarlles as normas e as prohibicións na igrexa de San Xurxo da Coruña. Elisa disfrazouse de home e o crego oficiou sen decatarse do engano. Cando se descubriu a artimaña desatouse a ira dos poderes benpensantes. A elas non lles quedou outra ca fuxir vía Portugal onde foron capturadas e engaioladas ata que conseguiron escapar e por mar chegaron ata Bos Aires. Logo, disimularon nomes e aparencias e desapareceron dos papeis para sempre.

Hai neste libro moitos outros parágrafos fantásticos, escritos nese contar ameno e profundo, apañado de recursos léxicos, directo e cómplice coas causas femininas nas que Galeano militou. A maioría destes textos son breves e algúns, como este titulado "La Noche", brevísimos.

Porén, tres liñas e vintecinco palabras poden aforrar todo un ensaio: "No consigo dormir. Tengo una mujer atravesada entre los párpados. Si pudiera, le diría que se vaya; pero tengo una mujer atravesada en la garganta".
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES