Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Callará unha nova guerra fría?

martes, 18 de enero de 2022
Nada invita a pensar que o exercicio entrante 2022 experimentará unha modificación substancial da axenda precedente. En efecto, tras un ano de presidencia da Administración Biden nos EUA, os fundamentos da nova contenda estratéxica global establecidos durante o mandato de Donald Trump víronse non só confirmados senón Callará unha nova guerra fría?mesmo acentuados, ensaiándose agora opcións sen dúbida máis eficientes e afastadas do histrionismo do líder republicano.

De entrada, se algo deixou en claro o primeiro cara a cara virtual entre Joe Biden e o presidente Xi Jinping é que a China, obxectivamente, é a única potencia que agora é quen de utilizar o seu poder económico, diplomático, militar e tecnolóxico para desafiar a hexemonía occidental. Nese contexto, fronte á natural defensa da "orde baseada na legalidade internacional", a orde liberal suxire agora a preservación dun "sistema internacional estable e aberto baseado en ideas e valores comúns", todo un eufemismo que en realidade agocha a ansiedade por preservar unha hexemonía en cuestión.

Ao longo do pasado ano, varias foron as iniciativas que mostraron a contundente decisión de Washington de exercer a máxima presión en todos os ámbitos. Dende a constitución do AUKUS (alianza militar entre os EUA, Reino Unido e Australia) ao cumio da democracia en decembro, o rearme instruméntase a través dunha insistente demonización do principal rival que aviva a confrontación ideolóxica, política e estratéxica, subordinándoo todo a este input, mesmo cando a actual pandemia aínda está lonxe de ser erradicada ou cando o cambio climático urxe unha concertación activa das principais economías do planeta.

A esperanza dun compromiso de coexistencia é moi vaga. No cumio bilateral de novembro avogouse pola "estabilidade estratéxica", se ben nun marco de competencia exacerbado. As acusacións e as pugnas narrativas, con conspiracións e ameazas de reiteración das "revolucións de cor" incluídas, eluden calquera posibilidade de establecer as respostas comúns e cooperativas que se requirirían hoxe.

Esta dinámica traza o escenario dunha clara renuncia á transformación liberal da China a non ser pola vía da confrontación aberta. Aquela confianza en que a apertura económica había deparar unha domesticación do dragón oriental, esvaeuse ao completo.

O gran moderador e axente disuasorio do conflito é a interdependencia, que eleva seriamente os custes da confrontación. Para ambas as partes. O nivel de intercambio comercial e inversor entre os dous países non evolucionou á baixa, a pesares da elevación do ton entre as capitais. E as expectativas de que callen os chamamentos ao desacoplamento son bastante reducidas. O mundo económico é consciente das vantaxes da relación e é escéptico sobre as caracterizacións que se elaboran nas cociñas dos think tanks ultraconservadores.

Unha Unión Europea de goma
Os EUA resístense a aceptar que xa non son a única superpotencia do mundo. Unha nova rivalidade emerxe e na súa xestión, do lado de Washington, as marxes de confrontación impóñense como consenso básico na ferida política estadounidense. Neste contexto, as potencias intermedias como a Unión Europea deberan exercer a súa responsabilidade para viabilizar outro enfoque, de maior conveniencia para todos os países. Non obstante, esa esperanza semella esvaerse tamén.

Nun abrir e pechar de ollos, Bruxelas deu carpetazo á efémera "doutrina Sinatra", á "autonomía estratéxica", etc., conceptos que apuntaban ao desenvolvemento dunha visión propia. Pola contra, gaña terreo o aliñamento coas teses de Washington, servindo o mundo báltico (Lituania, moi especialmente, de ariete instrumental). O novo gabinete xermano apuntaría na mesma dirección.

E como acontece co mundo anglosaxón (con matices en Nova Zelandia), outros como Xapón, tamén se suben servilmente ao carro. O novo primeiro ministro, Fumio Kishida, tamén sinala a China como o seu principal inimigo. Mentres o exprimeiro ministro Shinzo Abe ergue a voz en defensa de Taiwán, a illa que eles mesmos someteran no pasado, o ministro de Defensa Nobuo Kishi móstrase a favor de duplicar o gasto militar. Cabe imaxinar que os orzamentos neste eido van coñecer unha espiral de crecemento substancial nos próximos anos mentres se esaxerará a suposta agresividade e a vontade expansionista das forzas rivais. Gran negocio para o complexo militar-industrial USA.

A UE esqueceu ben pronto a conmoción que supuxo o acordo entre os EUA e Reino Unido para subministrar a Australia submarinos de propulsión nuclear, que torpedeou un importante contrato francés con Canberra. Dicían que non se trataba só dunha cuestión comercial, senón de confianza. ¿Quen pode crer nesta humillante e humillada UE?...

Washington e Bruxelas apuntan a sumar esforzos tamén para lanzar os seus proxectos alternativos aos chineses. É o caso da Build Back Better World ou a Global Gateway Initiative, que, aseguran, incorporan estándares sostibles dende o punto de vista financeiro, ambiental e de respecto aos dereitos dos traballadores, a diferenza dos ligados ás novas Rutas da Seda. Algo haberá, pero o certo é que os anuncios nunca pasan de ser mera propaganda. As cantidades comprometidas son irrisorias en comparanza coas investidas pola China no mundo: no marco da Iniciativa da Franxa e a Ruta (IFR), en 2020, os máis de 2.600 proxectos chineses ascendían a 3,7 billóns de dólares. A finais de 2018, a Comisión Juncker lanzou a iniciativa "Conectividade UE-Asia": só investiron 9.600 millóns de euros. O certo é que un total de 150 países asinaron memorandos de cooperación da IFR que se traducen en ferrocarrís, aeroportos, portos, estradas e outras infraestruturas, necesidades escasamente atendidas durante décadas de influencia occidental indiscutible. A reacción occidental é alertar do que chama a "trampa da débeda". Sen ser nin moito menos perfecta a actuación chinesa, Occidente non está en condicións de dar leccións a ninguén.

Pero neste ano entrante, seguiremos asistindo a esta maridaxe, previsiblemente acentuada. En 2021, altos funcionarios de EUA e da UE reuníronse dúas veces para analizar as relacións coa China e identificar os puntos frouxos onde plantar cara. En suma, reunir recursos para xestionar "responsablemente" o que definen como "competencia e rivalidade sistémica coa China". Na práctica, conter a crecente influencia chinesa, fender o seu modelo de desenvolvemento económico e desestabilizar a súa política.

¿Guerra fría?
Pese a todo, segue a ser pouco probable que se produza unha nova guerra fría entre os EUA e a China que se asemelle á mantida coa URSS no século XX. Unha rivalidade intensa semella inevitable, si, pero aínda recoñecendo que Washington está tentado de seguir a mesma estratexia do século pasado, o mundo cambiou, o cal obrigará a establecer un novo enfoque. Manterá e afianzará a busca de alianzas para illala e derrotala se ben coa consecuencia inmediata da elevación constante da cooperación sino-rusa.

Certo que se esa vella fórmula, que no pasado tivo éxito, agora chegara a funcionar, poderíamos chegar a unha situación semellante. Non obstante, a día de hoxe, o debate persiste nos EUA e non son poucos quen opinan que ese non debe ser o camiño. A persistencia de serias dúbidas pon en cuestión a súa firmeza e canto de lonxe poden ir na Casa Branca co vello método, sobre todo en conta que a China de hoxe é ben diferente da URSS de entón, singularmente no eido económico. China é un tipo diferente de potencia e evitará repetir os erros da URSS.

É obvio que Occidente, cos EUA á cabeza, quer preservar a orde actual tal e como está. Non o é tanto que a China aspire a unha alternancia que nalgúns eidos será inevitable. O soño chinés non é o de dominar o mundo. Bastaríalle, probablemente, con garantías de seguridade, respecto e recoñecemento da confianza na súa cultura e valores. Esta China non quere ser hexemónica. Bastante ten co seu e por moitos anos esixiralle particular atención. Pero a presión de Occidente e as formas que finalmente adquira tamén poden alterar esa súa aspiración inicial de ser recoñecida como "un país grande" e, ao cabo, proporcionar argumentos a quen defende que só sendo hexemónica pode estar segura.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES