Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En canto a Fraga

lunes, 10 de enero de 2022
O venres tiven o pracer de participar na presentación do libro de Alfredo Conde 'En Canto a Fraga' que tivo lugar en Ferrol cunha numerosa asistencia dun público ávido En canto a Fragapor escoitar o que o escritor ía contar sobre o peculiar personaxe que ven ser Don Manuel Fraga.

Conde é un sobranceiro escritor galego que leva publicado máis de medio centenar de libros, conseguindo tamén un notable número de premios que o sitúan no top dos narradores, non so galegos senón do resto do Estado. Coa súa obra Xa vai o grifón no vento acadou o Premio Nacional de Literatura, a primeira vez que se outorgaba este galardón a unha obra escrita nunha lingua española distinta ao castelán.

En canto a Fraga, conta a súa relación de amizade e mutuo respecto co que foi presidente da Xunta de Galicia, cousas que lle gustaría dicir pero nunca lle preguntaron. Dicilas nun libro é un xeito de poder contalas con calma. "¡Ditoso o que escribe un libro! Se a súa idea é fecunda pode depositala confiado nos brazos do tempo" dixo xa hai moito a nosa senlleira Concepción Arenal.

Pois Alfredo Conde deposita nos brazos do tempo esta obra na que narra unha relación complicada pola catadura dun personaxe como Fraga, proteico e cambiante, disposto a competir con todos, incluso consigo mesmo con tal de ser sempre o primeiro, un personaxe que sobrevive a si mesmo, un home que podía chegar a ser despótico con aqueles aos que consideraba "inservibles". Sentarse nunha mesa a cear dúas persoas cuxos compoñentes ideolóxicos están nas antípodas non che é nada doado, a non ser que un deles se sente só a escoitar. Así as cousas non é difícil entender quen podería levar a voz cantante compartindo mesa e mantel nun reservado do restaurante Vilas de Santiago. Fraga se ve que necesitaba a Conde e este acude á cita cheo de curiosidade. Conde non avisa ao PSOE dese encontro porque aínda non era militante, pero si faino de seguido unha vez comproba que o que propón Fraga podería afectar os intereses da formación socialista. Malia todo iso persiste a relación: Conde acompaña a Fraga na súa primeira viaxe a Cuba e despois seguen os encontros, pero eu non me atrevería a cualificar aquilo de amizade e si, como moito, dunha relación non exenta de cordialidade. Dous non discuten se un non quer, pero diante dun enorme egocéntrico tarde ou cedo tería que chegar a desavinza. E chegou porque o Conde tamén ten o seu pronto.

A política xa pasou por Alfredo Conde. Agora queda o escritor, o excelente narrador.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES