Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En lembranza de Luís Ferreiro Peinó

martes, 11 de enero de 2022
En lembranza de Luís Ferreiro Peinó


Moitas grazas querido Xulio Xiz, Xoán Luis, señoras e señores, amigas e amigos.

Cando se cumpren 100 anos do nacemento de Luis Ferreiro Peinó (1921 - 2021), falecido no 2004, é un momento axeitado para lembrar e para valorar na súa xusta medida a persoa e a obra deste artista, un home humilde, tímido e silencioso, como nos acaba de ler (Xoán) no comunicado de Elba Rei e acaba de dicir Xulio Xiz.

É o momento de lembrar a Peinó e de felicitar aos seus fillos, Xoán e María, e aos seus netos, Brais e Iago, que se encargaron de organizar o arquivo dixital da vida e obra do seu pai e avó e prepararon este acto no que moito me honro en participar, cabo da amiga Carmen Blanco e dos meus vellos amigos Antón Grande e Claudio Rodríguez Fer que, con Xavier Rodríguez Barrio e meu irmán Xesús e outros poetas e escritores noviños daquela época, tiñamos nunha especie de altar, en altísima estima aos artistas.

Máxime cando ademais de ser moi notables artistas eran excelentes persoas, como Peinó, acolledoras, amables e comprensivas, que se atopaban cómodas con nós e que tiñan a sensación de ser comprendidas. Non sempre sucedía. Ás veces os propios veciños manifestábanse, non con hostilidade, pero si con certo desdén e indiferenza. Nós non, nós admirabamos a Peinó e valorabamos a súa obra, unha obra ascendente que foi mellorando ao longo dos anos.

Luís Ferreiro Peinó comezou, ben o sabemos, de ebanista, tallando por encargo. E aló polo 1960 foi evoluíndo cara á escultura dunha maneira autodidacta. Iso pode ser un certo lastre, a falta dunha formación específica. Do que non hai dúbida e de que se sentiu fascinado ao comprobar que dun tronco, dun cacho de madeira informe podía obter figuras, corpos, rostros, toda unha iconografía que no caso de Ferreiro Peinó bebe no substrato popular, na tradición e na alma galegas.





A primeira etapa, como se pode comprobar na exposición que vimos de visitar, é figurativa. Un figurativismo de signo costumista. Aí está a muller co bacoriño nos brazos para vender na feira, o Parolando, escenas do rural. E será máis tarde, a partir de 1975 ou 1976, cando mude esa proposta demasiado tradicional, un punto inxenuista, desde logo costumista, cara á unhas formas máis esquemáticas, estilizadas e abstractas. Unha proposta máis ambiciosa a nivel artístico e máis valiosa desde a perspectiva da creatividade. Pezas que recordan, nalgúns casos, como en ¡As tres e sereno! a Giacometti ou salvando as distancias, os paxaros de Voando ao infinito e No espacio, a Brancusi. Son, ao meu ver, iniciativas de máis alento. Porén, continúa a ser protagonista, como case sempre en Ferreiro Peinó, a figura humana, aínda que ás veces a carón das personaxes están outras creaturas; as aves neste caso.

No arquivo dixital que publicou Xoán Luís e a familia referéncianse as exposicións individuais que fixo ao longo dos anos (1968, 1975, 1977, 1980 e 1981) ademais doutras colectivas. En total aparecen recollidas 59 pezas todas en madeira. A madeira é o material base de toda a súa obra. Veulle dado polas trabes que recuperou dunha casa que se desfixo a primeiros dos anos 70 na Ruanova e, sobre todo e especialmente, porque Peinó sentíase cómodo cun elemento cálido, oloroso incluso, cun elemento co que dialogaba e co que se enriquecía. A madeira dialogaba con Peinó e Peinó pescudaba, indagaba, esculcaba nos segredos e nos misterios da madeira.

Se na primeira época, ruralizante, representa homes e mulleres do pobo, paisanos, tipos populares, lugares identificables como a lareira, os rueiros..., ao mesmo tempo amosa unha profunda comprensión, un profundo agarimo cara eses personaxes. Velaí temos unha escultura moi singular e representativa como é O peso dos anos, na que a figura aparece cangada e dobrada lastimosamente sobre si mesma. E a carón dese mundo realista, Peinó representa outro mundo imaxinario, fantasioso, no que aparecen bruxas, castróns e e animais dun bestiario imaxinario. Un universo que mestura os vivos e os mortos, o aquén co alén.

Ao longo desa etapa e das sucesivas, ata a última, Peinó considera á escultura como complementaria dunha mensaxe que ha de dar. É dicir, con incisións, relevos, sucos, algunha vez con lume, o que fai é representar historias cun argumento. Non se trata dunha escultura en si e porque si, dunha representación contundente no espazo, dunha escultura no sentido puro e nu, isto é, crear volumes ou conformar espazos. A de Peinó é unha proposta "narrativa" e eu creo que iso é unha eiva que non desmerece pero mingua a súa achega, aínda que logo se vexa compensada co despegue ulterior. Esa mensaxe á que me estou a referir é sempre dun contido humanista, de preocupación social, de denuncia, de solidariedade: a condena da guerra, da violencia, o laio pola emigración que padeceu e padece o pobo galego, o desacougo que provocan vagas de incendios e os atentados ecolóxicos. Os propios títulos reflicten ese pensamento e ese sentimento: Humanidade I, Humanidade II.

Desde a perspectiva formal estamos ante unha talla realizada con medios tradicionais, sen recorrer a grandes devastacións nin ao emprego de máquinas (como pode ser o caso de Álvaro de la Vega ou de Francisco Leiro). A de Peinó é unha proposta moito máis sinxela, recollida, íntima, nada presuntuosa, como o evidencia o tamaño das propias pezas, a maioría delas bastante pequenas, e o traballo da madeira, esa madeira que, insisto, é un elemento esencial na súa obra e que cómpre tratar segundo as diferentes características. O carballo fende con facilidade. Iso é un problema e ao mesmo tempo unha virtude porque a fendedura pode acentuar o dramatismo da peza. Non sucede iso cos frutais (a nogueira, a mazaira, a cerdeira) que teñen o nó moito máis miúdo e máis cativo, tamén as ornamentais (o buxo ou a camelia). Sucede algo parecido co granito que lle das un martelazo e escacha por onde lle cadra, mentres que o mármore permite afinar, puír, matizar delicadamente o acabado final

E vou rematando. Vivimos un momento vertixinoso. Se en épocas aínda recentes as cousas importantes tiñan unha proxección permanente: a educación, o traballo, a amizade, o amor..., eran para toda a vida, agora o traballo é temporal, as relacións conxunturais, os amores pasaxeiros. Fronte a sociedade sólida do pasado estamos nunha sociedade líquida (xa se ten teorizado polos sociólogos) na que todo é fugaz, todo é caduco, efémero. E o mesmo pasa coas obras artísticas que son devoradas e engulidas polo mercado e anuladas apenas ven a luz. Fronte a esa arte perentoria, temporal, de consumo, de usar e tirar, álzase a obra veraz, libre e consecuente, como a de Luís Ferreiro Peinó.

Como todos os mortos, como dolorosamente Paco Pestana e Darío Xohán Cabana, que nos acaban de deixar, Peinó non é pero está; está morto pero está. Está na lembranza dos que o temos no noso afecto e no noso recordo, e está sobre todo na súa obra, permanece na súa obra. Para o caso, a morte non é máis que unha continxencia dramática, si, porque elimina o ser individual, pero en nada afecta a esas pezas que permanecen indemnes e puras. Esas pezas de Luís Ferreiro Peinó que manteñen toda a súa forza, toda a súa valía, toda a súa verdade.

Moitas grazas.


(Intervención de XULIO LÓPEZ VALCÁRCEL, avogado, narrador e poeta lucense. no acto en lembranza de Peinó celebrado no Vello Cárcere de Lugo o día 1 de decembro de 2021).
Valcárcel, Xulio
Valcárcel, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES