Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A síndrome antilibertaria da 'distribución ordinaria'

miércoles, 19 de enero de 2022
Hai moitos e moi sutís modos de renuncia á propia liberdade (1) en aras de supostos valores máis nidios e eficientes cá mesma. Individuos e grupos sociais de moi diverso tipo xeraron con frecuencia na historia e ata os tempos actuais comportamentos que de feito veñen renunciar en maior ou menor medida ó exercicio propio e autónomo da liberdade, dado que o exercicio desta leva consigo non poucas veces riscos e audacias que non deixan de poñer en tensión as propias subxectividades.

Isto ocorre non só nas denominadas sociedades "tradicionais" ou "ágrafas" das que se ocupan os antropólogos sociais ou culturais, senón tamén nas que se autodenominan fachendosamente modernas. En relación coas primeiras é ben coñecido o chamado "mito do eterno retorno" que o romanés Mircea Eliade considera típico das culturas ágrafas ou tradicionais e que ten que ver co medo ou angustia que a elas lles produce calquera acontecemento que se saia do eterno volver do "mesmo", do "de sempre" etc., sendo considerados tales acontecementos xa que logo por elas como "novidade" distorsionante e perigosa para a supervivencia do grupo. De aquí o seu denominado "misoneísmo", é dicir, o seu "odio" ou rexeitamento de canto se presenta como "novo" respecto do por elas culturalmente sabido e practicado.

Porén, non me refiro aquí directamente a este modo "tradicional" de comportamento grupal (que poderiamos denominar como un concreto e aproximado modo de "distribución ordinaria" comunal do tempo e dos quefaceres dos mencionados grupos ágrafos), senón a comportamentos en certa medida similares, é dicir, estruturalmente próximos ós chamados "tradicionais", mais que están de feito incrustados no interior de sociedades que adoitan denominarse a si mesmas modernas, é dicir, libres ou liberais, por máis que tales comportamentos poidan ter ocorrido tamén en épocas anteriores, dende un punto de vista simplemente temporal, ás actuais.

Pra entendermos isto, e só a modo de significativo e rechamante exemplo, abonda con lembrar o que nos refire un coñecido amante e defensor das liberdades como o filósofo Rousseau hai agora xa case tres séculos sobre os para el estraños modos de proceder dun seu grande e persoal amigo, de nome Manuel Ignacio de Altuna, orixinario da localidade vasca de Azcoitia. Velaquí a fermosa descrición que o filósofo xenebrino nos fai del, tal como pode ser lida na segunda parte, libro sétimo, das súas Confesións:

"Semella incríbel que poida conxuntarse tanta elevación da alma cun espírito de detalle levado ata a minuciosidade. De antemán fixaba [M. Ignacio de Altuna] a distribución do día por horas, cuartos de hora e minutos, e seguía esta distribución tan escrupulosamente que, se daba a hora no intre en que estaba a ler unha frase, cerraba o libro sen rematala. Pra cada cousa tiña o seu tempo sinalado: pra a meditación, para a conversa, pra o oficio divino, pra Locke, pra o rosario, pra as visitas, pra a música, pra a pintura; e non había pracer, nin tentación, nin compracencia capaz de alterar esta orde; só podería alterala o ter que cumprir cun deber. Cando me contaba a lista da súa distribución a fin de que eu fixese o mesmo, empezaba por rirme e remataba por chorar de admiración."

Non era, certamente, para menos... Seguramente o seu nobre e íntimo amigo aprendera xa de cativo a afeccionarse á práctica da "distribución ordinaria" trala súa primeira relación cos xesuítas como alumno que foi durante un par de anos do colexio xesuítico da súa propia vila natal (Azcoitia). Continuaría aínda despois a ser alumno deles en Madrid no Real Seminario de Nobres, no que por entón adoitaba recibir selecta educación xente moza pertencente a familias de elevada posición social e económica.

Mais incluso nos convulsos tempos actuais semella continuar a ter aínda esta chamada "distribución ordinaria" un polo menos discreto papel na formación dos candidatos a seren admitidos nesta sobranceira orde relixiosa. Así o puiden casualmente constatar hai pouco na rede baixo o epígrafe xeral de "Rutina" e co título de "A cada día le basta su afán". Pódese ler alí efectivamente o seguinte: "Lo que recuerdo que más me impactó fue la distribución ordinaria de la semana de un novicio que estaba sobre mi escritorio. La mayor parte de las horas tenían alguna actividad asignada". O texto remata deste eloxioso xeito: "¡Bendita distribución ordinaria!".

Seguramente continúa a ter esta voluntariosa "distribución" do tempo as súas vantaxes formativas e educativas, sobre todo dende un punto de vista organizativo ou en contextos de ruptura con individuais previos modos "anárquicos" de se comportar. Non parece, porén, en troques desexábel que tal "distribución ordinaria" se apodere de quen a practica con devoción, fervor e secreta propia comodidade ata o extremo de ela mesma chegar a converterse en pesada rémora e escudo contra a imprescindíbel realización da propia liberdade e a potenciación das liberdades dos demais. Pois a perfección e o conseguinte contento coa boa marcha da mesma endexamais debería primar sobre as liberdades: a propia liberdade activa de quen a exerce e desprega e mailas alleas liberdades que paseniñamente se irán construíndo en contacto con ela. Un lume -e a liberdade é lume ardente- que se peche en si mesmo, na propia autoperfección, rematará en definitiva extinguíndose en si mesmo, tornándose xa que logo inútil e inservíbel, por moi intensos que sexan os recendos de beleza e autocompracencia que del semellen xurdir. Pois, fronte a teóricos intentos isolacionistas, endexamais nos é posíbel estarmos sós. Sempre estamos cos demais, construíndonos ou non a nós mesmos e influíndo ó tempo na autoconstrución dos demais.

Polos misteriosos camiños da historia, non deixa porén de ser curioso que nos últimos anos sexa precisamente un xesuíta "ascendido" a papa quen teña intuído e nos teña lembrado a importancia que no seo da Igrexa, no anuncio da "boa nova", e alomenos indirectamente no conxunto da sociedade humana aprendamos a non refuxiármonos nos tempos "míticos" do "sempre foi así" (diriamos, no noso contexto, na inacabábel repetición dunha mecánica e consoladora "distribución ordinaria" que se estendería a tantos dos nosos procedementos e accións) e a abrírmonos á novidade, ó aínda non feito, ó abrente daquilo que está por vir e que sempre estará por vir, por chegar, por se facer realidade a través das propias actuacións.

"A pastoral en clave de misión -di en tal sentido o papa Francisco o 24 de novembro de 2013- pretende abandonar o cómodo criterio pastoral do 'sempre se fixo así'"(Evangelii Gaudium, 33), criticando ó tempo a actitude de "pechármonos nas estruturas que nos dan unha falsa contención, nas normas que nos converten en xuíces implacábeis, nos costumes onde nos sentimos tranquilos" (Evangelii Gaudium, 49).

E só poucos meses despois, o 26 de abril do ano seguinte (2014), animará o mesmo Francisco nun seu vídeo-mensaxe á mocidade de Bos Aires a crear "lea" ('lío', no orixinal castelán), unindo el isto pola súa parte co imprescindíbel exercicio da liberdade: "pídovos que fagades lea, xa volo dixen. Que non teñades medo a nada, xa volo dixen. Que sexades libres, xa volo dixen"...

A súa crítica, neste sentido, ó que poderiamos denominar a "costumefilia" de non poucos faise aínda presente en 2018 na súa exhortación "Gaudete et exsultate" (n. 137) do 19 de marzo de 2018 cando el se expresa deste xeito: "O costume sedúcenos e dinos que non ten sentido tratar de cambiar algo [...], que sempre foi así e que, porén, temos sobrevivido. Debido a este acostumármonos non nos enfrontamos ó mal e deixamos que as cousas 'sexan o que son' ou o que algúns decidiron que sexan [...] Desafiemos o costume, abramos ben os ollos e os ouvidos, e sobre todo o corazón, para deixármonos descolocar polo que ocorre ó noso arredor".

Pois do que aquí no fin de contas se trata é de non reducirmos a cativos e humanos artificios (que tantas veces só agachan egoísmos, comodidade e oca xactancia) a grandeza e inconmensurabilidade dunha fonda e misteriosa "orde" da realidade que implica sempre, en tódalas súas configuracións, desde as aparentemente irrelevantes ata as máximas e inabarcábeis, indeterminación e liberdade.

Algo de todo isto puido quizais xa intuír na primeira metade do século XII o cisterciense Bernardo de Claraval cando lle formulou ó papa Uxío III (Bernardo Paganelli, cisterciense tamén e discípulo do propio San Bernardo) a seguinte e paradoxal sentenza: "Ordinatissimum est, minus interdum ordinate aliquid fieri" (PL 182, 482). É dicir: "É cousa moi ordenada realizar de cando en vez algo de xeito menos ordenado".

Foi quizais a devoción antiga monacal máis libre e humana en determinados momentos ca outras posteriores?

O máis arriba mencionado Manuel Ignacio de Altuna, o amigo vasco de Rousseau, rexeitaría seguramente de todos modos a máxima de Bernardo...

NOTA:
1. Sobre esta temática da liberdade remito o lector ó meu anterior escrito A primordialidade de sermos e comportármonos libremente: "GaliciaDixital" ("Opinión"), luns, 3 de xaneiro de 2022.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES