Grazas en primeiro lugar por invitarme, e boas tardes a todos e a todas.
Despois da exposición que fixo Xulio (López Valcárcel) e dese texto tan precioso que dixo Carmen (Blanco) en vou falar da parte humana de Peinó.
Coñecino dun xeito moi curioso, porque de rapaz empecei a ir a clases de guitarra no Círculo das Artes con Tino Prados, e ao mesmo tempo tamén me apuntei a solfexo con don Ramón, que era o profesor de piano. Estes dous homes, cando se acababan as clases polas tardes, ían tomar os viños pola Ruanova, pola praza do Campo e alí xuntábanse con outra xente, con Faluqui, que era un irmán de Tino Prados e, entre outros, con López Guntín e con Luis Ferreiro Peinó. E aquela era unha "pandilla" alucinante, era sorprendente. Eu fun algunha vez ao principio con eles. A min dábame un pouco de vergoña. Un rapaz de dezasete anos con aquela xente... Eu estaba calado, escoitando, pero era moi interesante estar con eles.
Ese foi o meu primeiro coñecemento de Peinó pero logo xa sabía que tiña o taller de escultura no Campo Castelo e entón xa empecei a frecuentalo.
É mais, incluso ás veces xa se convertía nunha visita esporádica. Eu igual estaba con Xesús Valcárcel, que é o meu compadre, dando unha volta por aí, ou con Xavier Rodríguez Barrio, con Claudio coincidimos menos niso, e dicíamos Que facemos? Pois vamos a ver a Peinó. Entón íamos como quen vai a tomar un vaso de viño ou a calquera outro sitio, pero claro, ao chegar a ver a Peinó era moi interesante porque en primeiro lugar recíbete cos brazos abertos e logo despois empezábache a ensinar: estou traballando nisto, mirade o que fago. Falando de como era Peinó, iso é algo que me sorprendía a min porque era súper amable e sobre todo unha persoa cálida, unha persoa que como dicía Xulio Valcárcel non manifestaba todo o poderío que tiña traballando na escultura e que che contaba todas aquelas cousas sobre as súas obras.
Logo hai outra faceta que me gustaba moito del e era que tiña un sentido do humor como un pequeno e facíanlle gracia moitas cousas. Entón acabábamos ríndonos alí todos.
Había dúas cousas, unha era esa e outra algo que intentei facer na miña vida e non o logrei, que era chiscar os dedos como facía el, non sei como facía, nunca o logrei facer coma el. Iso en canto ao anecdotario.
Pero logo aparte diso, aquela xente de dezasete ou dezaoito anos que empezábamos a escribir, Claudio, os irmáns Valcárcel, eu, Xavier Barrio, Fiz Vergara Vilariño,..., daquela tiñamos unha rampla moi boa que era a Táboa Redonda que dirixía don Ánxel Fole, e entón alí foi onde case todos escribimos un artigo máis ou menos grande falando da obra e das vivencias escultóricas que facía Luis Ferreiro Peinó. Eu concretamente fun un deles que lle dediquei un artigo na Táboa Redonda, tamén Xulio, e Xavier... Esa páxina era a base para que nos xuntáramos os que empezábamos a ser escritores, poetas,...
Ao taller de Luis Ferreiro Peinó ás veces ía só, vou dar unha volta a ver que conta Luis. Unha vez alí ás veces dábaste conta de que levabas unha tarde enteira e non se che pasara o tempo porque a parte de que era "cariñosísimo" empezábache a contar as cousas que se lle ocorrían; tiña unha imaxinación realmente moi curiosa e pasábalo moi ben. Logo ás veces apuntábame a ir a tomar os viños con el e con toda a cuadrilla porque aquilo era espectacular, e o pasaba moi ben.
E logo, dese sentido do humor que tiña eu teño unha anécdota moi simpática. Un día íamos o Xesús Valcárcel e eu, xa de retirada pola noite despois de tomar uns viños pola Ruanova, e encontramos detrás do concello a Peinó e a López Guntín. Estaban alí os dous deliberando. Chegamos nós e dixémoslles que facedes aí. Estamos aquí falando porque estou convencendo aquí a Peinó, respondeu Guntín. E de que? É que Guntín di que o ourizo cacho é un bocado excelente, dixo Peinó, e engadiu Como vai ser excelente? Estaban alí os dous "dalle que te pego", que si si, que se non. Como vas a comer iso con todas as espiñas que ten? E dixo Guntín iso é ben fácil, porque colles unha palla, méteslla polo cu, sopras e saen todas as espiñas para fora e queda o bicho libre. Entón dixo Peinó todo serio, ah claro sendo así é certo. E quedou completamente convencido.
Eu de Peinó teño unha lembranza, un recordo, que é unha escultura que non figura na exposición porque eu non sabía que se estaba montando. É unha figura que me encanta porque é pequena pero feita toda dunha peza. É un confrade cunha cruz que leva ás costas, e a metade dela fíxoa diante miña. Cando estabamos falando Peinó andaba traballando e de tanto traballar xa me gustou esa peza.
Eu de Peinó sobre todo destacaría esas cualidades, o bo humor que tiña, esa sinxeleza dun rapaz e logo o seu arte escultórico do que xa falou Xulio López Valcárcel.
E eu remataría cunha cousa: a min o que me sorprende, creo que o deixei escrito nese artigo que publiquei en La Voz de Galicia, é que non pode ser esta desgraza que temos en Lugo, de que só se recorda a esta xente, aos nosos artistas cando se cumpren cen anos que naceron ou que morreron. É dicir, aquí de Peinó non falaba ninguén excepto os que o coñecíamos e agora, como cumpre cen anos agora si que se lle lembra. Os lucenses somos así de desagradecidos, non hai máis que ver a cantidade de xente que estamos aquí para falar dun home que era súper querido e coñecido en Lugo, sobre todo coñecido a nivel persoal. E iso é o que me apesara, que en Lugo sexamos tan desagradecidos cos nosos artistas e escritores.
E mais nada, moitas grazas.
(Ao remate do acto Antón Grande indicou que tamén Blas Lourés adoitaba estar no grupo que se reunía con Peinó)
(Palabras do escritor e xornalista Antón Grande no acto en lembranza de Luís Ferreiro Peinó, celebrado no Vello Cárcere de Lugo o día 1 de decembro de 2021)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
PUBLICACIONES
Utilizamos cookies propias y de terceros para mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de sus hábitos de navegación (por ejemplo, páginas visitadas).
Para más información consulte la política de cookies puslando "Más información".
Puede aceptar todas las cookies pulsando el botón "Aceptar", rechazar su uso pulsando el botón "Rechazar"